|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Dende o 3 de xullo os traballadores arxentinos desta cidade austral mantiñan unha folga exixindo condicións distintas nas cargas impositivas que merman as súas ganancias a favor das empresas transnacionais establecidas na cidade. Da queima das noves empresas pesqueiras, catro delas, Vieira, Pescargen, Santa Cruz e a filial de Pescanova, Argenova, eran galegas. Unha vez lida a noticia, a culpa recae nos traballadores, por exixiren melloras e responsabilidades teimosamente, e nos líderes sindicais, que segundo a prensa declararon que “as protestas ían seguir até que non quede ningunha empresa en pé”. Cun pouco de olfacto (ou de intelixencia se cadra) vemos que non ten moito sentido destruír a empresa, a fonte de traballo, da que exixían unha obriga, a custa de quedaren sen o pagamento dos impostos por parte da empresa e sen o salario. A prensa, ao relatar a noticia explica, axuíza e condena os traballadores. Eu vou poñer dous exemplos dunha compañía conserveira galega que os medios de comunicación defenden teimosamente, para dubidar da culpabilidade dos traballadores arxentinos. A folga en Puerto Deseado comeza por unha protesta do sindicato de obreiros marítimos desta cidade, que conta coa adhesión da xente deste porto de 17 mil habitantes. O trinta por cento das exportacións pesqueiras da Arxentina saen por este puerto en folga dende hai tres semanas; unha das principais exixencias dos traballadores é que os empresarios (galegos, italianos, xaponeses e arxentinos) paguen o imposto ás ganancias que dende sempre tiveron que pagar os pescadores. Os traballadores en folga ocuparon o Concello, e ante as falsas promesas do alcalde que prometera mediar entre as partes e que marchou a un acto oficial con Kirchner, algúns decidiron atacar como puideron algunhas fábricas. Segundo a prensa arxentina local, o cálculo do monto en disputa non é sinxelo porque os mariñeiros cobran unha porcentaxe da pesca (lagostinos, camaróns). A tempada de pesca vai de marzo a xullo e en total, como máximo significan 8 ou 9 “mareas” (saídas ao mar), segundo a xerga local. De media os mariñeiros fan 5 “mareas” por tempada e por cada “marea” gañan uns 7 mil pesos, é dicir que en total serían 35 mil pesos de media de ingresos ao ano (7.000 euros). Os mariñeiros efectivos -4 por barco- teñen un ingreso adicional de 900 pesos brutos por mes. Son os que durante o resto do tempo coidan e fan mantemento nos barcos. Os dirixentes do sindicato local -Daniel Medina e Gustavo Donato- declararon á prensa arxentina patagónica que lles descontan un 35 por cento en concepto de ganancias, “unha de cada tres ‘mareas’ (saídas ao mar)” aclarou Donato. Segundo os números que manexan os mariñeiros de Puerto Deseado, de cada tres “mareas”, unha “marea” hai que destinala ao imposto ás ganancias que pagan eles e non as industrias pesqueiras transnacionais ou arxentinas. Esta é a situación que viven os traballadores pesqueiros de Puerto Deseado. Nada di a prensa galega ou española das súas condicións laborais ou do actuar das empresas pesqueiras galegas en Latinoamérica. Dous exemplos dunha mesma compañía galega en Latinoamérica poden servir de baremo para coñecer a realidade das nosas empresas “punteiras”.
O Grupo Calvo estableceuse en 2003 en El Salvador con varias empresas que traballan dende as fariñas de peixe até a actividade conserveira, con máis de 2.000 traballadores. É coñecida a denuncia, pouca na prensa galega, do uso de polígrafos (detectores de mentiras) cos traballadores salvadoreños para saber se pertencen a organizacións sindicais. Ao ano de se establecer no país centroamericano, os traballadores salvadoreños realizan unha serie de folgas exixindo medidas de seguridade laboral e o dereito a se sindicalizaren. A empresa galega Grupo Calvo responde a esas exixencias co despedimento de máis de 300 traballadores. Malia os despedimentos, formouse un novo sindicato e a empresa Grupo Calvo declarou a recontratación dos despedidos. Os traballadores aseguran que os reenganches dos despedidos son verdade pero que as cargas laborais acrecentáronse así como os abusos da empresa cara aos traballadores. Segundo os fundadores da seccional Calvo do SGTIPAC (Sindicato General de Trabajadores de la Industria Pesquera y Actividades Conexas), as condicións de traballo nesta fábrica do Grupo Calvo, segundo os seus testemuños, son “graves e tormentosas”. As traballadoras declararon que durante o paro espontáneo de 2004 aconteceu un “problema industrial” co ar da fábrica que provocou que varias ducias de traballadoras perdesen o coñecemento no seu posto de traballo. Rexistráronse tamén varios accidentes laborais con amputacións de membros das persoas afectadas. Os traballadores quéixanse das longas xornadas que se desenvolven día e noite, sen pausas, e sen os descansos estipulados pola lei, descargando os barcos atuneiros e procesando o produto. Por este traballo reciben salarios moi baixos, incluso para esta zona rural de El Salvador como é o porto de La Unión na fábrica de Punta Gorda. En xuño de 2006 o Grupo Calvo en El Salvador despediu, doutra volta, a máis de 600 traballadores. A empresa galega xa tiña aprobados os convenios 87 da liberdade sindical e a protección do dereito á sindicación e o 98 relativo á aplicación dos principios do dereito de sindicación e de negociación colectiva da Organización Internacional do Traballo (OIT) por parte do Estado salvadoreño, aprobación pendente e baixo ameaza por parte do Grupo Calvo de deixar de traballar naquel país de non aprobarse os convenios. A aprobación era de vital importancia para o Grupo pois grazas a eles tería a posibilidade de seguir exportando sen aranceis á Unión Europea (que exixía a aprobación) e representaría a continuidade dunhas ganancias extraordinarias para o Grupo unidas á exoneración de impostos que desfruta en El Salvador. O Goberno salvadoreño viuse na obriga de pedir ao Parlamento salvadoreño unha serie de medidas (esixiu unha reforma constitucional) para aprobar os convenios e manter a empresa galega en El Salvador. A Unión Europea esixe que El Salvador ratifique convenios laborais para manter as preferencias arancelarias que lle permiten á empresa galega exportar atún desde o país centroamericano a Europa sen pagar aranceis. Calvo tería que pagar un 20,5% de impostos a partir de 2007 se o Goberno salvadoreño non aprobase os convenios esixidos ou non conseguise unha nova prórroga do sistema de preferencias coñecido como SGP Plus. Finalmente o convenio 87 e 98 da OIT foron aprobados en El Salvador. A campaña e exixencia do Grupo Calvo para a aprobación de ambos os convenios só tiña motivacións comerciais e non de dereitos laborais, pois os feitos demostran que as accións da empresa galega son incongruentes co trato que lles dá aos seus traballadores, na súa maior parte, 1.400, traballadoras que reciben un soldo medio de 5,5 euros diarios. Agora que ambos os convenios están aprobados, o Grupo Calvo non cumpre eses convenios polos que tanto premeu ao Goberno salvadoreño. Os despedimentos dos 600 traballadores aconteceron despois de que os traballadores xa estaban protexidos polo foro sindical, feito que para o Grupo Calvo non ten maior relevancia e actúa con coñecemento de causa e coa maior das impunidades ante unha cada vez maior ameaza ante o Goberno salvadoreño de abandonar o país. En 1981 Calvo abre a primeira fábrica atuneira en Venezuela (no porto de Guanta, estado Anzoategui). Os convenios de apertura e explotación de recursos naturais en Venezuela teñen como contraprestación unha serie de obrigas por parte das empresas estranxeiras como, por exemplo, a transferencia de tecnoloxía, o adestramento de persoal do país, a creación de postos de traballo estábeis relacionados coa actividade económica da empresa estranxeira, etc. O Grupo Calvo incumpriu o acordo e o Goberno revolucionario bolivariano, en nome da República de Venezuela, segundo se comentaba en Caracas, tiña pensado incoar unha demanda contra o Grupo Calvo por incumprimento de contrato. A visita oficial do presidente da Xunta de Galiza, Manuel Fraga, do 24 ao 27 de xuño de 2001, serviu para chegar a un acordo e paralizar as pretensións xudiciais do Estado venezuelano contra o Grupo Calvo. O derradeiro día que estivo a comitiva oficial do Goberno galego en Caracas, 27 de xuño, da que era membro José Luis Calvo Pumpido como presidente del Grupo Calvo, na sede do Ministerio de Produción e Comercio, o Grupo Calvo asinou un Convenio Pesqueiro co Ministerio de Produción e Comercio e co Ministerio de Infraestruturas da República Bolivariana de Venezuela. Ese acordo incluía a reapertura da fábrica que o Grupo Calvo pechara sen motivos e o cumprimento das obrigas inherentes á explotación atuneira en Venezuela. Unha vez aberta, misteriosamente e despois de poucos meses, a fábrica do Grupo Calvo ardía e a prensa galega botáballes a culpa aos traballadores venezuelanos. Que pensar da lectura dos feitos de Arxentina (Puerto Deseado) respecto ás industrias extractoras de peixe e os medios de comunicación que son os seus voceiros? |
|||||||||||||
|
|||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/07/2007 |
|||||||||||||
|