Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 12 de setembro de 2007

O himno galego non é orgásmico para Yolanda Castaño
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Partitura do himno galego en Ferrol; clic para aumentar
Detalle do monumento en Ferrol da partitura do himno galego. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Certa “progresía galeguista” cultureta (de actos, performance, de bautizos de poemarios, novas tendencias, galerías de arte, conmemoracións, congresos e facultades de filoloxía) pasan do himno.

No saco do himno collen a bandeira e os sinais de identidade. A progresía de Yolanda Castaño di que non se sente identificada con “ningunha afectación patriótica”. Que non lle ve “graza ningunha nin a lemas nin a bandeiras”, que non se identifica... que, di ela, “non me pon”. Esta progresía é tolerante, de “esquerdas”, “culta”, “sensíbel” e “sublime”.

Séntense, din eles “ridículos” cantando o himno, malia ter “letra de poema”. Que aman Galiza, malia o himno e se cadra, a bandeira?

Esta progresía di que “adoran os poemas sen donos e sen bandeiras”. A progresía anticlerical, porque non se poder ser progresista neste país sen ser anticlerical, din que o himno galego lles lembra demasiado a cando no colexio “cantábamos cancións de misa que loaban a Cristo”.

Din que non cren que sexa máis valente cantar un himno, nin que se ame con máis forza un lugar por querer cantalo. Remata a alegación anti himno con que prefiren cantar calquera cousa, “algo de Marful, de Nadadora. Pero himnos non. Paso de himnos” di a poeta, moi chea, Yolanda Castaño na derradeira páxina do Galicia Hoxe do domingo 9 de setembro de 2007.

  Monumento a Fontenla Leal; clic para aumentar
Monumento a Fontenla Leal, ferrolán emigrante en Cuba impulsor do himno galego. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Esta alegación contra o himno, pobre alegación por certo, é de xente que “defende” a nosa cultura. O himno, como a bandeira, o idioma, o pasaporte ou o DNI non os temos por cuestións de gusto, de que queden bonitos ou que teñan unha combinación de cores axeitada. Así como o poder constituínte se presupón á Constitución, a dotación duns sinais de identidade non é cuestión de poñelos ou elixilos porque “quedan ben” son “bonitos”, “riman”, “coñezo a letra”, “son guais”.

O filósofo inglés Bertón Russell no seu libro Eloxio do coñecemento inútil dicía que despois de coñecer a orixe de certas pequenas laranxas que adoitaba comer, procedentes da China, non lle sabían igual, senón mellor.

A min o himno galego, fillo da emigración, non me sabe igual que a certas poetas “progres” que gustan máis de Marful ou Nadadora. A bandeira non é branca cunha franxa azul senón, coma as laranxiñas de Russell, representa unha viaxe dentro da miña vida da que aínda non voltei.

Fomos moitos os que aprendemos o himno galego na emigración en América. Fomos moitos os que soubemos que tiñamos un himno e unha bandeira na emigración, moita xente do país descoñecíao. Eu relaciono o himno cunha parte importante dese esforzo de xente que non era da “progresía” senón da miseria e do analfabetismo que viron a necesidade e importancia de ser na distancia.

  Evoluír é preciso; clic para aumentar
Evoluír é preciso. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Do himno podería eu dicir que mo ensinou, a primeira estrofa, a miña avoa. Lémbroo moi ben. Pero a historia que máis me vén á miña cabeza cando oio o himno galego é a do exiliado político en Venezuela, Manuel Vilariño Santomé que, desterrado nas illas Canarias despois de tres anos na cadea (1936-1939) e do fusilamento dos seus irmáns, marchou nun veleiro durante 80 días con 61 persoas para fuxir da ditadura franquista. Chegado a Venezuela, foi internado no campo de concentración de Guasina, lugar en que recibiu unha cornada dun touro. Era o ano de 1949. Ingresado no hospital, Vilariño recibiu a visita dun misioneiro, o Padre Barral, que se identificou como galego. Vilariño non lle creu. Contoume Vilariño que o Padre Barral empezou a cantar o himno en proba da súa galeguidade (e non a Marful nin a Nadadora), e que el sentiu algo especial e cantou co Padre Barral.

Máis que a Nazón de Breogán, eu vexo a Vilariño, ao Padre Barral, a Castelao na Arxentina. A bandeira tamén a vexo pero a través do que me contara Xosé Sesto en Caracas, cando me narrara que pasara os derradeiros momentos de vida con Alexandre Bóveda rezando na cela; “Sestiño, ven comigo a rezar”.

A derradeira vontade de Bóveda ao Tribunal fascista que o matou foi que o enterraran coa bandeira galega. O xuíz militar aceptou, mais cando Sesto levou a bandeira do Casino de Pontevedra (a primeira bandeira galega izada en Pontevedra) para envolver o cadáver, impedíronllo os soldados. Contoume que, correndo, foi falar coa que despois sería a súa muller, e bordaron unha bandeira pequeniña e metérona debaixo da chaqueta ensanguentada de Bóveda.

As bandeiras e os himnos teñen iso, en si son letras e trapos, detrás esforzos e vidas de homes e mulleres. A banalización e bananización do noso contorno fai que xa nada se respecte, e dígoo porque sen ir moi lonxe pedía Javier Marías na prensa “aulas de urbanidade” para os españois que asistían a competencias deportivas internacionais porque “non sabían respectar os himnos dos países estranxeiros”, aquel que non se respecta a si mesmo, malamente poder respectar aos demais.

A min conmóveme o meu himno, a miña bandeira. Os domingos en Caracas, cando ondeaba baixo o tórrido sol do Caribe pensaba as veces en tantas cousas. A ausencia e a presenza de todo o que pode coller nun anaco de trapo... tantas historias de xente que xa non está connosco fisicamente.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/09/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta