Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 3 de maio de 2007

A distorsión tamén é unha moda aínda que non pasaxeira
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Cartaz na rúa de Amezketa, clic para aumentar
Cartaz na rúa de Amezketa. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
Ikurriña en Loiu, clic para aumentar
Ikurriña en Loiu. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Patxo Unzueta é deses columnistas de El País que levan anos machacando un ferro frío. Escriben máis que pensan. A este amplo clube pertence Savater. Filósofo que pouco ten de filósofo e moito de vendedor de libros de supermercado e encantador de serpes. Este tipo de xente é perigosísima. Son perigosos porque teñen na súa man medios de comunicación que, no caso de El País, chegan diariamente a millóns de persoas dentro e fóra do Estado español.

Eu quero facer referencia a un escrito de Unzueta en El País do xoves 26 de abril de 2007 co título “Disparo en la estación”. Cunha didáctica un pouco peregrina, por non dicir algo peor, calquera lector despistado ou pouco coñecedor do asunto (o 95% por cento dos lectores) morde o anzó de Unzueta (ou de Savater et allia noutros casos).

Unzueta reconta o número de votos que quitaron os candidatos á presidencia de Francia. Di que Royal gañou en Baiona. Sarkozy en Biarritz e no departamento de Pyrénées-Atlantiques (no que artificialmente está metido o País Vasco francés para evitar unha demarcación política propia) arrasou o terceiro na disputa Bayrou. Agora ben un amago de estocada cando Unzueta asegura que ningún dos tres candidatos anteriormente citados “apoia unha autonomía que recoñeza a Euskal Herria como nación formada por sete territorios” de acordo coa proposta de Batasuna en Ustariz, e que o único candidato que falaba de autodeterminación no seu programa, a ecoloxista Dominique Voynet, quitou no País Vasco francés 2,01% de votos, e os nacionalistas vascos chegan a un 10%.

Conclusión para Unzueta: se quitan tan pouco uns (2,01 ou 10%) e quitan tanto outros quere dicir que a maioría rexeita a proposta da autodeterminación. Este sofisma é propio de políticos españois e de columnistas salomónicos como Savater ou como Unzueta para confundir a xente.

A lectura acertada e lóxica é que nas eleccións presidenciais francesas se vota por presidente de Francia e non pola autodeterminación de Bretaña ou de calquera territorio que o solicite. Se a resposta afirmativa a esa autodeterminación está situada entre un 2,01 e un 10%... cal é o problema en calquera democracia sa e desenvolvida (nun país serio, que diría Rajoy) en facer unha única consulta?

  Mikel Antza, clic para aumentar
Mikel Albisu, Mikel Antza, ideólogo político da organización armada ETA.
 
Pero Unzueta vai máis alá. Segundo el empregar o termo Euskal Herria en lugar de Euskadi é unha “moda” introducida por Mikel Albisu (Mikel Antza) máximo reponsábel ideoloxico de ETA e hoxe preso no Estado francés.

Así con esta definición, Unzueta, quere asesinar o termo Euskal Herria. En primeiro lugar por (segundo el) ser “pasaxeiro”, pois é unha moda. En en segundo porque é orixinario de Mikel Antza.

Unzueta, coido eu, sabe mellor que ninguén que o nome correcto para falar do País Vasco é Euskal Herria. Sabe que Euskadi é un neoloxismo, orixinariamente escrito Euzkadi, creado polo fundador do PNV, Sabino Arana. Euskadi quedou reducido ás tres provincias e non a un país (non sei porque nunca se di isto) que culturalmente existía mil anos antes que o Estado francés ou español.

Contaban que Unamuno e todos os que con el pertencian á xeración do 98, ademais de rancios, eran aburridos. Até que non ardía a zapatilla completa, os contertulios de Unamuno non se decataban que Don Miguel estaba morto e queimara a zapatilla co braseiro baixo a mesa. Así eran as xuntanzas con el e con moitos outros que vían na vida algo tráxico e a perda de Cuba e Filipinas (ou Euskal Herria) a fin do mundo.

  Unamuno, clic para aumentar
Unamuno, malia publicar en éuscaro e doutourarse cun estudo sobre o idioma, cría inviábel o bilingüísmo. Equivocouse.
 
Traio a Unamuno a colación porque foi el quen, malia facer a súa tese de doutoramento sobre o éuscaro “Crítica del problema sobre el origen y prehistoria de la raza vasca”, era contrario á orixe distinta dos vascos, consideraba que o éuscaro axiña desparecería e que era imposíbel o bilingüísmo pois “El vascuence y el castellano son incompatibles dígase lo que se quiera, y si caben individuos no caben pueblos bilingües. Es éste de la bilingüidad un estado transitorio”(1).

Era o propio Unamuno quen ría ante o incipiente nacionalismo vasco pois eran nacionalistas dun país que nin sequera tiña nome, pois como comentabamos antes foi Arana o que o bautizou. Con nome ou sen nome en 1898 os terriorios vascos formaban un país.

Hoxe, máis de cen anos despois, o problema non é que non teña nome. O problema é que salvaron o éuscaro da súa desaparición. Reforzaron unha identidade cultural e política e teñen un nome que aos españolistas se lles atraganta. Así moitos como Unamuno morreran coa zapatilla ardendo, xunto ao braseiro que eles mesmos alimentaron, e o problema como con Unamuno, e que non saberemos distinguir se están vivos ou mortos.


Nota:

(1) García de Cortázar, Fernando, “Los mitos de la Historia de España”, capítulo «La tercera España», páxinas 294-295.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta