|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
O malestar social cobra forma e voz propia. Alimentado e cebado ao longo de décadas e séculos o abuso e a arrogancia, o exceso de riqueza e a indiferenza dos gobernantes peruanos que alimentan a testamenteiros de empresas transnacionais. O pobo peruano organízase desde a base e neste momento este movemento da base une os seus esforzos de loita coas autoridades rexionais e os sindicatos con marchas e folgas ao longo do Perú. Os departamentos andinos de Áncash e o selvático de Loreto manteñen unha loita contra o secular centralismo gobernamental do presidente aprista Alan García, o candidato do “cambio responsábel”, convertido no responsábel de que non haxa cambio e que permaneza un país empobrecido e centralizado. Os labregos do Departamento costeiro de Piura, mobilizados nas estradas ante o incumprimento gobernamental de pagar o reintegro aos algodoeiros ou esixindo que os proxectos de irrigación na desértica costa peruana en que está Piura, dean terras a quen non as teñen e non a novos e crecentes latifundios. A rexión de Cajamarca enfróntase ao Goberno aprista de García en Lima por mor da insaciábel sede de ganancias e a prepotencia mineira que está esquilmando e levando a riqueza fóra do Departamento e mantendo a súa poboación na pobreza en que sempre viviron. Os mineiros recórdanlle a Alan García que ofreceu eliminar os “servís” e restituír dereitos laborais, e xa non están dispostos a seguir esperando.
No agro andino peruano é onde se concentran os índices máis altos de pobreza no Perú e o lugar en que se está organizando a poboación con máis rapidez contra os gobernos de dereita de Lima. O 9 de maio deste ano de 2007 na rexión de Ayacucho realizouse a II Xuntanza de Comunidades indíxenas (Tapanakuy en idioma quechua) coa participación de distintos sindicatos e asociacións labregas e deputados das zonas no parlamento peruano. Nesta xuntanza chegouse ao acordo unánime de esixir un cambio drástico nos destinos do Perú. En primeiro lugar unha Asemblea Constituínte que abra paso a un novo sistema político, descentralizado e cunha verdadeira democracia participativa que dea curso a un efectivo control da xente sobre as autoridades, e que lle permita ao Perú recuperar o control sobre os seus recursos naturais e beneficiarse da grandísima renda que xeran estes recursos naturais para investir no seu desenvolvemento. Esixiron o cumprimento do compromiso que fixo o presidente Alan García de aplicar un imposto ás sobreganancias mineiras para investilas en ensino, saúde, saneamento e infraestrutura. Pediron na Xuntanza (Tupanakuy) que se revise o Tratado de Libre Comercio con Estados Unidos (que asinou o Perú) por ser “lesivo para os intereses da maioría de produtores do campo e para os intereses do país”.
No seu momento o actual presidente, Alan García, cando estaba en campaña contra Toledo, fixo un chamamento á poboación para loitar contra o que el definira como o fujimorismo económico. Non só era arrepiante o fujimorismo político e o masacre dos peruanos a mans deste abominábel monicreque de Vladimiro Montesinos, senón que as súas receitas neoliberais mergullaron na desesperación a millóns de peruanos que xa viñan cunha miseria endémica despois de séculos de explotación. Alan García, ex-presidente e candidato polo histórico APRA (Alianza Popular Revolucionaria Americana) de Víctor Raúl Haya de la Torre, perdeu en 2001 as eleccións contra Alejandro Toledo, inimigo acérrimo tamén de Fujimori, que continuou na liña económica marcada polo presidente de orixe xaponesa e deixou facer e colocar os grupos de poder económicos transnacionais as súas pezas chave no seu Goberno manexando a política económica do país segundo os seus intereses mais non segundo os da poboación. Unha baixada de popularidade grandísima nas enquisas do “cholo” (indíxena) Toledo, unido a unha vaga de protestas sociais que sumiron o país na anarquía e no descontrol non foron abondo para que Toledo renunciase a un cargo de presidente para o cal xa non tiña a lexitimidade dada polo pobo que o elixira. Os grupos económicos e mediáticos do poder fixeron que puidera rematar o seu mandato. Doutra volta, esta vez contra Ollanta Humala, Alan García presentouse como candidato baixo o lema do “cambio responsábel”. O “cambio” era con respecto ao continuísmo económico de Toledo das políticas económico-sociais de Fujimori. Unha vez máis, o pobo peruano saíu enganado dese cambio prometido. García colocou na dirección do país os que mandaron sempre e as liñas centrais de actuación en materia económico-social non mudaron ren. O incumprimento das promesas electorais, é dicir, o engano que utilizou para gañar as eleccións, así como o intento de aplicar aínda máis medidas privatizadoras, esta vez no ensino público, atoparon unha reacción de resposta na poboación. Ganancias extraordinarias de empresas mineiras debido ao prezo dos metais e materias primas no mercado internacional teñen a súa correlación con salarios conxelados dende hai anos para regular a inflación. As grandes compañías transnacionais reciben do Estado peruano (e de moitos outros latinoamericanos) exoneracións de impostos para establecerse no país. Mentres a carga impositiva que non se aplica as ganancias nin ao traballo destas empresas pasa aos cidadáns por medio de impostos indirectos a bens básicos de consumo (alimentos, gas, luz, etc) e quítanse incentivos e exoneracións que paliaban en certa medida a desigualdade no ingreso e permitían a sobrevivencia aínda que en condicións moi precarias. A ausencia de ingresos suficientes por parte do Estado peruano polas actividades das compañías transnacionais mingúan a posibilidade de políticas sociais en áreas como agricultura, ensino ou sanidade e fai que os traballadores públicos, incluídos os militares, teñan tamén os seus salarios conxelados. Segundo economistas peruanos, esa política fai que o Perú teña unha das presións tributarias máis baixas de Latinoamérica, e por tanto non se invista o necesario. Como é posíbel que se manteña o investimento público en 2,8% de PBI cando as remesas dos emigrantes peruanos no estranxeiro xa alcanzan o 2,4% do PIB? A represión das protestas populares foi práctica común cos gobernos de Fujimori (no seu último mandato), Toledo e xa co de Alan García. Reprímese á poboación que protesta e encarcérase, mentres empresarios mineiros desafían a autoridade e non pagan multas e fan caso omiso do Ministerio de Traballo. Con motivo da folga do SUTEP o 12 de xullo, en Lima, foron detidos sen cargo ningún o ex-deputado de esquerda Javier Díez Canseco, o secretario xeral do SUTEP, Luis Muñoz e os dirixentes sindicais Nilver López e Robert Huaynalaya. Os medios de información, prensa, radio e televisión, voceiros do poder económico e político, iniciaron unha campaña de desprestixio contra as protestas e marchas reivindicativas do sindicatos de mestres públicos contra a intención privatizadora do ensino público por parte do goberno de Alan García. Segundo a prensa e a televisión, a elección de Luis Muñoz como secretario xeral do Sindicato Unitario de Traballadores na Educación do Perú SUTEP, un vello militante de Patria Roja e do sindicato de mestres, non tiña outra lectura que os temas relacionados co ensino seguirían coma sempre no Perú, segundo a prensa, mal. Segundo os medios de comunicación peruanos, a proposta dunha reforma educativa (privatización á chilena) por parte do Goberno terán unha oposición frontal do SUTEP, non pola reforma en si, senón pola orixe política dos seus dirixentes. Catro meses despois da elección de Luis Muñoz, o 5 de xullo, o SUTEP comeza unha folga nacional indefinida. O Sutep iniciou unha folga nacional indefinida a partir do 5 de xullo en contra da aprobación da Lei de Carreira Pública Maxisterial. O 5 de xullo o SUTEP e a CGTP realizaron unha marcha en Lima xigantesca. Foi unha resposta contundente dos mestres contra as pretensións do goberno de eliminar a estabilidade laboral a través da aprobación da Lei de Carreira Pública Maxisterial e, así mesmo, contra as escuras intencións do goberno aprista de privatizar as escolas públicas, vía a municipalización, é dicir a “chilenización” do ensino público. En Chile, durante a ditadura de Pinochet e os subseguintes gobernos “democráticos”, o ensino público cambiouse a modalidade do financiamento do ensino e descentralizouse a administración por medio da “municipalización” que agora se pretende no Perú. O discurso que lexitima estes cambios en Chile (e agora no Perú) di que o Estado é excesivamente burocrático e, polo tanto ineficaz; por iso debía transferir moitas das súas funcións sanitarias, infraestruturas, ensino... ao sector privado, que era máis eficiente. Pedagoxicamente pasouse da valoración do estudante como ser humano con plenitude de dereitos e a súa formación como cidadán, á concepción deste como consumidor de servizos culturais e factor fundamental do proceso empresarial educativo, é dicir, pasaba a ser un cliente. O obxectivo é entregar os procesos de regulación do ensino aos mecanismos do mercado, igual que se fixo con outros servizos públicos como a enerxía, a telefonía, os hospitais e a seguranza social na maior parte dos países de Latinoamérica, dos que Chile foi o pioneiro, grazas a ditadura pinochetista, e o que está pagando as consecuencias primeiro da mercantilización e privatización do público. O ministro de Ensino peruano, José Chang, ameazou con iniciar os procesos administrativos para “separar” aos profesores folguistas "por abandono inxustificado de funcións por máis de cinco días", pois o Ministerio de Ensino peruano declarou ilegal a folga do SUTEP que foi apoiada maioritariamente polos mestres. Un presidente rexional, Hernán Fuentes de Puno, declarou legal a folga e apoiou os folguistas nas súas xustas reivindicacións, protexéndoos dun despedimento inxustificado. Pola súa banda, o presidente Alán García sinalou que as protestas do SUTEP se deben á proximidade do 28 de xullo (festa nacional) "e seguramente queren premer para pedir máis diñeiro". "A min non me asustan eses que non queren capacitarse e ser avaliados. Son uns encirrantes, uns preguiceiros. Non me van torcer a man", declarou o presidente peruano, mentres que o seu primeiro ministro, Jorge del Castillo, asegurou á prensa que dentro do sindicato de mestres, existían correntes seguidoras do grupo terrorista Sendero Luminoso. A actitude “machota” de García, ameazante do seu ministro Chang e contaminadora do primeiro ministro Del Castillo son unha boa imaxe dos anos de Goberno que lles esperan aos peruanos e do que poden esperar aqueles que protesten. |
|||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/07/2007 |
|||||||||||||||||||||||
|