Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 18 de xullo de 2007 (Publicado en La Región o 17/07/2007)

As Mocidades Galeguistas
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Manuel Mera e Elixio Rodríguez en Bande en 1998, clic para aumentar
Manuel Mera e Elixio Rodríguez en Bande en 1998.
Museo Martíns Sarmento, clic para aumentar
“Con grande entusiasmo celebrouse en Ourense a III Asambreia das Mocedades Nacionalistas”, Guieiro nº 12 de 1 de xuño de 1936. (Fotos: ©galizacig.com).
 
Hai agora setenta e cinco anos que se fundaron as Mocidades Galeguistas por iniciativa do histórico Partido Galeguista. Compostela, A Coruña e Ourense foron as cidades nas que primeiro se implantou; nesta última tivo unha importante presenza, así como en varias vilas da provincia (Celanova, Bande, Allariz, Maceda...). Asemade na cidade das burgas, chamada daquela a “Atenas de Galiza”, fixéronse todas as asembleias xerais, sen dúbida debido ao grau de implantación e dinamismo que tiña nesta zona.

As Mocidades Galeguistas chegaron contar con 45 grupos e 13 delegacións, cun milleiro de afiliados (Celanova 90, Compostela 80, Vigo 60, Ourense 58, Allariz 32, Bande 29, etc), con moita máis actividade no sul que no norte de Galiza. A medida que foi pasando o tempo afastouse cada vez máis organicamente do PG, aínda que colaborou nas campañas e actos que o partido programaba. Até 1935 utilizou como voceiro A Nosa Terra, incluíndo no periódico unha folla, porén a partires deste ano comezouse a editar “Guieiro”, do que saíron do prelo 13 exemplares.

Esta organización xuvenil estivo cruzada, como acontecía co Partido Galeguista, polos debates do momento, aínda hoxe presentes no nacionalismo, como son: se federalismo ou unha soberanía nacional plena (arredismo); se debe existir algún tipo de alianza coa esquerda estatal e até onde debe chegar; e se ter unha actitude radical ou moderada na práctica política. Foron discusións que se enredaron e nas que non houbo dúas posturas moi definidas e sempre encontradas. No debate tamén incidiu a ruptura da Dereita Galeguista co PG, por mor do pacto coa Fronte Popular.

Coido que as alianzas internas fixéronse sobre todo en función das grandes definicións estratéxicas. Nomeadamente se as Mocidades Galeguistas facían do galeguismo a súa marca de identidade, e non tanto pola confrontación esquerda dereita, aínda que este aspecto tamén estivo presente nos debates. A definición nacionalista das Mocidades completábase co antiimperialismo e a procura dunha federación internacional de nacións.

Entre a 2ª e 3ª asembleia o arredismo foi o discurso dominante. Os dirixentes deste período foron Xosé Velo e Celso Emilio Ferreiro, do grupo de Celanova, Xosé Nogueiras de Allariz, e Vicente Bóveda. Na 3ª asembleia perdeu por 439 contra 331 votos a proposta arredista e de oposición a calquer acordo cos partidos estatais, optándose por apoiar a alianza coa Fronte Popular e a campaña do Estatuto de Autonomía. O Estatuto era considerado polos arredistas das Mocidades, e tamén pola Organización Nacionalista Pondal de Bos Aires, como unha traizón aos anceios de liberdade nacional de Galiza. Agora ben, na práctica, malia ficar moi lonxe das aspiracións nacionalistas, ollábase por moitos como un avanzo a respeito da situación existente, o que sen dúbida engadiu votos á proposta federalista (pro Estatuto), sumando o apoio daqueles que coidaban necesaria máis flexibilidade na conxuntura. Ademais foi apresentada aos delegados unha enquisa feita entre persoeiros do PG, como Bóveda e Plácido Castro, na que recomendaban o apoio ao Estatuto e unha postura galeguista de esquerdas, que tamén debeu pesar o seu.

Un dos xovens militantes que acudiron a esta asembleia era Elixio Rodríguez, que acaba de faceler en México, e que deixa tras de si toda unha vida de paixón por Galiza e a causa galeguista. Dicíame, vai uns anos, nunha reunión na súa casa de Bande que, “daquela arredistas eran todos os das Mocidades, eso do federalismo era pra non asustar á xente, que estaba moi mediatizada polos partidos estatais e os poderes fácticos”. En todo caso, aínda que o tempo non pasa en balde, a práctica posterior destes xovens dirixentes das Mocidades Galeguistas axuda a botar luz sobre o proxecto que cada un deles defendía.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta