|
Actualidade / Entrevista Zélia García-
Zélia García: Como nace a FGAMT? Xosé Fernández Piñeiro: A FGAMT nace por fusión de tres federacións (Alimentación e Téxtil, Mar e Transporte e Comunicación). Esta decisión foi adoptada, ao amparo das Resolucións do último Congreso Confederal, onde se incidía en materia organizativa en ir a un número menor de federacións pero de maior entidade, para que estas tiveran maior capacidade operativa (liberados/as na maior parte das comarcas). Neste sentido as federacións do Mar e Transporte tiveran contactos para facer un proceso de unificación entre elas, que non tivo éxito. Por outra banda, a Federación de Alimentación e Téxtil no seu último Congreso xa aprobara unha resolución en liña co aprobado polo Congreso Confederal de ir cara un proceso de unificación, polo tanto nesta Federación se asumira esa futura a fusión, entre outras cuestións, porque dado o volume de afiliados/as non permitía no presente nin nun futuro próximo chegar a ter unha estrutura no conxunto das comarcas que permitira atender en óptimas condicións os múltiples problemas derivados da Acción Sindical e Negociación Colectiva, e polo tanto dar a loita nas eleccións sindicais no obxectiva de poder galar a CCOO-UGT na maioría das comarcas. A unificación realizouse o día 11 de decembro en Vigo (na xornada da mañá disolución das tres federacións e na tarde Congreso de Unificación). No congreso de disolución do Transporte existiu por parte dunha serie de congresistas unha oposición a esta unificación, aínda que posteriormente prosperou a posición maioritaria, que era a da unificación. Neste Congreso elixiuse como secretario nacional ao secretario nacional da Federación de Alimentación e Téxtil, que era a de maior afiliación, tal e como se tiña pactado no proceso de conversas das tres federacións, ademais dunha Comisión Executiva de 13 membros (5 de Alimentación, 5 de Transporte e 3 do Mar). Este proceso de unificación permitiunos como elemento máis importante o de ter estrutura en case todas as comarcas a excepción de Ourense e Ferrol, que rematadas as eleccións sindicais, teremos que abrir un proceso de conversas con esas comarcas, xa que teñen ratios para medio liberado/a.
Xosé Fernández Piñeiro: O proceso tivo lugar con normalidade, non exento de desconfianzas, xa que existen diferenzas sindicais (mais produto de seguir o modelo anterior de cada federación que de encarar o futuro como unha única estrutura). De todos modos fomos quen de, nun período relativamente corto de tempo, constituír a Dirección Nacional e as diferentes executivas comarcais, a excepción de A Mariña. É preciso subliñar que existen diferenzas na Executiva da Federación (non así nas executivas comarcais, agás en momentos puntuais) pero a medida que o tempo transcorre estas vanse superando, fundamentalmente polo maior coñecemento e confianza que se vai xerando por parte de todos e todas, e que permite encarar o futuro con optimismo. Zélia García: Cal é a situación da FGAMT respecto á afiliación? Xosé Fernández Piñeiro: Con respecto ao incremento da afiliación, polos últimos datos da Confederación estamos un pouco por diante da media, ao redor dun 4,5 no ano 2006. Vimos de aprobar uns orzamentos no 2007 e situamos o crecemento no 5%, aínda que estamos convencidos de que o imos superar. Zélia García: Hai algunha outra cuestión organizativa que destacarías? Xosé Fernández Piñeiro: Na FGAMT continúa a manterse un peso diferencial enorme entre as comarcas de Vigo e Pontevedra, con respecto ao resto do país, xa que estas dúas comarcas por si soas case representan a metade da Federación en afiliación e representatividade sindical. Zélia García: Como valoras e en que momento se encontra o proceso das eleccións sindicais nesta Federación? Xosé Fernández Piñeiro: Até agora os datos que temos é que nas comarcas de Vigo e Pontevedra podemos gañar as eleccións. Ademais comezan a aparecer datos de crecemento, como até agora non se tiñan, nas comarcas de Santiago (fundamentalmente na unión local de As Rías, xa que é onde a FGAMT ten máis potencialidade) e na de Ferrol. O resultado xeral da FGAMT vai depender moito do comportamento da Comarca de A Coruña, que é onde CCOO e UGT nos sacan un diferencial máis importante, que non só condicionaba os resultados da FGAMT, senón tamén ao conxunto da Confederación. Estou convencido de que en xeral toda a estrutura da Federación está a traballar moito para gañar as eleccións sindicais, pero non é menos certo que nesta Federación existen sectores moi precarios como o Téxtil entre outros, no que a CIG ten serias dificultades para poder presentar candidaturas, as veces mesmo tendo afiliados/as, dada a gran eventualidade e a represión que exerce a patronal (exemplos temos moitos). Zélia García: Como estrutura a negociación colectiva a FGAMT? Xosé Fernández Piñeiro: 1º. A FGAMT é unha Federación cun número importante de sectores totalmente diferenciados, e na maioría deles moi precarias, ademais de estar moi penetrada polos convenios de carácter estatal. 2º. Existe unha falla de formación sindical, en clave de acción sindical, ao marxe de temas básicos (nóminas, etc). 3º. Tamén existen rutinas perigosas por parte de cadros da Federación no ámbito de dirixir a negociación colectiva, tales como a elaboración de anteproxectos, proceso de información e toma de decisións. 4º. Mantéñense rutinas tamén nos convenios de ámbito provincial, onde afectan a máis dunha comarca, e prodúcense fallos tanto na representación na mesa como na interconexión das comarcas afectadas. 5º. Na representación das mesas de negociación tamén existen debilidades, nalgúns casos rutinas do pasado; é preciso modificar estas actuacións, xa que a negociación colectiva é un proceso tan dinámico, mobilizador e axitador, que merece prestarlle a máxima atención. Analizando esta situación, a Executiva da Federación lanzou a idea de elaborar un protocolo de negociación colectiva. Este protocolo presentado polo secretario de Negociación Colectiva foi amplamente debatido na Executiva en varias xuntanzas, ademais de ser debatido e ratificado pola Dirección Nacional. Este protocolo ou método organizativo nace a base do debate que tivemos nunha xornada en Santiago con todos os compañeiros/as que estaban nas mesas negociadoras, foran da estrutura da Federación ou delegados/as e membros de Comité. A esta xornada foi convidado o secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara, ao que entregamos informe e que participou deste encontro. Neste sentido temos pensado facer outro encontro polo mes de novembro para valorar a negociación do 2007 e axustar e perfeccionar o documento, que será unha radiografía completa da nosa Federación en materia de negociación colectiva, avaliando os erros cometidos e incumprimentos, e incidindo na súa aplicación en todos os ámbitos da Federación. Zélia García: Que conflitos laborais ou de negociación colectiva destacarías como máis importantes na FGAMT? Xosé Fernández Piñeiro: En primeiro lugar destacaría o convenio de conservas impugnado pola CIG e que ten data de xuízo na Audiencia Nacional do Social en Madrid para o día 19 de xuño, que xa estamos a explicar neste sector o que isto representa e incidindo na necesidade dun convenio galego. En segundo lugar, esta convocada unha folga no sector do Frío Industrial (frigoríficos) de carácter estatal (CCOO-UGT) que a CIG secunda pero con diferenzas na Plataforma, xa que temos un anteproxecto propio. Tamén temos impugnado o convenio estatal de Acuicultura ou Piscifactorías, con data de xuízo para o día 14 de xuño, fronte ao que tamén mantemos a nosa posición da necesidade dun convenio galego. E en último lugar, e como conflito larvado, está a situación do Téxtil, con peche de pequenas empresas e talleres, sen marca propia, que traballaban para as grandes firmas (Inditex, Induico, Caramelo, Verino, etc) con contratos de campaña, que trasladan unha parte da produción máis intensiva a outras zonas de man de obra máis barata. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/06/2007 |
||||
|