Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 7 de xuño de 2007 (Publicado en La Región o 05/06/2007)

Vítimas e ariete
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Folga Construción provincia de Pontevedra, clic para aumentar
Traballadoras que limpan os edificios, en Navia, Vigo, durante a folga da construción o 23 de maio de 2007. (Foto: ©galizacig.com).
 
Hoxe a presenza de inmigrantes na Galiza é unha realidade que podemos ollar con só saír á rúa, aínda que é moito máis evidente nas cidades e en certas actividades, como hostalería, pesca e construción. Dise desde o Governo e os empresarios que son necesarios porque falta man de obra, mais tendo en conta que temos 150.000 desempregados/as rexistrados e o ano pasado setenta mil persoas tiveron que emigrar temporalmente a outras autonomías, ese non parece ser o motivo fundamental, cando menos neste vello país do noroeste peninsular. A propria queda dos salarios medios nos últimos anos, que os analistas adxudican en boa medida á inmigración, reflicte que hai unha intencionalidade clara de aumentar a man de obra de reserva pra debilitar a capacidade reivindicativa da clase obreira e aumentar as taxas de beneficios das empresas.

Porén asemade é preocupante as condicións nas que moitos destes inmigrantes desenvolven a súa actividade laboral e a falta de controis efectivos do Governo central (que ten a maioría das competencias) e da Xunta de Galiza pra evitar situacións que atentan contra os máis mínimos dereitos das persoas. Contan os obreiros da construción cos que falei estes días que alí onde se están facendo grandes edificios hai contratas que traen operarios de Portugal que as veces pasan as noites nas obras. Engaden esas mesmas fontes que seica, no Polígono de Navia en Vigo, as mulleres que limpan os edificios que van seren ocupados pasan dun a outro e trasladan con elas os colchóns nos que durmen. Trátase de mulleres estranxeiras, case que sempre sudamericanas, e ademais normalmente contratadas por empresas que nen residen en Galiza. Porén eso non quer dicir que eiqui non haxa empresarios que fagan estas prácticas e outras máis noxentas. Na recente folga da construción un piquete informativo entrou nun local en reforma, no que pensaban que había obreiros do sector, e atopáronse con persoas de facianas indíxenas, pode que sudamericanas, que estaban manipulando material químico ou semellante en condicións laborais penosas.

É a actitude de todo vale, onde os inmigrantes son ao mesmo tempo vítimas e ariete. Lembremos (sempre) que son forzados a saír ao estranxeiro pola falta de emprego e as malas condicións sociais nos seus países, orixinada na maioría dos casos pola estrema dependencia exterior e explotación das multinacionais, non poucas delas con sede no Estado español.

Resulta fundamental garantir pra todos os traballadores/as calquera sexa a súa orixe os mesmos dereitos laborais en Galiza. É o primeiro paso pra facer realidade a súa total integración e evitar minorías illadas, e co tempo o conflito social e a violencia étnica, da que ningún país fica á marxe, como se amosou nos recentes conflitos na Francia. Cómpre tamén regular o número de entradas tendo en conta a taxa de desemprego, a emigración de nativos e a capacidade de integración. Só así conseguiremos rexeitar o dumping laboral e a discriminación, non só dos inmigrantes senón tamén dos miles e miles de mozos e mozas galegos que se ven forzados a emigrar, sendo substituídos por mau de obra foránea máis barata e sen organización.

Hoxe sectores enteiros comproban como se deterioran ano a ano as condicións de traballo, quedándolle como única alternativa á clase traballadora o exilio económico ou a protesta. Perda de dereitos non por mor da competencia, como algúns cinicamente argumentan en calquera situación, senón pola extrema avaricia dos que sacralizan o becerro de ouro, e coidan que non existen obrigacións sociais co territorio no que viven. Lembremos, por último, que os que governan teñen que garantir estes dereitos democráticos básicos.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/06/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta