Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 13 de agosto de 2007

Moncho Reboiras, o valor da coherencia
 

Manuel Mera -

fs@galizacig.net


  Carteis coa imaxe de Moncho Reboiras en Concubión
Carteis coa imaxe de Moncho Reboiras en Concubión
Moncho Reboiras
Moncho Reboiras
Todo aconteceu o 12 de agosto de 1975, na rúa da Terra na cidade de Ferrol e a poucos pasos da praza de Armas, cando Xosé Ramón Reboiras Noia, obreiro, enxeñeiro técnico, dirixente da UPG, morría tiroteado pola policía da ditadura franquista. Tiña só 25 anos. Relataba posteriormente un veciño «escoitei tres rafagas de metralladora sobre as tres menos cuarto da mañá... dúas horas despois guindaron unha bomba de gases lacrimóxenos, utilizaron o megáfono pra que se rendera... ouviuse un disparo illado e a continuación rematou todo». Este tráxico feito coincidía co despido o día nove de 1.250 operarios das auxiliares en As Pontes, por mor dun conflito laboral.

Moncho Reboiras naceu en Imo, concello de Dodro, e criouse en Vigo, no barrio de Teis. Desde moi mozo bebeu nas ideas de progreso e nacionalistas, nun primeiro intre ligado ao grupo alentado polo Padre Seixas e despois á Asociación Cultural de Vigo. Durante a folga de 1972 participou no conflito activamente; un dirixente de Organización Obreira, o «Dentes de Barreras», lembra que foi quen lles facilitou un aparello de impresión. OO xurdira dunha escisión de CCOO como consecuencia da ruptura co Partido Comunista dun forte grupo das Xuventudes Comunistas, entre eles Felipe (Anxo garcía Méndez), que tiña unha clara postura nacionalista.

A Reboiras coñecino cando voltou da «mili», ao pouco de chegar eu da Arxentina, era unha persoa agradábel, de convicións firmes, que traballaba arreo pola liberación nacional e social de Galiza, e que non esixía nada aos demais que el non estivera disposto facer. Vivín con Moncho un tempo, xunto con Manolo «de Remesar», na Coruña (nunha casoupa a un cento de metros por detrás da cadea). Tiña un seiscentos cos que facía moitos quilómetros todas as semans pra contactar con persoas en Viveiro, en Lira, perto de Caldas de Reis, e en moitos outros lugares... sempre de bo humor, non tiña acougo, as veces pedíame que o acompañara.

Sempre pensei que coa súa morte perdemos un gran dirixente, tanto político como de masas. Aínda que non podemos esquecer que era moi mozo, e as limitacións que impuña o franquismo naquel intre, cando lembramos a súa figura coido que compre valorar como moi importante o seu contributo no eido organizativo, tanto a nivel sindical como das asociacións culturais, xa que o nacionalismo popular atinxiu neste curto período unha base máis extensa e formada que a existente poucos anos antes. Os xermolos sindicais medraron e deron soporte ao Sindicato Obreiro Galego, que daba os seus primeiros pasos poucos meses antes dos tráxicos feitos de Ferrol.

Tampouco se debe ignorar que o seu asasinato foi un revulsivo que petou moi forte no corazón de moitos miles de mozos e mozas da nación, e espertou sentimentos e reivindicacións adormecidos ou engaiolados pola colonización. O que esto significou é moi difícil de valorar, porén tivo sen lugar a dúbidas -xunto con outras actuacións- unha gran importancia xa que fixo do nacionalismo unha referencia no momento preciso.

Non o esquezamos a Ramón Reboiras Noia como persoa; e especialmente lembremos e procuremos os obxectivos polos que morreu, aprendamos da súa coherencia, teimosía e atrevemento, da súa vontade transformadora. Algo moi importante neste tempo histórico que aporta ao nacionalismo galego avanzos nalgúns eidos, como negalos, porén sobre todo novos atrancos e eivas cun caracter estratéxico. Sendo así, fai falla polo tanto un pulo que lle aporte novos folgos teóricos e prácticos as clases populares galegas, especialmente a clase traballadora que é a inmensa maioría da povoación, pra acadar a liberación nacional e social. Nesto a mocidade ten moito que protagonizar, como na década dos setenta, como en calquer proceso histórico. Abrámoslle camiño e amosémoslle o lado máis positivo e solidario.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com


cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta