Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 5 de maio de 2007

DESDE O VENTRE DA BALEA
A proba do algodón da democracia

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


No que atinxe ao ámbito do económico, aínda é máis obsceno falar de democracia, e moito menos de democracia avanzada, cando o que se constata día a día, ano a ano, é que a riqueza xerada segue a ficar en mans dunha minoría privilexiada mentres que a clase traballadora e outros grupos sociais ven minguada a súa calidade de vida, creándose mesmo auténticas bolsas de probeza e exclusión.



  Acto da esquerda abertzale en Barakaldo, clic para aumentar
A democracia no Estado español, ao igual que na súa contorna, segue a ser unha democracia de baixa intensidade, na que a participación real das e dos cidadáns está limitada á súa representación a través dos partidos e organizacións políticas, sen posibilidades sequera de exercer o control democrático das grandes decisións.
 
Nos últimos tempos circula por determinados sectores da esfera política, e isto é reproducido abondosamente polos medios de comunicación, a caracterización de ‘democracia avanzada’ para se referir á saúde actual do sistema democrático no Estado español. Mesmo desde ámbitos do nacionalismo hai quen se apunta á moda, coma se o que disentise desas informacións non fose saír na foto. Cualificar de ‘democracia avanzada’ o que está a suceder ao noso redor ou é inxenuo ou é simplemente perverso. Tanto desde o punto de vista histórico como visto desde o momento actual.

Para comezar, a democracia que se instaura no Estado español tras a morte do ditador Franco é unha democracia vixiada que nace coartada tras un proceso de reforma do réxime ditatorial consensuado entre os poderes franquistas e sectores políticos e sociais que propugnaban un novo réxime de liberdades. Nese proceso de reforma, queda laminada a posibilidade de reinstauración da legalidade democrática previa aos corenta anos de ditadura franquista, isto é, imposibilítase de facto a volta da República como réxime político. A constitución que nace nese contexto -a de 1978- é un texto constitucional que proclama unha monarquía parlamentaria e que concede aínda certa tutelaxe ás forzas armadas. É tamén unha constitución que consagra o capitalismo como sistema económico e que impide o exercicio do dereito de autodeterminación para as nacións e os pobos que coexisten no Estado. Mesmo é incapaz de recoñecer o carácter plurinacional, plurilingüístico e pluricultural do devandito Estado.

Esa é, pois, en resumo, a lexitimidade do sistema democrático que advén tras a reforma política que sucede ao franquismo. Unha lexitimidade bastante cativa que o paso dos anos, case 30 desde a aprobación da Constitución española de 1978, non foi quen de ir mellorando substancialmente. De feito, a democracia no Estado español, ao igual que na súa contorna, segue a ser unha democracia de baixa intensidade, na que a participación real das e dos cidadáns está limitada á súa representación a través dos partidos e organizacións políticas, sen posibilidades sequera de exercer o control democrático das grandes decisións.

Por riba no Estado español, e á calor do chamado contencioso vasco, véñense producindo unha serie de actuacións políticas e xurídicas de marcados tintes anti-democráticos, que poñen en cuestión a natureza mesma da democracia. Animados desde a era Aznar, mais co visto de prace do PSOE, nos últimos anos asistimos a feitos como o peche de xornais e locais sociais vinculados á esquerda independentista vasca, así como á ilegalización das súas organizacións políticas, utilizando como instrumento lexislación ‘ad hoc’, como a chamada de Lei de Partidos Políticos, tan cuestionábel desde o punto de vista do rigor democrático. Tamén se seguen utilizando tribunais de excepción, como a Audiencia Nacional, o que contribúe a completar un escenario verdadeiramente ‘contaminado’ no que a democracia é a gran damnificada.

No que atinxe ao ámbito do económico, aínda é máis obsceno falar de democracia, e moito menos de democracia avanzada, cando o que se constata día a día, ano a ano, é que a riqueza xerada segue a ficar en mans dunha minoría privilexiada mentres que a clase traballadora e outros grupos sociais ven minguada a súa calidade de vida, creándose mesmo auténticas bolsas de probeza e exclusión. Dereitos básicos para as persoas como o dereito a unha vivenda e a un salario dignos non están hoxe a ser garantidos e non se prevé que o vaian estar nun futuro próximo.

Desde logo, moitos dos que tanto deron nos tempos da longa noite de pedra do franquismo para que a democracia fose posíbel, hoxe dificilmente se poden sentir satisfeitos, porque, se todo sistema democrático é perfectíbel, o vixente no Estado español precisa dunha revisión urxente.

As e os cidadáns deberiamos ter a palabra.


Santiago de Compostela, 4 de maio de 2007.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta