Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 11 de xuño de 2007

Unha aproximación en primeira persoa ao movemento obreiro no inicio da transición
Planosa, unha folga que durou o que as eleicións
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  O Traballador, abril de 1976; clic para aumentar
O Traballador, abril de 1976.
 
Deste xeito titulábase un artigo publicado no Eixo(1) nº 11 de xullo do ano 1977, ou sexa: fai agora tres décadas sobre o paro laboral de vintecinco días nesta empresa, do sector plástico, que xa non existe. Naquel intre o que eiqui escribe facía menos dun ano que chegara a Vigo e comezara a traballar nesta fábrica, despois de aprobar o exame e rexeitar un emprego en Vulcano na quenda de tarde como oficial electricista, xa que me impedía facer traballo político, algo que coidaba fundamental, xa que por eso retornara a Galiza desde á Arxentina en novembro de 1972.

Eu chegaba a Vigo rebotado da Finsa en Santiago de Compostela, onde axudara a organizar a un fato de traballadores desta empresa de taboleiros aglomerados (e en menor medida nalgún outro centro de traballo); fixéramos unha folga así como o boicot ás eleicións sindicais de 1975, convocadas polo réxime dentro do marco do sindicato vertical. Algúns destes operarios contribuirían á formación do SOG e ING en Compostela posteriormente, como Manuel Pose e Cabanas. A direción de Finsa tíñame vixiado e non me deixaba en paz. Neste momento xa non militaba na UPG que deixara a finais de 1973, despois de fundar Estudantes Revolucionarios Galegos e facer encontros con obreiros/as en A Coruña e Ferrol, onde estiven traballando en Emesa e nunha auxiliar nos estaleiros (WAT SA), co obxectivo de crear unha tendencia obreira, como xa fixera no movemento estudantil. O primeiro paso pra consolidación dun traballo metódico no movemento obreiro foi a decisión da organización de botar a andar a Fronte Obreira da Unión do Povo Galego (UPG) na primaveira de 1973 en Pontevea, xuntanza na que estiven presente.

Teño falado pouco desta etapa como traballador na Finsa, en 1975 e 1976, antes e despois de facer o servizo militar. Ao final deste período achegueime á UPG, xa que nun Canle(2) informábase que tiña decidido dar prioridade ao traballo político de masas, algo que sempre defendín como fundamental. Propuxeron que entraran na organización todas as persoas que estaban comigo na OTAG(3) menos eu que ficaba en observación fora da organización. Unha actitude sectaria, polo que decidimos esperar a millores tempos. Quen servía de contacto nestas negociacións era Xan Carballo. Mesmo fixen cunha “vietnamita” algún boletín que se chamaba “O Traballador” que se distribuíu nalgunha empresa así como alí onde tiñamos relacións na comarca de Compostela.

Volvendo ao tema central do artigo. Planosa era unha empresa do grupo Rumasa (aínda que o que mandaba na fábrica era un chileno, que seica se marchara na época de Allende), que facía productos plásticos, sobre todo pra coches máis tamén doutro tipo, por exemplo, desde volantes e salpicadeiros até mangueiras; ficaba na rúa Bailen, na zona da Travesía de Vigo, no cruce coa rúa Aragón. O cadro de persoal da fábrica era de 120 persoas, tanto homes como mulleres. Daquela a Travesía era máis unha estrada cunha rúa, estaba asfaltada porén non tiña arcéns, polo que houbo nese período moitas mobilizacións dos veciños do lugar, ás que me unín, e onde participaban activamente militantes do Partido Comunista (PCG) e da Mocidade Galega Revolucionaria (MGR), que eran as xuventudes do Movemento Comunista de Galicia.

Aínda lembro o primeiro día que cheguei a esta empresa, sobre o mes de agosto, cando un rapaz moi novo (Paco), que traballaba no taller de mantemento, ao preguntarlle pola situación na empresa díxome sen dubidar un intre “que alí nunca pasaba nada”. Varios meses despois comezamos unha folga que durou 25 días, decidida en votación segreda, por 85 votos a favor e 16 en contra. A opinión deste compañeiro era máis optimista que a de calquer outro, xa que pronto comprobei que tiña moitas inquedanzas sociais e políticas e incorporouse axiña ás reunións que comezamos a facer, a maioría delas no piso que compartiamos a miña compañeira e máis eu e que estaba moi próximo á fábrica. Ela, Esther Cabanelas Ferrín, comezaría a traballar no Hospital Xeral de enfermeira, sería das fundadoras da UTSG e delegada sindical pola ING tanto nas primeiras eleicións sindicais como despois por máis de vintecinco anos.


Contexto social e político

Naquel intre a cidade fervía con manifestacións dos traballadores de Barreras, moita actividade e debate na Asociación Cultural de Vigo, e o sindicalismo nacionalista en pleno proceso de organización. Utilizábase como base pras reunións tanto a Cultural como unha academia na rúa Ecuador ou un local no Barrio das Flores relacionado con varios cregos, coido que militantes da teoloxía da liberación (Benito, Fierro, Ogando, etc). Neste contexto achegueime de novo á UPG, que daba agora prioridade á vía política e de masas, na que comecei a militar nunha célula e asistín a algunha reunión sindical na que participaban, entre outros, Anxo García Méndez -Felipe- e Elvira Souto Presedo e se analizaría (entre outros temas) a campaña nas contratas do naval.

  Manuel Fernández e Marisa Vázquez e militantes UPG; clic para aumentar
Receición de Manuel Fernández e Marisa Vázquez por militantes da UPG en Monforte, ao pouco de saír da cadea
 
Nos primeiros meses de 1977 o proceso acelerouse, tanto social como politicamente. Folga en Ascón e protestas nas rúas, con cortes de tráfico (participei nalgúns destas mobilizacións, con desgusto de Montes que non estaba moito por ligara a estes feitos); paro en Corfi de O Porriño, folga e despidos na Metalúrgica, folga e despidos en Caberías Conductoras, paro na construción provincial e no sector do transporte, etc... Dicíame Francisco Pérez que entre os despedidos de La Metalúrgica ademais de Elvira Souto estaban tamén Cabaleiro e Isidro (un compañeiro delegado do metal do SOG que traballaba en Flex). Neste período as manifestacións máis políticas son reprimidas, como a do 1º de maio. A nivel político faise unha campaña intensa, tamén pola ING, pedindo a amnistía e democracia, que dará resultados aos poucos. A Voz de Galicia do 22 de marzo titulaba a tres columnas “os catro militantes da UPG contan a súa estancia de dous anos na cárcere” (falaba de Manolo Fernández, de 24 anos, Xan López, de 28, Xosé Brañas, de 28, e Marisa Vázquez Barquero, de 29, que saíran de prisión o 23 de marzo).


Rachan as negociacións e comeza a folga

O paro en Planosa encetou o 26 de maio despois de que a asembleia de traballadores/as non aceptara o texto do convenio negociado polo sindicato vertical e a direción da empresa. O SOG acusaría aos xurados de manter unha postura branda, permitindo que a negociación se alongara até o prazo máximo, cando xa non permitía contestación. Facía meses que os do SOG faciamos reunións, axuntábamos militantes, espallábamos panfletos na empresa (normalmente nos vestiarios) que causaban máis dun cabreo nos cargos do vertical, a algún encargado, e en todos os xefes. Polo tanto o resultado da asembleia na que se decide rexeitar o convenio non sería casual, nen algo espontáneo, nen consecuencia exclusiva do ambiente xeral de mobilización, senón sobre todo resultado de organizar, debater e facer participar, como se vería posteriormente. Á asembleia viñeron os cargos provinciais pra frear o paro, entre eles Ribó, que era presidente da UTT (Unión de Trabajadores y Técnicos) de Químicas, e traballador de Reyman, unha empresa do sector do caucho no barrio de Coia.

Hai que dicir que tanto Ribó como unha parte destes dirixentes remataron entrando no SOG ao pouco tempo, axudaron moito ao sindicato a se expandir no sector, e mesmo facían propaganda nacionalista nos procesos eleitorais. Houbo debate na central sindical cando nos pediron entrar no SOG, entre os que temían que quixeran facer “entrismo” e os que pensábamos que era un feito positivo que amosaba que tiñamos capacidade de engado mesmo en sectores que actuaban no seo da CNS –sindicato vertical-. Lembremos que CCOO utilizaba desde facía algúns anos a estructura vertical, a diferencia do SOG ou da UGT que rexeitamos de plano esta organización verticalista na que convivían obreiros e patróns, ao abeiro teórico de negar a loita de clases.

  Vigo ao Día en La Voz de Galicia de 11/06/1977; clic para aumentar
Vigo ao Día en La Voz de Galicia de 11/06/1977.
 
Entre as reivindicacións dos obreiros/as de Planosa estaban “un aumento lineal de 5.000 pesetas, 30 pesetas de plus de transporte, igualdade no plus de asistencia entre homes e mulleres, etc”. O salario dun operario no millor dos meses non superaba as 16.000 pesetas.

Convocouse o paro indefinido e elixiuse un Comité de Folga, aproveitando a posibilidade que abría a nova lexislación sobre o tema, xa que varios meses antes sería imposíbel utilizar este mecanismo. Aclaremos ao leitor actual que pola súa idade descoñece estas diferenzas. O RD do 4 de marzo elimina as restricións ao dereito de folga, aínda que haberá que esperar á aprobación da Constitución de 1978 pra que se poda exercer plenamente; o 1 de abril publícase un RD sobre asociación sindical que se completa con outro do 22 de abril sobre depósito de Estatutos das organizacións sindicais. O Comité de Folga estaría composto por 8 membros, cinco dos cales eran naquel intre do SOG (un deles o que escrebe este artigo), aínda que ao remate do paro todos se afiliarían ao sindicato. Os membros do Comité de Folga eran, segundo lembra Francisco Pérez (Paco): Antonio Campelo, Angel Soto Araújo, Pilar Laranxeiro, Amalia Rodríguez, Manuel Graña Barciela, Manuel Crego, Francisco Pérez e Manuel Mera.

Como un dado complementario dicir que un día antes do inicio do paro, o 25 de maio, facíase a presentación pública da Intersindical Galega (ING) na AISS (Casa Sindical) destacando os xornais(4) “cheo total do salón de actos da Delegación da AISS (...) Gardouse un minuto de silencio en memoria de todos os traballadores mortos en defensa da clase obreira, especialmente Moncho Reboiras, Amador Rei e Daniel Niebla, así como os recentes mortos en Euskadi. O acto finalizou coa interpretación da Internacional e o Himno Galego, cantando os presentes co puño en alto”.


  Vigo ao Día en La Voz de Galicia de 21/06/1977; clic para aumentar
Vigo ao Día en La Voz de Galicia de 21/06/1977.
 
Piquetes e caixa de resistencia

O paro alongouse durante 25 días, nos que houbo momentos nos que se abriu paso a desmoralización, xa que parecía que a direción non se ía a sentar a negociar co Comité de Folga. Di un artigo do Eixo nº 11 “mantivemos piquetes día e noite pra evitar que a patronal quitara moldes ou pezas; a pesares disto en máis dunha oportunidade tivemos que denunciar á direción da empresa que intentaba rachar coa folga mediante traballo a domicilio”. Fai mención este mesmo artigo que “nos últimos días os traballadores recollemos unhas 350.000 pesetas, das que 60.000 foron repartidas entre os casos mais necesitados, e o resto a un fundo pra contribuír a todas as loitas dos traballadores de Galiza, ou casos graves dos obreiros de Planosa”. O diñeiro sobrante sería entregado aos traballadores en folga de Vidrios La Florida.

Foron tarefas necesarias e fundamentais pra manter a folga e vencer a resistencia da patronal a participación de todos/as nos piquetes, a solidariedade do resto de empresas pra contar cunha caixa de resistencia, utilización dos meios de comunicación, e a visita solidaria dos traballadores/as doutras empresas.

O día 8 de xuño recollen os xornais(5) que “O Comité de Folga de Planosa reuniuse onte co Delegado de Traballo con quen tratou sobre a denuncia presentada anteriormente por existir persoal a domicilio e sen contratar que ven repasando as pezas pra empresa, contravindo a normativa sobre folga legal. Denúnciase tamén da negativa da empresa a abonar a diferencia da nómina adebedada ao persoal. Informan asemade que ate agora non se produciu ningún contacto entre traballadores e empresa pra chegaren a un acordo no conflito”. O mesmo xornal repetía na súa edición do 11 de xuño que aínda non había negociacións, xa ían 16 días de folga.

  Cartaz Vota BNPG; clic para aumentar
Cartaz do BNPG nas eleicións xerais de 1977 por Lugo, campaña que coincidiu coa folga en Planosa.
 
Tamén se achegaron á empresa outras centrais sindicais non só a ofrecer solidariedade senón a ver se pescaban algo, tal como se reflicte nun artigo sobre o conflito publicado no Terra e Tempo(6) no que se di: “O SOG aclarou que a folga sería longa, e así aconteceu. Foron 25 días de folga e de piquetes, 25 días de vixiar á empresa, e de visitas de CCOO pra axudar a guiar a folga ‘da a inexperiencia do SOG’, 25 días de demora pra negociar coa patronal, en poucas palabras: 25 días discutindo política laboral...”.


A folga remata en éxito

O día 20 de xuño remata o paro, despois de que a patronal aceptase reunirse co Comité de Folga, e longas e duras negociacións. Os resultados eran os seguintes: 4.500 pesetas de aumento pra todas as categorías; pase a fixos de 'plantilla' dos contratados; 30 pesetas diarias de plus de transporte; 1.500 pesetas de plus de puntualidade; 30 días de pagas de beneficios; 30 días de vacacións; duración do convenio por un ano; e, ademais, o recoñecemento como interlocutor do Comité de Folga, que deste xeito na práctica desprazaba aos xurados e enlaces do vertical, adiantándose na empresa un ano o proceso eleitoral libre a respeito da convocatoria oficial (proceso que por suposto tamén se realizou na empresa en 1978).

Con anterioridade, cando se racharon as negociacións, tíñase conseguido un salario anual (que foi rexeitado pola asembleia) de 285.000 pesetas, pra un profesional de 2º, agora acádanse 320.000 pesetas ano. Cando comezaron as negociacións o salario anual era de 245.000 pesetas. Din os xornais que “O Comité de Folga –cuxos 8 compoñentes pertencen ao SOG- resalta a unidade durante o conflito e a solidariedade dos traballadores e veciños de Vigo, o que permitiu recadar 350.000 pesetas”. Como consecuencia deste éxito na folga non só conseguimos unha boa representación sindical na empresa (8 dos 9 delegados en 1978) senón que tamén un número de afiliados/as importante, se non lembro mal uns noventa sobre un cadro de persoal de cento vinte. Sendo a primeira empresa de Vigo con afiliación masiva no SOG.

Continuei na empresa até o mes de maio de 1978, participando xa máis activamente na ING. Destacar, xa que foi unha intervención que tivo a súa importancia, que como membro do Comité de Planosa falei durante a folga das empresas “do metal de menos de cen” na provincia de Pontevedra polo SOG na asembleia da igrexa do Picos, no Calvario.

  Pancarta Planosa manifestación ING; clic para aumentar
Pancarta de Planosa durante a manifestación da xornada de loita convocada pola ING o 27 de xuño de 1978.
 
A folga polo convenio do metal comezou o 28 de febreiro de 1978, a Comisión Negociadora elixiuse en asembleia, dándose a paradoxo que os sindicatos que estaban contra o Pacto da Moncloa (ING, USO, CSUT, CNT) conseguiron máis representantes que CCOO e UGT. Concretamente 4 eran do SOG (Xavier Alonso, que tiña a responsabilidade da ING na negociación e: Miguel Vázquez, Fernando Acuña e Xosé Darrosa), 2 da CSUT (entre eles Manolo Domínguez, hoxe da direción do Metal da CIG), 2 de USO, 1 da CNT e outro da UGT. Ningún de CCOO, que apresentou 10 candidatos. Nen CCOO nen UGT non aceptaron a correlación de forzas que saíu da asembleia, máxime cando tiñan un número de delegados nas empresas moi superior aos outros sindicatos dacordo co proceso eleitoral que se estaba a realizar naquel intre. A confrontación foi permanente. Na asembleia da igrexa do Picos realizada o 2 de marzo debíase decidir se continuaba a folga, CCOO e UGT eran partidarios de que non, mesmo deixando a máis de 300 traballadores na rúa dado que as súas empresas fixeran peche patronal. A nosa intervención foi decisiva, mesmo houbo moitos que racharon os carnés de CCOO. A folga continuou, sen estes apoios, e aclarouse a readmisión polo peche patronal.

O convenio daría máis voltas entre situacións de enfrontamento e intentos de unidade sindical e Comisións Obreiras, aínda daquela a maior central sindical, nunca voltaría a ser a mesma que durante a loita contra o franquismo, facendo certa a crítica que anos antes lle fixera Organización Obreira. En fin, este é un conflito na historia do sindicalismo que fai falla tratar máis extensamente.

Dicir, por último, que o título do artigo fai referencia á coincidencia do paro coas eleicións xerais do 15 de xuño e á campaña eleitoral. Lembremos que eran as primeiras da transición, que o Partido Comunista fora legalizado o 9 de maio, e que o nacionalismo só lle foi posíbel apresentarse como unha coalición eleitoral da UPG e ANP, que se chamou BNPG (Bloque Nacional Popular Galego). Un membro do Comité de Folga (o que eiquí escribe) falaría no mítin que fixo o BNPG en Vigo, nun pavillón de As Travesas ateigado de xente, con centos de bandeiras patrióticas ondeando, e no que se pediu solidariedade pra loita dos traballadores e traballadoras de Planosa. O seu apoio axudou un chisco pra que o conflito rematará en éxito.

Malia a lonxanía do tempo o meu recoñecemento a aqueles mozos e mozas nacionalistas atrevidos, organizados e teimosos, así como a todos os obreiros/as dunha pequena empresa que fixeron por vintecinco días da rúa o seu fogar e da dignidade de clase un principio. Como dixen en maio de 1978 deixei a empresa pra adicarme a tempo completo á actividade sindical na ING, en principio como secretario da provincia de Pontevedra. Serían aqueles anos de precariedade persoal, desenvolvidos con paixón e ilusión por conseguir a liberación nacional e social, dos que nunca me sentirei arrepentido.


Documentación consultada:

Eixo, voceiro do SOG, ING e INTG.

Terra e Tempo, voceiro da UPG.

La Voz de Galicia.

Manuel Mera a paixón militante, de Xan de Leira, Edicións Xerais.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
 

 

Notas:

(1) Voceiro do Sindicato Obreiro Galego primeiro e da Intersindical Nacional Galega despois.

(2) Boletín interno da UPG dirixido á militancia.

(3) Organización de Traballadores Antiimperialistas Galegos.

(4) La Voz de Galicia de 26 de maio de 1977.

(5) La Voz de Galicia do 8 de xuño de 1977.

(6) Terra e Tempo nº 46, xullo de 1977, voceiro da UPG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/06/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta