|
Actualidade / Artigo De turismo pola historia Manuel Mera-
Coido que sería bo que os responsábeis da Consellaría de Cultura e os técnicos da Xunta de Galiza se achegasen a Portugal pra tomar nota do que alí se fai nestes temas. Por exemplo, no norte deste país irmau, en Vila da Feira a uns 30 quilómetros ao sul de Porto, existe un castelo, en moi bo estado de conservación, no que ademais se realiza unha animación. Un grupo de mozos e mozas, con vestimenta da Idade Media, amosa as armas que se utilizaban e escenifica un combate entre dous cabaleiros. En distintos lugares da fortificación teatralizase a un governador mouro do castelo namorado dunha doncela cristián da bisbarra, toda a escenificación faise procurando a complicidade dos visitantes e con grandes doses de comedia, e sobre todo moi ben interpretado. Paga a pena velo. En Guimaraes, vila que se considera berce do nacemento do Reino de Portugal, fica o museo Martíns Sarmento, no que foi un mosteiro dominico, nel atopamos unha mostra importante de obxectos da época castrexa e en menor medida romana, sueva e visigoda. Destacan dous guerreiros celtas tallados en pedra, de grandes proporcións, e sen cabeza, así como unha morea de pedras con simboloxía céltica. Hai un guía e dá unha información completa, reflectindo coñecementos e interese no que fai. A poucos quilómetros de Guimaraes, camiño de Braga, está a citania de Briteiros, un castro de proporcións moi semellantes as de San Cibrau de Las, porén moito máis escavado e sobre todo preparado pra recibir visitas. Salienta o lugar adicado a tomar os baños. O visitante galego escoitará que os guías nomean decote a importancia destes lugares no nacemento de Portugal e na configuración do país veciño, así como das relacións estreitas coa Galiza; mesmo indicaran a mesma orixe de ambos países, e algún aventura que a raia non debería dividir senón unir, e que sería moito millor o noso destino de termos mantido a unidade. Pra alén das hipóteses e os desexos, por máis que nos agraden, debéramos tomar nota da importancia que toda nación soberana lle dá á historia, tanto na consolidación da identidade como na recreación da autoestima como povo. Tampouco se debe ignorar que temos con Portugal, especialmente a zona norte, moito en común, tanto na lingua, como na cultura e historia, e hoxe un comercio que nos favorece e crea emprego. Non se entende que manteñamos máis relacións con Madrid e Barcelona, a unha distancia mínima de 600 quilómetros, que con Braga ou Porto, a 120 quilómetros da fronteira como máximo, cando temos con Portugal unha mesma orixe e cultura. Facer de San Cibrau de Las un centro da etapa castrexa, lugar de obrigada visita de todos os galegos e galegas e atractivo pra o turismo foráneo, obriga a millorar os acesos, dotalo dun museo e servizos, ampliar as escavacións e, ademais, animar con interpretes e exposicións a época. Exemplos de como facer ben todo esto témolos moi perto, fai falla vontade, rematar con prexuízos, e saber que todo froito pra madurecer necesita de tempo e coidado, atrevemento e teimosía. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/07/2007 |
||||
|