|
Actualidade / Artigo Folga do transporte de Lugo. Vai trinta anos. Manuel Mera-
Un comentario aparte merece o paro en Alumina-Aluminio dos traballadores das empresas constructoras da factoría. A folga comezou o día 11 de xullo e rematou o 26 de agosto, ou sexa durou 46 días. Tivo un final controvertido no que houbo un acedo enfrontamento entre o SOG e CC.OO por mor do acordo. Este seria aceptado pola coordinadora -a proposta do SOG- mentres que a asembleia xeral posterior moi dividida votou en contra -postura de CCOO, despois de asinar previamente-. Todas estas loitas sociais déronse nun contexto político complexo, ambivalente, onde por unha banda había medidas de abertura, forzadas pola presión social -especialmente a clase obreira-, porén mantíñanse en pe moitas das vellas estruturas, o aparello represivo e a maquinaria burocrática do franquismo. No mes de abril permitiuse a legalización das organizacións sindicais así como as folgas -en determinadas condicións- porén continuaban a funcionar as UTTs (Unión de Técnicos e Traballadores, que integraban aparello vertical do sindicalismo corporativista da ditadura, coa vella burocracia sindical, aínda que estaban moi infiltradas por Comisións Obreiras nalgúns sectores e provincias). Lembremos que foran prohibidas as manifestacións o día 1 de maio dese ano, que en Vigo e Coruña foron disoltas violentamente pola policía con moitos detidos. O Sindicato Obreiro Galego fundarase dous nos antes, a partires dos xermolos sindicais, e a Intersindical Nacional Galega, na que se integraban os distintos sindicatos de orientación nacionalista, legalizarase nos primeiros días de maio. A organización sindical do nacionalismo era polo tanto moi feble, en comparación coa que tiña comisións e mesmo outros sindicatos que se esgazaron da central estatal de hexemonía comunista. Analicemos agora o conflito ao que fai referencia o titulo do artigo. No Eixo do mes de xullo o SOG indicaba que era fundamental organizarse, pra poder seguir o exemplo de Pontevedra, na negociación do convenio colectivo do Trasporte da provincia de Lugo. Denunciaba asemade a actitude confusionista da UTT, que intentaba negociar unha táboa distinta á aprobada na asembleia. A situación de transición facía que na comisión negociadora os traballadores estiveran representados polas UTTs -a única legal a estes efectos-, e que nos sectores máis dinámicos a burocracia vertical tivera que compartir esta representación con portavoces elixidos nas asembleias de sector que se impuñan desde os sindicatos, até fai pouco tempo clandestinos e perseguidos. No Eixo engádese que os portavoces elixidos pola asembleia son: Julio Fernández Marrán, José Angel Díaz, Alejandro Álvarez Méndez, José Luís Trigo Veiga, José Manuel Muimelo e Ramón Angel García Pena. O día 27 de xullo fíxose unha asembleia e nela decidiuse convocar un paro indefinido desde o 5 de agosto. As diferenzas entre a patronal e os traballadores eran máis que evidentes e o conflito inevitábel. Os empresarios ofrecían 1.000 pesetas de aumento ao mes, o salario no sector era de 13.200 pesetas. A reivindicación dos traballadores fixouse en 28.437 pesetas pra o conductor mecánico e 24.375 pra o mozo. Unha comparación necesaria é a que podemos facer cos ingresos noutra provincia pra igual categoría, por exemplo en Pontevedra, onde se conseguira un salario de 19.000 pesetas pra o conductor mecánico despois dunha folga de oito días. A diferenza era de 6.000 pesetas co que cobraba un operario en Lugo, moi por riba das 1.000 que ofrecía a patronal. Este convenio serviría de referencia en toda a negociación. Temos que saber, asemade, que os aumentos do IPC eran moito máis altos que os actuais, no ano 1977 foi dun un 30% e de máis do 20% en 1976. O primeiro día de paro houbo catro detidos na cidade de Lugo, polo que se fixo unha concentración de medio cento de traballadores fronte ao Governo civil, e foron liberados. Tamén seria detido en Viveiro Miguel Campuzano -membro do Cumio Nacional do SOG-. Os xornais salientan que a folga foi seguida polos 1.200 traballadores afectados. Ese mesmo día fíxose unha nova asembleia, na que se indicou que a última reunión coa patronal foi a do día 4 e a seguinte non seria até o día 9 de agosto, o que tendo en conta o éxito do paro amosa a pouca disposición á negociación dos empresarios. Nos días seguintes os xornais fan mención ao peche da Estación de Autobuses e á ación dos piquetes informativos, así como de rodas pinchadas e outros incidentes menores. O SOG denunciaba «a actuación da forza pública no día de hoxe pola mañá (5 de agosto) ao reprimir varios piquetes, que non exercían ningún tipo de presión sobre os conductores, limitándose a unha laboura informativa» (La Voz de Galicia do 6 de agosto). O día 10 de agosto facíase unha asembleia no local do SOG á que acudían 400 obreiros e na que se acordaba non aceptar a última proposta da patronal, que era de 4.000 pesetas mensuais, os traballadores a esta altura pedían un aumento de 7.000 pesetas. Nos xornais do 13 de agosto facíase referencia a que nos almacéns algunhas mercadorías comezaban a esgotarse, despois de oito días de conflito. Os periódicos facían tamén referencia a que o paro atinxía a 1.221 operarios e 1.110 propietarios de vehículos. Na Voz de Galicia do 16 de agosto dicíase o seguinte «apreciamos o domingo como circulaban dous autobuses que ían precedidos por un jeep policial... En xeral os servizos regulares de viaxeiros continúan sen ser cubertos...». O día 18 de agosto, despois de 14 días de folga, as partes chegaban a un acordo ás 9 da noite, logo de 24 días de negociacións. Antes da sinatura do convenio fíxose unha asembleia na que en votación segreda os traballadores aprobaron o texto do acordo, e despois de asinado realizouse unha nova reunión na AISS coa presenza de 500 persoas. Nesta asembleia falou Manuel Fernández, asesor do SOG, que «expuxo as milloras conseguidas, explicando que o convenio era o máis alto do sector en Galiza... a súa intervención foi aplaudida en dúas ocasións» (La Voz de Galicia do 19 de agosto). Vexamos as milloras acadas co paro: salario base do conductor mecánico 19.050 pesetas e do mozo 16.680 pesetas; dietas 800 pesetas; horas extras 100% as dúas primeiras e as demais ou as feitas en días festivos ao 150%; o plus de toxicidade pasou de 3.000 a 5.000 pesetas; 28 días mínimos de vacacións, tres máis que antes. O voceiro da ING, Eixo, valoraba o convenio como un triunfo, non se confundía, os resultados veríanse pouco despois nas primeiras eleicións sindicais, cando a ING acadaba os seus millores resultados nesta provincia. |
|||||||||||
|
|||||||||||
|
|
|||||||||||
|