Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 31 de xullo de 2007

Aúpa Anasagasti
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Iñaki Anasagasti; clic para aumentar
Iñaki Anasagasti.
 
Tiven a sorte de coñecer persoalmente a Anasagasti. Venezuelano de nacemento, eu sono por carta de naturalización. Discrepamos sobre Venezuela e o seu presidente, porén, teño que aplaudilo polo valente e audaz artigo no seu blog sobre a familia real.

Somos millóns os que non aturamos nin aceptamos a monarquía española. Non por nada persoal contra o rei ou a raíña ou os príncipes, senón porque non están postos, senón impostos.

A monarquía non é unha institución do Estado, a única institución dun Estado democrático é o voto que dá vida as institucións e as lexitima. A diferenza entre un señor como Aznar (que non é do meu gusto), outro como Zapatero (que tampouco é do meu gusto) e o rei é que este último non foi elixido por ninguén, ou mellor dito, foi elixido por un recoñecido asasino golpista e “lexitimado” por unha consulta popular na que moitos millóns de súbditos (no Estado español non hai cidadáns por moito que se empeñen) aínda non tiñamos dereito a voto.

Cito con envexa o bretón Ernest Renan dicindo que unha nación era un plebiscito de todos os días. A nós, sub-ditos (por abaixo) negáronos a posibilidade de elixir.

  Franco e o seu herdeiro; clic para aumentar
Franco e o seu herdeiro na Praza de Oriente en Madrid.
 
Nun principio foi un, o príncipe Juan Carlos. Despois dous con Sofía, despois cinco cos fillos. Despois máis, cos gregos defenestrados por un pobo que os mandou pasear. Irene vive na Zarzuela. Despois chegaron os matrimonios e os netos e a familia pasou dun membro a cincuenta, sen contar os 25 cans da Zarzuela e a ducia de gatos reais (só dese palacio). No palacio da Zarzuela traballan 160 persoas.

Espectáculo lamentábel é velos nas revistas máis frívolas. Lamentábel é a súa pobre achega á ciencia, á cultura, á empresa. Por moito que se fale e se queira comparar á monarquía española coa inglesa, poñendo a esta como deprimente e chea de escándalos, cómpre dicir que Carlos de Inglaterra é un exitoso home de negocios de produtos ecolóxicos, que dá traballo no seu país e xera riqueza para os seus. Dicir tamén, sei que as comparacións son odiosas, que moitas das monarquías que existen hoxe en Europa gañaron a súa lexitimidade estando nos peores momentos ao carón do seu pobo contra a barbarie alemá nacionalsocialista da segunda guerra mundial.

Esta loita da monarquía inglesa, holandesa, norueguesa, belga contra a barbarie nazi e xunto ao seu pobo lexitimou os seus reinados, mentres que as monarquías que colaboraron e axudaron aos alemáns caeron pouco despois, como a húngara, romena, italiana...

A española non ten moito de que fachendear, senón moito que esconder e moito para anestesiar a estes españois que hoxe viven narcotizados consumindo cachivaches e crendo (ou facéndonos ver) que a monarquía é a nosa institución máis “honorábel”.

  As putas ao poder que os seus fillos xa están; clic para aumentar
“As putas ao poder que os seus fillos xa están”. Pintada en A Coruña. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Foi o avó do actual rei dos españois, Afonso XIII o que levou as quintas de mozos labregos galegos a loitar en Marrocos, no Rif. 13.363 son os cálculos en vidas humanas que a guerra de Afonso XIII de Borbón “El africano” deixou para a gloria da historia da infamia humana. O exército máis numeroso en África chegou a ser o español con 120.000 soldados levados á forza de vilas, aldeas e pobos. Aos soldados mantíñaos nas peores condicións, e moitos, dos que volveron a casa, sufriron toda a vida das febres e da adición ao haxix que lles daban os mandos na fronte de guerra, foron os nosos primeiros drogaditos.

Pero o Afonso XIII fixo un gran negocio coa guerra. Porque así como as monarquías que citei antes loitaron na fronte de guerra, o “primeiro soldado de España” Afonso XIII xamáis pisou o campo de batalla e bastáballe con mandar telegramas. É interminábel a lista de bandidos, estafadores e gángsters que acompañaban o rei Borbón. Os belgas Marquet, propietario do casino de San Sebastián e Cornuché, do de Deauville e Cannes que tanto gustaba de frecuentar o Borbón. O ex-presidiario español Pedraza, asesor de estafas do Borbón, tamén compartía a súa amizade.

  Raúl Gardini; clic para aumentar
Raúl Gardini e a Copa Louis Vuitton en 1992.
 
O rei “simpático” Afonso XIII pouco despois do Desastre de Annual (2.500 mortos españois) marchaba ao casino de Deauville lles contar chistes ás señoras e probar sorte cos seus engalanados uniformes. O desexo de riqueza deste simpático Borbón, levouno a darse un autogolpe de Estado, co ditador Primo de Rivera.

Non é nova esta teima dos Borbóns de rodearse de gángsters e delincuentes. Vímolo co XIII e repetímolo co actual rei. No palacio de Zarzuela entraban, contrataban e despedían persoal delincuentes como Mario Conde, que despediu a Sabino Fernández Campo, ou entraban con maletas cheas de cartos escuros personaxes como José María Ruíz Mateos, Manolo Prado, Javier de la Rosa ou o xeorxiano Zourab Tchokotua, que estudou co rei no internado de Friburgo.

Contra Zourab Tchokotua existe unha orde de ingreso en prisión de 1973 dun xulgado mallorquín por estafa inmobiliaria, e en 1992 foi acusado, outra vez, xunto a outro íntimo do rei, Oliver Mateu, polo mesmo delito.

Foi precisamente este xeorxiano quen en 1973 conseguiu da Deputación de Mallorca a cesión do palacio de Marivent gratis, algo así coma o de Meirás para Franco ou a longa lista de “cesións” feitas no seu día ao rei Afonso XIII. O palacio de Marivent era propiedade da Deputación a través dunha doazón do filántropo grego Juan de Saridakis á Deputación de Mallorca.

Eran os tempos de Franco e o ex-presidente da Deputación, Pedro Salas, sogro de Zourab Tchokotua, convence a Deputación por intermediación do xeorxiano e a súa filla Marieta Salas, que lle regalen o palacio ao principe Juan Carlos para que pase as súas vacacións.

Na casa do xeorxiano en Mallorca o rei facía negocios e “relacións”. Giovanni Agnelli, Mario Conde... e o industrial, mito dos industriais italianos dos oitenta, Raul Gardini, Alejandro Arroyo e unha das súa máis coñecidas amantes, a decoradora mallorquina Marta Gayá.

Gardini comprou a empresa de alimentación Koipe e entrou no accionariado de Elosúa, preparando a súa aterraxe no sector químico (no que era fortísimo en Italia) da man dos seus amigos, Mario Conde e Juan Abelló.

Abelló e Conde gañaron 360 millóns de euros despois de vender, en marzo de 1987, a empresa Antibióticos a Montedison de Gardini.

O 23 de xullo de 1993, o día antes do seu interrogatorio co daquela fiscal, Antonio del Pietro, dentro da operación “Mans limpas” Gardini pegouse un tiro na cabeza. Días antes suicidouse no cárcere o seu socio e presidente do ENI, Gabriele Cagliari. Juan Carlos aparecía nunha foto con Gardini e Agnelli, pouco antes do suicidio, en Mallorca nunha das copas-regatas das que tanto gustaban.

As relacións extramatrimoniais de Juan Carlos deixaron de ser un segredo hai moito tempo. Como ben sinala Anasagasti, non estaba para o nacemento da sua neta Sofía. Juan Carlos tivo como acompañante oficial a Gayá e foron precisamente as súas reiteradas ausencias –estaba en Suíza coa decoradora– na sinatura de documentos de Estado o que fixo que se soubese desa relación. Unha lista longa de mulleres mantiveron relacións co rei, moitas delas da farándula. Dende 2004 sae co alemá Julia Steinbush, que o acompaña a eventos lúdico-festivos e que ten 28 anos.

A familia política da familia real daría para máis temas. As palabras de Anasagasti, incluso educadas, son a voz de millóns de homes e mulleres que non acreditan nunha institución imposta á forza e con moi pouca lexitimidade histórica e presente.

Que unha persoa da calidade humana, política e intelectual de Iñaki Anasagasti diga o que dixo, retrotráenos ao mito platónico da caverna. Este Estado español, herdeiro dunha sanguinaria ditadura, aínda vive encadeado de cara á parede mirando sombras. Aqueles que saen e din a verdade, como Anasagasti, son considerados tolos.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta