|
Actualidade / Artigo Silvia Bermúdez Pérez-
A revista satírica xa sufrira dúas intervencións por orde xudicial, do seu número 1 e do número 7, por caricaturizar a situación do Estado español e do Vaticano respectivamente. Porén, isto sucedía no ano 1977 antes da aprobación, da tan sagrada para algúns, Constitución española. Fai xa medio ano a Fiscalía querelouse contra a portada do suplemento de humor “caduca HOY” por mostrar a El Rey cazando (en igualdade de condicións) a un oso borracho, e contra un artigo de Nicola Lococo no que o autor púñase no lugar do pobre osiño alcohólico. O obxectivo é claro, ter asustados aos debuxantes e editores para que non se atrevan a publicar caricaturas da Casa Real. Na redacción de “el jueves” son ben coñecidas as chamadas telefónicas solicitando un cambio de enfoque de determinadas caricaturas. Porén, secuestrar a publicación e censurar a súa páxina web constitúe un acto intolerábel nun Estado que di ser democrático. Non se pode recorrer a actuacións xudiciais para impedir a liberdade de expresión, afecte a quen afecte. Non se trata aquí de xulgar si nos gusta ou non a portada, trátase de poñer en valor o dereito fundamental a liberdade de expresión. O dereito a rirnos do Papa, de Mahoma, de Rajoy, de Zapatero, e como non, da Casa Real. Ademais, como afirmou o debuxante Guillermo, coautor da portada, non entendo a polémica, están debuxados “Tom Cruise e Katie Holmes, non sei porque a xente pensa que son os que non son. Ninguén dixo que sexan quen din que son. O xuíz Del Olmo leva gafas, ponse colirio, e quizá confundiu o tema”. En todo caso, eu tamén son culpábel. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/07/2007 |
||||
|