Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 3 de xullo de 2007

A “besta salvaxe” da terxiversación
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Cotización mundial da dor, clic para aumentar
Cotización mundial da dor.
 
Blair dedicou un dos seus últimos discursos a chamar aos medios de comunicación “bestas salvaxes” pois o que procuraban eran as vendas e non a verdade. Que tivese que tardar tanto en decatarse Blair de algo que sabe calquera mortal da rúa non di moito a favor da intelixencia deste ex-primeiro ministro inglés. Inmediatamente os medios de comunicación dixeron que Blair facía referencia aos xornais que na Gran Bretaña reciben o nome de tabloides fronte a xornais máis grandes, de saba, que teñen maior calidade.

Isto non deixa de ser un ñelindre, porque Blair, na realidade non falou da calidade dos contidos senón da veracidade destes. O problema non é se Ana Obregón ten silicona nos peitos, senón se dicimos, teimosamente que a ten cando non a ten, e Blair fixo referencia a esa teimosía dos medios de crearen eles as verdades da nada, ou incluso sabendo que non son.

Blair dixo que entendía a fame e sede da prensa escrita por carnaza que servise como anzol ante un público que, con premer un botón, tiña a última noticia ao instante na prensa dixital, pero que el entendía que con esta sede e fame o que se perdía era o rigor nas análises para, segundo as súas palabras, “achegar claves para entender o que acontece”.

  Habermas e Ratzinger, clic para aumentar
Habermas e Ratzinger.
 
Eu coido que Blair fallou na súa análise porque un mentireiro-asasino coma el non pode sinalar co dedo a medios de comunicación que, malia mentiren, non escriben os seus xornais con sangue de inocentes de países árabes.

Despois da enxurrada de críticas a Chávez por non renovar a licenza de emisión a Radio Caracas Televisión, voces autorizadas e serias saen ao estrado para pedir por parte dos Estados unha maior regulación nos contidos e comportamentos dos medios de comunicación.

Un dos que solicita o control estatal co fin de salvar a prensa (que el denomina) de “calidade” fronte á outra de baixa calidade é Jürgen Habermas. Esta división de Habermas coincide coa de Blair entre tabloides (xornalismo-lixo) e saba (xornalismo de calidade). Habermas chega a dicir nun extenso artigo publicado integramente en www.lemonde.fr que así como o Estado está na obriga de asegurar determinados servizos básicos aos seus cidadáns, do mesmo xeito debería estar na obriga de asegurar unha información de calidade.

Nótese que cando se fala de calidade non se fala de veracidade. En Alemaña son varios os xornais que hoxe están en mans de grupos empresariais. Isto significa unha redución de custos en detrimento das análises e dos contidos das publicacións. Segundo Habermas, os lectores e consumidores de produtos culturais non son simples consumidores, senón “cidadáns cun dereito de participación cultural e política, para os que é preciso a información e a análise seria da realidade”.

  Portada de The Independientr, clic para aumentar
Portada de The Independient. Un a un, eles din a verdade, respecto ao ataque a Iraq.
 
Na miña opinión, esta solicitude de Habermas chega tarde. Sufrímola todos os días no Estado español ou mesmamente na Galiza. Poucos son os que cren os titulares dos principais xornais galegos ou españois. Sirva como detalle que o único xornal que actuou e informou con veracidade nos atentades do 11 de marzo de 2004 en Madrid foi o vasco Gara. Hoxe, varios anos despois, xornais como El Mundo manteñen unha mentira en pé, con escuros e interesados intereses político-económicos sen importarlles o dereito dos cidadáns a ter información veraz.

O mesmo xornal, Le Monde, no que Habermas publicara o seu escrito, sofre unha crise económica profunda que mingua a súa capacidade de non caer en mans do capital e servir como portavoz deste. Así, tres líderes sindicais franceses do xornalismo advertían das ameazas que sofre o xornalismo, ameazas que non proveñen do poder político senón do económico.

Pero que as ameazas veñan do poder económico é outra das probas polas que sabemos que detrás do poder político está o económico, que é realmente o que manda.

Abrir calquera xornal, dos nosos habituais, é todo un poema do nocivo exercicio da manipulación e da distorsión. Dende titulares de xornais galegos que anuncian a intención de Chávez de impedir a saída de sacas de correo de votos de emigrantes de Venezuela cos votos precisos para que “gañase Fraga” até enquisas mentireiras días antes das eleccións municipais para crear un Estado de intención de voto proclive ao candidato oficial do xornal.

The New York Times desculpouse cos seus lectores polas mentiras escritas sobre a existencia de armas de destrución masiva en Iraq que “xustificaron” a invasión e o masacre posterior da súa poboación civil. Despois desa “escusa”, a vida e o xornal continuaron como se nada acontecera, “xa pediran os perdóns pertinentes”. A impunidade ante a manipulación terminará cos xornais máis tarde que cedo porque unha nova conciencia está xurdindo entre a poboación.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta