|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Cando en 1994 Tony Blair se pon á fronte do laborismo británico, formando tandem precisamente con Gordon Brown, o Partido Laborista atravesaba unha importante crise, tras anos de sucesivos gobernos conservadores. A súa irrupción como líder laborista foi recibida como unha corrente de aire fresco nas bases do laborismo e tamén na sociedade británica, que axiña lle confiou rexer os destinos do país. E así, nas eleccións de 1997 Tony Blair desbanca ao conservador John Major e convértese en primeiro ministro. A súa imaxe transmitindo anovación e cambio e mais as súas capacidades como comunicador foron fundamentais para que Tony Blair -de quen sempre se salientou o seu carisma engaiolador- accedese ao cargo de primeiro ministro británico até en tres ocasións, a última (e derradeira) tras as eleccións do ano 2005, nas que, aínda revalidando a maioría, xa se percibía o desgaste da súa refulxente estrela como líder laborista e como ‘premier’ británico. Se cadra o momento de gloria de Blair como mandatario tívoo no ano 98, cando co chamado “Acordo de Venres Santo” se puña fin á violencia política en Irlanda do Norte. Con todo, fora o seu antecesor no cargo, o conservador John Major, quen impulsara o devandito proceso de paz e Blair só tivo que lle poñer o remate. Mais o certo é que, neses momentos, a súa aceptación e popularidade, que xa eran altas, acadaron cotas moi importantes tanto para a sociedade británica como para a comunidade internacional. Blair sempre tivo clara a súa posta dentro do laborismo do seu país e, de feito, presentábase como impulsor do ‘new labour’, isto é, da chamada “terceira vía”, que tiña o seu teórico fundamental en Anthony Giddens, director de la London School of Economics. A “terceira vía” era en si mesma unha desviación dos postulados socialdemócratas clásicos, xa que abandonaba a defensa dos piares básicos do estado de benestar en favor do favorecemento dos intereses do capital. A viraxe está clara: da socialdemocracia ao social-liberalismo. E nese sentido, as políticas (económicas, laborais, fiscais...) que foi desenvolvendo Tony Blair acababan por converxer coas implentadas pola conservadora Margaret Thatcher a comezos da década dos 80 do século pasado. Paralelamente a isto, no plano internacional Blair apostou por un apoio incondicional aos plans imperialistas de EEUU, até o punto de ser cualificado como o “cadelo de Bush”, xa que parecía acatar sen vacilacións todas e cada unhas das decisións do presidente norteamericano na escena internacional. De feito, xuntamente con este e mais co ex presidente español Aznar configurou o chamado “Trío dos Açores” (en realidade, un cuarteto, xa que o anfitrión era o daquela mandatario portugués Durão Barroso), que promoveu a intervención militar en Iraq en 2003. A propia situación de Iraq, tras catro anos desde o comezo da invasión, é un dos elementos que mellor explica o declinio da figura de Tony Blair, a quen se considera en boa lóxica un dos responsábeis máximos da desfeita que se deu nese país. O terríbel atentado que sufriu Londres, en xullo de 2005, con ducias de mortos e centos de feridos, puña de manifesto o custo que lle tiña á sociedade británica a participación do seu goberno na guerra de Iraq e o seu aliñamento coas posicións imperialistas do goberno do Estados Unidos. Finalmente, as disensións internas provocadas no laborismo británico, por sectores que non compartían as políticas de Blair, e a caída da súa popularidade entre os cidadáns e cidadás do país acabaron por provocar a súa demisión, tanto á fronte do Partido Laborista como das súas tarefas de goberno. Seica o próximo destino político de Tony Blair é converterse en enviado especial do Cuarteto internacional para o Oriente Próximo, conformado pola Unión Europea, Estados Unidos, Rusia e mais a ONU. Ante este polémico nomeamento, xa se comezaron a alzar voces na rexión, que lembran o papel de Blair na escena internacional e a súa adhesión incondicional ao proxecto de EEUU e Israel para Oriente Próximo. Sexa como for, Tony Blair deixa atrás unha década rexendo os destinos británicos. O que un día fora a gran esperanza para importantes sectores do laborismo e da maltreita esquerda, acabou por se converter en apenas dez anos nunha inmensa frustración. Vaise Blair e seguramente ninguén o acabe botando de menos.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2007 |
||||
|