ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 31 de xullo de 2007

A presión dos traballadores, a presión social e a política foron claves
Remata a folga de CESPA en Vigo tras un “duro” proceso de negociación

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Rematou a folga de Cespa en Vigo; clic para aumentar
A folga durou cinco días e nun primeiro momento o Concello eludiu non só toda responsabilidade no conflito senón que mesmo se negou a mediar e até contratou a unha ETT para substituír aos traballadores/as en folga. (Foto: ©galizacig.com).
 
O pasado venres CESPA e traballadores acadaban un acordo para asinar o novo Convenio Colectivo tras cinco xornadas de folga, que tiveron un grande impacto social. De fondo, a presión exercida polos traballadores, a presión exercida polos veciños e veciñas de Vigo e a presión do propio Concello que, ao final, asumiu a necesidade de abrir vías de solución ao conflito.

Unha vez retiradas as sancións aos sete compañeiros/as por incumprir os servizos mínimos que foran recorridos por abusivos, os/as representantes dos traballadores de CESPA, a empresa concesionaria da limpeza e mantemento dos xardíns de Vigo, accederon a sentar a negociar.

Para a secretaria comarcal da Federación de Servizos da CIG de Vigo, Transi Fernández, os avances acadados coa sinatura deste novo convenio colectivo, a catro anos, son espectaculares. Entre outras melloras, Fernández salienta que a empresa accedeu a conceder unha cuarta paga da que se cobraría o primeiro ano un 25%, o segundo un 50%, o terceiro un 75% e o cuarto o 100%.


Incremento salarial lineal

Tamén se conseguiu un incremento salarial lineal, independentemente da categoría que teñan as traballadoras ou traballadores e que se traduce en 55 euros para 2007; 61 euros para 2008; 64 euros para 2009 e 67 para 2010.

As baixas por IT quedan como estaban no anterior convenio, pero a secretaria comarcal de servizos anuncia que se levarán á arbitraxe no caso de que a empresa queira pór un plus de absentismo.

Canto á xornada de traballo, acadouse que sexa de luns a venres pola mañá e de 37 horas á semana. Ademais, as vacacións non poderán comezar en sábado, domingo ou día de descanso, acádase a licencia retribuída para levar aos menores de 16 anos ao médico, que se concedan 10 horas de asemblea retribuída e dentro do horario de traballo e un día máis de asuntos propios, pasando así de 5 a 6.

Introdúcese ademais un novo aspecto que é que se multan a un traballadore conducindo un dos coches por algo que non sexa alleo a el, cambiarano de posto de traballo e seguirá cobrando.


O papel do Concello

Transi Fernández sinala que agora, tras chegarse ao acordo, o recén electo alcalde de Vigo, Abel Caballero, está agora tratando de sacar rédito facéndose con todos os méritos ante a opinión pública. Porén, lembra que a folga durou cinco días e que nun primeiro momento o Concello eludiu non só toda responsabilidade no conflito senón que mesmo se negou a mediar e até contratou a unha ETT para substituír aos traballadores/as en folga. Se coa súa mediación se podía ter solucionado antes o conflito, por que non o fixo?, pregúntase Fernández.

 
 
Informacións relacionadas
27/07/2007 Sancionan a 7 traballadoras/es por negarse a cumprir uns servizos mínimos abusivos
Masivo seguimento da folga indefinida de CESPA en Vigo
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta