Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 24 de xullo de 2007

Facendo país desde abaixo: As xeiras do Instituto de Estudos Miñoranos
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Xeira do IEM, clic para aumentar
Xeira do IEM, clic para aumentar
Petroglifos no Monte Tetón.
Xeira do IEM, clic para aumentar
Vista de Portugal desde o Monte Tetón.
Xeira do IEM, clic para aumentar
Cabalos no Monte Tetón.
Xeira do IEM, clic para aumentar
Castro Darriba no Monte Raxada e Monte Galiñeiro.
Xeira do IEM, clic para aumentar
Castro Darriba no Monte Raxada. (Fotos: ©galizacig.com).
Antón Alonso Ríos; clic para aumentar
Antón Alonso Ríos.
Antón Alonso Ríos; clic para aumentar
Xosé Antón Araúxo, un amigo do Concello de Gondomar, que forma parte da directiva do Instituto de Estudos Miñoranos, presidida por Carlos Méixome Quinteiro, convidoume a participar nun dos roteiros culturais que organizan polos concellos do Val Miñor (Nigrán, Baiona, Gondomar). A medida que me ía achegando ao punto de reunión, fronte á Casa do Concello de Gondomar, pensei que nos axuntariamos catro gatos. Non foi así. Alí había medio cento de persoas preparadas a facer o roteiro. Foi a miña primeira sorpresa positiva. Preguntei e dixéronme que mesmo nunha das actividades que organizaran pola noite con anterioridade participaran unhas duascentas persoas.

Collemos os coches e desprazámonos ate un camiño no Monte Tetón, na parroquia de Tebra, Tomiño, raiando coa parroquia de Couso en Gondomar, e desde alí a camiñar. A primeira visita foi a varios petroglifos, que abranguen un total de 270 metros cadrados, a uns 300 metros de altitude. Alí un arqueólogo (voluntario e membro do IEM) falounos do que representaban, da época en que se fixeron, así como da súa importancia pra o coñecemento da nosa historia. Foi unha explicación clara que nos deu a todos e todas máis coñecementos sobre o tema. Despois un segundo xacemento con varios petroglifos a máis altitude e a uns centos de metros do anterior. Seica se trata dun dos de maior dimensión do país.

A segunda etapa, despois dun percorrido polo monte seguindo carreiros de terra, entre mato e penedos foi a unhas mámoas. A unha altitude de máis de 400 metros e rente dunha marca que indica o limite entre Gondomar, Tomiño e Tui. Alí hai trece mámoas, algunha de grandes dimensións. Déronnos de novo explicacións (desta volta por outro membro do IEM). Indicounos que estas acumulacións de terra cubrían os dolmens, ou arcas, ou antas (cemiterio neolítico, hai 4.000 a 6.000 anos, en Galiza ten estes e moitos máis nomes), e que poucas fican enteiras xa que foron espoliadas na procura dos tesouros “dos mouros”, por certo inexistentes. Seica existen varios centos delas entre a raia con Portugal e a Ría de Vigo, nunha cota entre os 300 e 400 metros de altitude.

A terceira etapa, despois de percorrer varios quilómetros, ollamos vacas e cabalos no monte, imos a un castro chamado Castro de Arriba, xa na parroquia de Couso, semella de pequenas dimensións, nun cumio rochoso, e sen escavar e catalogar, polo que non se aprecia na súa totalmente. Nova explicación sobre os restos e a época.

En todo o percorrido, desde que visitamos os primeiros petroglifos, a paisaxe é abraiante. Na primeira parte da xeira óllanse ao lonxe os montes dos arredores, e vistas tanto do río Miño como de Portugal e o Baixo Miño. Ao chegar ao Castro temos unha panorámica do Val Miñor coas illas Cíes ao fundo, o Monte Galiñeiro a unha banda e o da Groba á outra. Despois baixar, que sempre é máis doado. Por último as despedidas, as felicitacións pensando en voltar.

Foron tres horas e media de camiñar, falar, facer novos amigos, aprender e querer máis á nosa historia, porén tamén ao marabilloso ecosistema que temos. Fai sete anos que o IEM fai estas xeiras que están relacionadas coas que fixo o Siñor Afranio (Antón Alonso Ríos, deputado agrarista na 2ª República, galeguista) cando fuxía das gadoupas da represión franquista, antes de pasar a Portugal. Faláronnos tamén da figura deste egrexio paisano os nosos guías.

Antón Alonso Ríos e Suárez Pícallo foron dous persoeiros da emigración galega na Arxentina, dirixentes da Federación de Sociedades Galegas Culturais e Agrarias de Bos Aires, que voltaron a Galiza durante a República. Pícallo tiña ademais actividade política e sindical en organizacións arxentinas da esquerda marxista. Despois do levantamento militar fascista Alonso Ríos retornou a Bos Aires. Integrouse no Consello de Galiza, xunto con Castelao, Suárez Pícallo, Elpidio Villaverde e Alfredo Somoza.

Na camiñada ía pensando que o traballo que realiza o IEM pra divulgar a nosa historia é importante, un exemplo de facer ben as cousas, de construír país desde abaixo aproveitando todas as potencialidades. Que contributo non sería que estas experiencias se fixeran en todas as bisbarras de Galiza... que forza dá, mesmo pra reivindicar e esixir, cando un conta con traballo por detrás.

 
As xeiras do IEM
Verán 2007
Coordenador: Xosé Ramón García Martínez
Data Saída Guías Punto de encontro
5 xullo
xoves
16:30h
1ª Rota Siñor Afranio
Pola serra da Groba
Xilberte Manso Praia de Santa Marta, Baiona
10 xullo
martes
23:30h
Visita nocturna P. de Outeiro dos Lameiros, Sabarís Xosé Lois Vilar
Eduardo Méndez
Praia de Santa Marta, Baiona
12 xullo
xoves
17:30h
2ª Rota Siñor Afranio
De Pinzas ao Monte Tetón
Xilberte Manso
Xosé Lois Vilar
Eduardo Méndez
Praza de Abastos, Sabarís
19 xullo
xoves
17:30h
3ª Rota Siñor Afranio
Alto dos Castros, Couso
Xosé Antón Araúxo Casa do Concello de
Gondomar
31 xullo
martes
23:30h
Visita nocturna P. de Auga da Laxe, Vincios Xosé Lois Vilar
Eduardo Méndez
Casa do Concello de
Gondomar
2 agosto
xoves
17:30h
4ª Rota Siñor Afranio
Por Morgadáns
Xosé Luís Alonso Casa do Concello de
Gondomar
7 agosto
martes
23:30h
Visita nocturna P. de Outeiro dos Lameiros, Sabarís Xosé Lois Vilar
Eduardo Méndez
Praia de Santa Marta, Baiona
9 agosto
xoves
5º Rota Siñor Afranio
Chaín, Vincios, Zamáns
Ismael Salgueiro Casa do Concello de Gondomar
21 agosto
martes
23:30h
Visita nocturna P. de Auga da Laxe, Vincios Xosé Lois Vilar
Eduardo Méndez
Casa do Concello de Gondomar
23 agosto
xoves
17:30h
Pola ribeira do
Río Táboas
Fernando Lahuerta Casa do Concello de Nigrán
30 agosto
xoves
17:30h
A Foz do Miñor Fernando Lahuerta Capela de San Campio, A Ramallosa
 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta