Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 12 de xullo de 2007

A Nosa Terra, aquel voceiro do nacionalismo liberador
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  A Nosa Terra, nº 1 de 14 de novembro de 1916, clic para aumentar
O de 14 de novembro de 1916 (arriba) é o primeiro numero de A Nosa Terra, da etapa na que foi voceiro das Irmandades da Fala; os outros dous números (abaixo) saíron do prelo no exilio en Bos Aires, ao abeiro da Irmandade Galega.
A Nosa Terra, número de 1970, clic para aumentar
A Nosa Terra, nº 516 de xuño de 1971, clic para aumentar
 
Moises Da Presa, Bieito Cupeiro, Manuel Pedreira, Ricardo Flores, Guede, Montero, Lema, Bernaldo Souto, Abraira, foron fundamentalmente os que na última etapa no exilio en Bos Aires mantiveron vivo o periódico A Nosa Terra, co soporte da Irmandade Galega de Bos Aires (da que fun secretario). Lembremos que este voceiro naceu fai agora un século, como expresión do nacionalismo galego, e unha década despois converteuse en boletín das Irmandades da Fala. Falo deles porque o xornal facíase con moito sacrificio, por persoas que querían manter aceso o alento a prol dunha Galiza liberada e xusta socialmente, e esto merece un recoñecemento, máxime cando eran intres nos que a emigración galega ía a menos e faltaba o entusiasmo da mocidade. A Nosa Terra nesta etapa era o voceiro da Irmandade Galega, a organización na que confluirán baixo a direción de Castelao, no exilio arxentino: o Partido Galeguista, arredistas e republicáns e agraristas galeguistas.

Achegueime á Irmandade Galega fai agora catro décadas, na procura de persoas coas que compartir as miñas inquedanzas arredistas (non só nacionalistas). Eran as dun mozo fillo e neto de emigrantes, nado nunha aldea de Allariz chamada Seoane. Un mozo emigrante que en 1962 dera un pulo na súa conciencia política ao vivir durante un ano nunha Galiza oprimida pola ditadura franquista, que negaba os máis mínimos dereitos democráticos e sociais, moi especialmente os relativos á nosa identidade nacional e á marxinación do rural.

Na Irmandade Galega atopei a elocuencia, o discurso democrático e fondamente nacionalista, de Bieito Cupeiro, co que botaba longas parrafeadas na viaxe que faciamos en colectivo (autobús), na parte de traxecto en común que tiñamos despois das reunións da Irmandade Galega entre os barrios de Once e Villa Luro. A Manuel Pedreira, que me fixo leitor apaixoado do que editaba Galaxia. E sobre todo a Moisés Da Presa, que me falaba do Gallego Soto, da importancia da Asociación Nacionalista Pondal e do seu voceiro A Fouce, e de como quixo organizar un Partido Comunista Galego (a etapa da chamada Fouce Roxa). Eles foron os que me animaron a escribir en A Nosa Terra, déronme as primeiras clases de historia patria e amosáronme a que era pra min (como pra maioría dos emigrantes) descoñecida loita do nacionalismo. Desta xeira son artigos meus en A Nosa Terra, con alcume a maioría, como: Galiza Colonia de Hespaña; Son mester teinicos; A UPG e o seu Programa; Unha consiña, Liberación; Xustiza e desenrolo; Albania; etc.

A Nosa Terra foi sempre, e moito máis no exilio, sinónimo de nacionalismo, de xustiza e liberdade, ou sexa: a expresión máis nidia das clases populares galegas, da maioría social secularmente discriminada e explotada. Cando encetou a súa etapa de novo en Galiza, coa queda da ditadura franquista, o xornal seguiu nese rego, fidel a súa identidade orixinal e co apoio limitado en cartos e abondoso en entusiasmo da militancia do movemento nacional popular galego. Pasaron desde aquela tres décadas, houbo moitas mudanzas sociais e económicas, especialmente na consolidación do bloque hexemónico e no control inmenso que exerce sobre a conformación do imaxinario colectivo (a formación, a información; a percepción da realidade, a ideoloxía), sen que se modificaran os alicerces básicos da colonización. Mudanzas nas que o nacionalismo galego incidiu, mais que tamén causaron cambios no seu interior e polo tanto nas propostas e na practica social e política do proxecto estratéxico (maioritario).

Os cambios que se están consolidando actualmente no periódico A Nosa Terra semella que obedecen a esta nova realidade na correlación de forzas interna no nacionalismo, así como do bloque dominante coa sociedade galega en xeral, en relación ao período anterior. Podemos teorizar por que se producen, porén outra cousa é xustificalas e aceptalas, máxime cando A Nosa Terra é un proxecto histórico nado pra defender intereses contrapostos coas clases hexemónicas, e que pasou por andainas moito máis duras. Lembremos que hoxe o nacionalismo atinxiu algunhas cotas de poder... e aínda que non fora deste xeito tampouco se xustificaría, ao meu entender.

  O que fora Centro Ourensán en Bos Aires, clic para aumentar
O que fora edificio do Centro Ourensán, en Bos Aires, lugar no que estaba a sede da Irmandade Galega. (Foto: ©galizacig.com).
 
O periódico ten hoxe dous eixos, o cultural e o institucional, deixando practicamente como algo anecdótico os temas sociais, e mesmo cando os trata nalgunha oportunidade, como durante a pasada folga do naval na provincia de Pontevedra é millor que non o fixera. Lembremos a nota en portada condenando que se lle prendera lume aos contenedores e buscando unha certa relación coas bombas pota de Resistencia Galega. Nen a Voz de Galicia se atreveu a tanto. Non se ve no periódico a mesma dureza coa patronal, e a respeito da sobreexplotación da clase traballadora (que é maioría a social) e moi especialmente da clase obreira. En troques os representantes nas institucións, especialmente na Xunta, abranguen páxinas enteiras. Sen quitarlles interese, non semella que haxa un equilibrio, especialmente nun xornal que naceu cunha finalidade liberadora.

Dirase que é un periódico que depende dunha “empresa” privada, mais tamén o era fai trinta anos. Non vale como argumento. En todo caso, desde fai uns anos o capital empresarial (real) foi collendo anacos de poder en Promocións Culturais Galegas. Agora coa modificación dos estatutos seica unha empresa da construción, San José, vaise facer co 51% das acións, xa tiña unha importante porcentaxe (por certo, unha empresa con sede social en Madrid, dun empresario galego, e nun sector que está moi ligado á especulación, á desfeita urbanística e á corrupción). Esta si que é unha mudanza radical!!! e, aínda que a maioría do cadro de persoal estexa ligado desde sempre ao nacionalismo terá consecuencias a medio prazo. Sei que nesta nova xeira a “empresa” seica vai dar un pulo ao xornal dixital e abrirse á realización de vídeo, o que é positivo; mais nunca debe ser a troque de mudanzas que semellan importantes e menos hipotecar politicamente a cabeceira dun xornal que é patrimonio histórico do nacionalismo.

Tampouco se pode ignorar que o novo presidente no Consello de Administración é Miguel Barros que se define a si mesmo como un galeguista non nacionalista (até fai pouco militaba no PSOE). Unha nova ruptura coa andaina histórica, e que algún significado terá dentro da nova xeira editorial. Estarase abrindo paso un proxecto galeguista, non nacionalista, reducido ao eido cultural, reproducindo serodiamente a visión que do problema nacional tiña Ramón Piñeiro?... se fora así sería un apoio aos que queren facer un nacionalismo morno, que non cuestiona o marco do Estatuto, que acepta a globalización neoliberal (aínda que con axustes sociais) e que devece por estabelecer pontes cun sector da patronal galega, especialmente desde que acadou o nacionalismo espazos de poder institucional na Xunta, as deputacións e os grandes concellos.

O tempo dirá até onde chegan as mudanzas, aínda que o proceso non ven dagora. En todo caso, semella, que A Nosa Terra xa pouco terá que ver co proxecto histórico. Non sei o que lle doería esto a Castelao ou Bóveda, non me atrevo a tanto, porén podo dicir que nunca entenderían esta evolución aqueles irmáns da Pondal e da Irmandade Galega cos que na rúa Belgrano, nunha sala do Centro Ourensán, fai catro décadas alá en Bos Aires soñábamos coa construción dunha Galiza liberada, descolonizada, xusta. O director de A Nosa Terra acaba de recibir a medalla Castelao polo que representa o xornal, é merecida, mesmo debéuselle entregar antes. Agora ben, nesta conxuntura sempre ficará a dúbida se é polo que foi até hoxe ou polo que vai ser no futuro, tendo en conta que os contributos do nacionalismo galego nunca foron recoñecidos a nivel institucional, nesto tamén haberá un cambio?...

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/07/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta