|
Actualidade CIG-Comunicación-
A convocatoria de folga indefinida en CESPA producíase tras da ruptura das negociacións do convenio colectivo. As traballadoras e traballadores, apoiados pola CIG, demandan uns incrementos económicos que se traducen nunha suba salarial mensual de 60 euros o primeiro ano, 70 euros o segundo e 80 o terceiro, nun convenio por tres anos; que se recoñezan as baixas ao 100% e desde o primeiro día; unha cuarta paga ademais de libranzas, licenzas e outras melloras sociais. A secretaria comarcal da Federación de Servizos da CIG de Vigo, Transi Fernández, explica que a patronal non está disposta a aceptar estas demandas e o único que está disposta a ofrecer é un incremento do IPC real máis o 0,25 cada ano, nun convenio por catro anos. Tras da ruptura das negociacións e da convocatoria de folga, os traballadores solicitaron do Concello a súa mediación para facilitar que se acheguen posicións e se posibilite a sinatura do convenio. Porén, desde o PSOE eluden calquera responsabilidade e derivan todo o conflito a un problema entre a empresa e o cadro de persoal, malia ser CESPA unha concesionaria que desenvolve a súa actividade directamente para o Concello ao igual que os traballadores. CESPA ten unha concesión por 16 anos e aínda lle restan 6. O máis grave, segundo a secretaria comarcal da Federación de Servizos é que, ademais de negarse a mediar, desde a Concellaría socialista contratáronse os servizos dunha Empresa de Traballo Temporal para suplir o traballo dos folguistas, conculcando así este dereito fundamental. Transi Fernández lembra que até o de agora isto nunca acontecera, xa que en anteriores procesos de negociación desde o Concello nunca se negara a posibilidade de mediación entre as partes. Ademais, logo de que se decretaran uns servizos mínimos abusivos, os traballadores acordaron non cumprilos á espera de que se resolva o recurso presentado en contra. Transi Rodríguez explica que, en concreto, o que se pretendía era que, dun cadro de persoal de 109 traballadores/as, 32 seguiran cubrindo os labores de limpeza e mantemento dos xardíns, o que “minimizaría o impacto da folga e polo tanto a capacidade de presión das/os traballadoras/es”, explica a representante da CIG. A CIG considera que se non se quitan as sancións non se pode iniciar novamente a negociación. Na mañá do xoves 26 de xullo o comité de folga participou nunha xuntanza cos tres grupos municipais de Vigo para demandar novamente a mediación do Concello no conflito e que este presione á empresa para retomar as negociacións. Demanda que non se materializou cos mesmos argumentos das xornadas anteriores. En todo caso e tras desta xuntanza, a propia empresa convocou aos representantes dos traballadores/as a unha reunión ás 14:00 horas, da que non se obtivo ningún resultado. A secretaria comarcal da Federación de Servizos explica que os representantes da empresa, ademais de non estar capacitados para chegar a acordos, chegaron 25 minutos tarde. “Fixeron unha reflexión sobre a importancia de que cumpriramos os sevizos mínimos e nós explicamos que mentres non se retiraran as sancións dos 7 compañeiros por negarse a cumprilos non sentariamos a negociar. Contestaron que era imposíbel e demos por rematada a reunión”. |
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/07/2007 |
|||||||||
|