Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 16 de maio de 2007

Primeiro semestre de 1977, tres folgas sectoriais que lle deron presenza ao nacionalismo
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  A Metalúrgica na rúa García Barbón de Vigo; clic para aumentar
Estado actual do edificio da Metalurgica, en Vigo.
 
No primeiro semestre de 1977, cando aínda non estaba totalmente claro en como ía evoluir o réxime, producíronse tres folgas sectoriais provinciais nas que o Sindicato Obreiro Galego (SOG) tivo un papel sobranceiro, xa que lle deron un peso no escenario do mundo do traballo que até entón non tiña, estes convenios sectoriais foron: o do transporte en Pontevedra, a construción en Lugo, e o da madeira en Ourense. Estas loitas nos convenios colectivos provinciais viñan precedidos por outros conflitos de empresa, como os da Metalúrgica e Caberías Conductoras en Vigo, nos que o sindicalismo nacionalista tamén tivo un gran protagonismo. Porén os convenios de sector abranguían un número de operarios moito máis grande, o que permitía chegar con voz propia alí onde fora imposíbel durante a ditadura, sobre todo tendo en conta a escasa introdución dunha organización que xurdira facía poucos anos e a presenza esmagadora do sindicalismo de ámbito estatal.

Antes de entrar no tema de referencia quero lembrar moi por riba estes dous conflitos de empresa. A Metalúrgica estaba situada na cidade de Vigo (aínda existe o edificio), pertencía ao sector metalgrafico, con 350 operarios e operarias. O 31 de outubro de 1976 a direción despediu a dous traballadores, e o día 2 de novembro o cadro de persoal parou, sen contar co apoio da maioría dos enlaces e xurados. Dicía o Eixo “ao longo destes dous meses e medio a metalgrafica –o resto das empresas do sector- só parou un día: o 12 de novembro e as empresas non descontaron o salario dese día”.

Na Metalúrgica había militantes do Sindicato Obreiro Galego. A folga durou 102 días e serian despedidos 249 traballadores/as, que foron declarados por Maxistratura improcedentes; houbo ademais numerosas sancións. O Eixo nº8, do mes de febreiro de 1977, facía referencia ao remate do conflito laboral dicindo que se conseguira unha victoria e que houbo dous fracasos. A victoria era un aumento de 7.000 pesetas ao mes, e sobre todo a unidade do cadro de persoal; os fracasos, a falta de apoio do resto do sector metalgrafico e a excesiva confianza nos recursos legais. Unha sentencia xudicial deixou na rúa a 125 eventuais, con promesas despois de nova contratación, permitiu á empresa aplicar un mes de sanción e non a obrigaba a pagar os salarios de tramitación.

Non debemos esquecer que naquel intre Comisións Obreiras tiña o control do sindicato do metal na organización vertical, e capacidade de dar maior apoio a esta loita. Asemade, neste conflito, tivo unha importante participación Elvira Souto Presedo, elixida delegada na Metalurgica, que era unha das despedidas, pouco tempo despois seria nomeada secretaria xeral da UPG, e Xosé Anxo García Méndez –Felipe-, que foi secretario xeral da Organización Marxista Leninista de Galicia (a OMLG era a cara política de Organización Obreira) e seria a primeira proposta de secretario xeral pra ING que daquela estaba en xestación.

A loita do camiño do Caramuxo, que é aínda hoxe unha zona industrial de Vigo, iniciouse cando o persoal das empresas existentes no lugar comezaron coas protestas diante do mal estado da estrada, ao que se foron engadindo outras problemáticas laborais. Fixeron un primeiro paro en xaneiro de 1976, co que conseguiron promesas de arranxo do camiño que non se cumpriron. O 2 de decembro dese mesmo ano realizouse un novo paro que abrangueu a case que a totalidade dos 1.600 afectados. A policía fixo varias cargas contra os traballadores e traballadoras concentrados e detiveron a 3 persoas, malia o cal fíxose unha marcha até a casa do concello.

Despois desta ación comezou a represión nas empresas: 2 despedidos e 2 empregadas eventuais ás que lle rescindiron os contratos en Plásticos Dik. Logo eran despedidos tres traballadores de Cablerías Conductoras, militantes do SOG. O cadro de persoal da empresa decidiu parar e foron suspendidos de emprego e soldo pola direción. O 27 de febreiro o xornal “La Voz de Galicia” facía mención a que xa eran 66 os despedidos en Cablerias Conductoras, o día 24 de marzo era disolta pola policía unha concentración en solidariedade cos despedidos no camiño do Caramuxo. Despois de dous meses de folga un acordo conseguiu a reincorporación da maioría dos despedidos e varias milloras laborais, o aspecto negativo foi que non eran readmitidos os tres primeiros despedidos (Xavier Alonso Pérez, Fernando Acuña Rúa e Francisco García Montes) que por certo terían un importante papel na direción e consolidación da Intersindical Nacional Galega (ING).


  Portada do Eixo de abril de 1977; clic para aumentar
Portada do Eixo de abril de 1977.
 
Paro na construción de Lugo

Na provincia de Lugo xa houbera un paro sectorial do metal anterior a este da construción, que Teima titulaba nun artigo como “a primeira folga”. Foi a do metal unha folga que durou do 17 ao 21 de decembro de 1976. Agora ben, seria o paro da construción o que conseguiu máis publicidade, xa que tivo unha maior duración e abranguía a moitos máis traballadores/as.

A folga na construción alargouse desde o día 8 até o 18 de marzo e afectou a uns 900 obreiros na capital e 4.900 no resto da provincia. O primeiro día polo serán axuntáronse uns mil folguistas na Casa Sindical onde o Comité Asesor explicou aos traballadores que o Comité non foi aceptado pra formar parte da Comisión Negociadora xunto aos membros da UTT (Unión de Trabajadores y Técnicos –estructura vertical-) nas reunións coa patronal que estaba a tratar o convenio.

O Comité Asesor compúñano por 2 representantes elixidos pola asembleia de Monforte, Chantada e Quiroga, 3 máis pola de Lugo, e outros 4 pola da Mariña (2 por Burela e San Cibrao e outros 2 por Viveiro). A preparación da folga levou o seu tempo, xa que no Eixo do mes de febreiro xa se falaba do traballo realizado pra organizar o sector. O Comité Asesor estaba composto por: Manuel García Yañez –Canoura-, Miguel Anxel Campuzano, Manuel Rodríguez López, Suso Arrizado Yañez, X. Manuel Pavón, Xurxo Fernández, Secundino López Paxaro, Luís Gandoy e Adolfo Mosteirin.

As reivindicacións dos traballadores/as eran as seguintes: un aumento lineal de 10.000 pesetas, plus de asistencia de 150 pesetas diarias, 30 días de vacacións, plus de noturnidade e penosidade, etc. A patronal ofrecía 1.350 pesetas de aumento lineal e 3.000 máis en plus asorvibel por enfermidade e “falta de rendemento”. As diferencias eran evidentes.

O día 16 unha asembleia masiva de traballadores/as propuxo de novo que dous membros do Comité Asesor formaran parte das negociacións. O xoves pola tarde unha nova reunión na Casa Sindical con 1.200 persoas presentes escoitou a membros da Comisión Negociadora da UTT, así como aos representantes elixidos polos traballadores, que lles expuxeron a oferta patronal, que non foi aceptada, facéndose unha nova asembleia ás 10 da noite na que se aceptou a última e definitiva proposta da patronal, que consistía no seguinte: 14.100 pesetas de salario base e un plus de asistencia, pagado tamén en vacacións, de 4.400 pesetas. Este salario base era superior ao que rexia na provincia de A Coruña pra mesma categoría. Púxose de manifesto que de iren ao laudo o salario seria de 13.908 pesetas. Ademais a posibilidade dun acordo vencía ás 12 hs. da noite. A proposta foi votada por unanimidade no último momento. Coido que na asembleia falou polo SOG Xosé Manuel Díaz.

Sobre a folga a revista Teima fai a seguinte análise, no nº 15 do mes de marzo, “prodúcense incidentes entre piquetes de folguistas e membros da Garda Civil en Friol, Quiroga, Chantada, Poboa de San Xulián, Barreiros e Meira. En Barreiros e Meira foi levada algunha xente ao posto da Garda Civil (...) No desenvolvemento da folga destacouse como principal dirixente o Sindicato Obreiro Galego (SOG) que foi arredando a Comisións Obreiras (CC.OO) deica esta ficaren á marxe”. Tratouse polo tanto dun paro combativo, con moita mobilización e participación dos afectados, que desbordou as vellas estructuras sindicais.

No Eixo nº 10, do mes de maio, a ING fai un balanzo das causas da folga e dos resultados do conflito. Xesús Arrizado dicía “Máis que no económico conseguiuse milloras entre nós. Desde o ano 42 os traballadores da construción non faciamos unha asembleia nen unha loita. Era moi importante pra nós espertar deste longo sono obrigado (...) foi fundamental o compañeirismo, a unidade e a organización”.


A folga do transporte de Pontevedra

Precedidos por estas loitas, cunha situación política aínda non moi clara, onde se producían declaracións de abertura e ao mesmo tempo empregábanse métodos de represión policial, desde o SOG tomouse a iniciativa de organizar ao sector do transporte, que estaba en condicións laborais moi precarias, e apresentar unha táboa reivindicativa propia aproveitando a próxima revisión do convenio colectivo do sector. Así o reflectían os xornais do 19 de febreiro de 1977, ou sexa en plena coincidencia co paro de Cablerias Conductoras e a loita dos labregos afectados polas expropiacións de Lignitos de Meirama nas Encobras.

Nun artigo sobre as condicións laborais no sector, baixo o titulo de “O transporte en pé” publicado no Eixo nº 9 de abril de 1977, os afectados afirman

“-conductor- Facemos moitas horas de traballo sen retribución (...) As dietas son miserentas, con 600 pesetas temos que almorzar, xantar, cear e pagar a pensión (...)

–mozo- Temos que levantar pesos de até 60 ou 70 Kg. Cando o máximo que marca a Lei son 30, o traballo de s7 ou 8 homes facémolo 2 ou 3 (...)

–administrativo- sabemos a que hora entramos porén nunca a de saída, mesmo obríganos a descargar”.

A Táboa reivindicativa apresentada pedía: 30.000 pesetas de salario mínimo pra os conductores; dietas de 1.500 pesetas pra viaxar polo Estado español e 2.500 pra o exterior; tres pagas extraordinarias de 30 días; trinta días de vacacións; xornada laboral de 44 horas, IRTP a cargo da empresa... O sector do transporte abranguía a uns 4.500 traballadores/as e unhas 600 empresas.

Os intentos de negociación fracasaron. Non puideron falar co delegado de Sindicatos, o día antes do inicio da folga, e tiveron que facelo co director de Asuntos Sociais, Corral (que foi delegado do Movimiento en Vigo, seria ademais director de persoal en Citroen e seica montou o sindicato amarelo na empresa, así como conselleiro da Xunta). Daquela no CNS –sindicato vertical- estaban representados traballadores/as e empresarios/as.

O día 21 de marzo comezou a folga que se alongou até o 29 do mesmo mes. Os xornais reflectían que o paro había atinxido o primeiro día a 100 autobuses, outros tantos camións e uns 1.000 traballadores/as. Un lugar chave pra facer efectiva folga foi a Praza España, en Vigo, onde chegaban miles de obreiros da construción dos concellos dos arredores que despois collían o transporte urban. Nese punto estaban membros da Comisión Negociadora, así como militantes do SOG tanto do transporte como doutros sectores. Falábase cos conductores, repartíanse pamfletos sobre a convocatoria entre os que pasaban polo lugar ou viaxaban ou querían viaxar nos buses, en poucas verbas, facíase corpo pra que se notara o paro; mentres que a policía andaba detrás de todos nós. De cando en vez pinchábase unha roda e pouco máis. O transporte parou porque as reivindicacións eran xustas, a explotación moita, os ánimos estaban quentes e había un ambiente propicio á mobilización social.

Sen dúbida a presenza no sector do SOG e o éxito na preparación do paro debeuse en gran medida a Ismael Otero “Clavelitos” que era traballador do sector, e fora despedido de Citroen na folga xeral de 1972, como tantos outros. Tamén tivo un papel destacado Francisco Lores.

  Campaña de 1977 pola amnistía; clic para aumentar
Na foto, Ismael Otero “Clavelitos”, esquerda, e Francisco Montes, dereita. Nun acto do ano 1977 en Vigo, na campaña que pola amnistía se desenvolveu nos primeiros meses do ano.
 
Nunha asembleia o día 22 uns 400 traballadores/as do sector ratificaban aos delegados/as elixidos con anterioridade, estes eran: Francisco Lores; Berta Albino; Ismael Otero; Ramiro Balea; Antonio Garza; Manuel Pérez; Antonio Isla; José Vencouto; Higinio Pérez; José Lago; Benito Álvarez e Juan Quirós.

Os xornais do 25 de marzo salientan que a folga era xeral no sector, xa que se estendera ao norte da provincia, onde tamén se elixiu unha Comisión, na que CCOO, que decidira apoiar o paro, tería unha presenza significativa. A patronal decide apresentar “conflicto colectivo” mentres que algunhas empresas chegan a acordo cos seus empregados á espera da “decisión arbitral obligatoria”. O día 29 chegase a un acordo entre as partes, asemade os empresarios aceptan retirar as sancións e non tomar represalias.

A revista Teima, nº 16, do mes de abril, nun artigo titulado “Folga sobre rodas” preguntase ¿que conseguiron os traballadores no paro?. Facendo a seguinte contestación “Aumentos económicos (os salarios incrementáronse nun 42%), milloras no traballo e, sobor todo, a propia organización. Esta é a análise dos propios traballadores. As características especiais do sector do transporte, onde a fábrica non existe senón que se espalla en tantos postos de traballo illados como maquinas hai na estrada, fan especialmente importante a presenza do movemento obreiro no sector, que estivo en Vigo representado especialmente polo Sindicato Obreiro Galego (SOG), e, en segundo termo polas Comisións Obreiras (CCOO). En Pontevedra a loita foi levada principalmente polas CCOO, a través dun obreiro que, por certo, estivo exiliado hai uns anos e ao que o delegado de Sindicatos intentou vetar (...) Os conductores escolleron en asembleia os seus representantes, tomaron contacto cos seus problemas, discutiron as solucións e artellaron, por vez primeira, unha estratexia e actitude colectiva. Foi a primeira grande folga do sector”.


A madeira de Ourense, unha folga dura e longa

O xornal La Voz de Galicia do 28 de maio salientaba que despois dun mes remataba o conflito da madeira en Ourense, deixando un saldo de 15 despedidos por mor da falta de acordo. Engadía que fora a folga máis longa dos últimos 40 anos. No aspecto positivo destacaba este mesmo xornal que se fixeran 150 asembleias dos traballadores/as e 11 reunións entre patronal e obreiros. No saldo negativo “a falta de mediadores capaces e eficaces, a ineptitude amosada polo delegado provincial do AISS, residuo da súa ineficacia verticalista que, aínda que en vía de desaparición, sigue; e o predominio dos intereses dos patróns sobre os dos traballadores” (unha nota impensábel hoxe neste xornal ¡canto mudan as cousas en trinta anos!).

O paro comezou o 26 de abril e foi organizado polo SOG, e a el sumouse en solidariedade o sector de ataúdes e aglomerados, xa que tiñan convenio proprio, porén incorporáronse aos poucos días ao traballo a medida que o paro atopou maiores atrancos. Nos primeiros días apoiaron o paro até 3.000 obreiros na provincia.

  Folga da madeira en Ourense; clic para aumentar
Na foto a cabeceira da manifestación realizada en Ourense en apoio aos traballadores/as do sector da madeira.
 
Compre ter en conta que este é un sector integrado por pequenas empresas, moi espalladas e a maioría situadas en áreas do rural. Nestas zonas a falta de oportunidades facía que moitos traballadores aceptasen empregos precarios, mal pagos e con xornadas moi longas, como un mal menor, como a única saída á desfeita da actividade agraria tradicional. Neste contexto socio laboral hai que entender o enfrontamento entre folguistas e traballadores que non pararon en Carballeda de Avia, aos que se uniron veciños convocados polas campas da igrexa. A situación púxose difícil e mesmo semellou que a intervención da Garda Civil tiña unha actitude moderadora. O conflito orixinouse nunha fábrica de mobles cando o patrón informado de que os folguistas ían a deter aos que estaban a traballar na empresa (unha parte seguía o paro) adiantouse ao piquete e organizou a resposta antisindical. Neste caso o empresario obrou con rapidez, intoxicou, xerou medo no futuro laboral, empregou as vellas armas do caciquismo, e deulle bo resultado. Os métodos caciquís non só se empregan na política.

O venres 13 de maio pola tarde a policía detiña en Ourense, pra interrogalo, a Anxel Rúas Vázquez, dirixente do SOG e a figura máis destacada na folga da madeira do sindicato nacionalista; deixaríano en liberdade o domingo ao medio día. Non seria un feito illado, o conflito estivo ateigado de denuncias da patronal e de intervencións contra os folguistas da Garda Civil. Ao día seguinte a Voz de Galicia destacaba “A táboa rexeitada polos traballadores cifraba o salario base en 13.200 pesetas e un plus de asistencia de 3.000. O SOG propuxo un mínimo de 20.200 pesetas de xornal base (...) Nos primeiros días do conflito este afectou a 3.000 traballadores da madeira (...) intentouse a negociación cos empresarios que se negaron á readmisión dos despedidos, que nalgún intre chegaron a 600”.

O domingo 15 de maio fíxose unha manifestación de apoio aos traballadores/as en paro en Ourense. Até alí desprazáronse nacionalistas de varios puntos do país, sobre todo do ámbito laboral e estudantes. Realizáronse dúas manifestacións, unha partiu ás 12 horas e a outra as 2 da tarde. Cruzáronse coches, pra evitar a represión, aínda así houbo cargas da policía con material antidisturbios.

Ao final deste conflito laboral a patronal conseguiu un triunfo nos seus obxectivos inmediatos: continuar sacando o máximo de lucre á forza laboral precarizada. Agora ben, o seu foi un éxito parcial porque ía contra a tendencia e a correlación de forzas do momento. Os traballadores da madeira non conseguiron os seus obxectivos laborais, mais aprenderon a organizarse e a decidir, e sobre todo serviu como un exemplo pra o resto dos sectores que viron no SOG (e na ING) unha organización sindical capaz, atrevida, e que non vendía as loitas.

Tamén as derrotas, como esta da madeira, serviron na historia pra xestar triunfos futuros, lembremos a do 72 en Ferrol e Vigo... as derrotas económicas non sempre son un recuar político, ideolóxico ou organizativo... Poucos meses despois do paro da madeira o SOG tería un protagonismo importante na folga do transporte na provincia de Lugo, a do metal pequeno na de Pontevedra, mais esta é outra páxina da nosa historia.

Na maioría destes paros desde o SOG creouse unha Caixa de Resistencia, por exemplo a Voz de Galicia do 14 de maio facía referencia a que había 200.000 pesetas aportadas por outros sectores e público pra manter o paro da madeira en Ourense. Na folga da construción de Lugo aparece nos xornais a entrega de 4.000 pesetas polo SOG á Caixa de Resistencia.

O prestixio do sindical naquel intre, os sentimentos que aniñaban no nacionalismo, foi fermosamente recreado por un poema de Manuel María, home comprometido con Galiza, a democracia e as clases populares (Eixo nº 10, maio de 1977).

O sindicato é o noso único lar posíbel,
fogar que nos defende contra a explotación capitalista
C O L O N I A L
arma que empregamos pra loitar contra os nosos nemigos
vencello que nos xungue como clase e nos fai sentir pobo
conciencia = alerta = coleutiva
Un home só non é ninguén
Nada pode un home só

O individualismo é sempre pernicioso/ insolidario
E G O I S T A
Por eso louvo o SINDICATO
ÚNICO = GALEGO = DEMOCRATICO

Fago un chamamento apaixoado,
con toda a forza que ten a miña voz,
pra que meu pobo
O NOSO POBO
COLONIZADO / NEGADO / ASOBALLADO
forme SINDICATOS VERDADEIROS
que resposten as necesidás e aspiraciós
que ten prantexada a clase
OBREIRA / LABREGA /MARIÑEIRA
semente e máis raigaña
do P O R V I R
CEIBE / PROLETARIO DE GALICIA.



pdfDocumentación anexa en pdf:

Folga da construción de Lugo
· Voz de Galicia do 9 de marzo de 1977, páxina 15.
· Voz de Galicia do 12 de marzo, páxina 30.
· Voz de Galicia do 18 de marzo, páxina 34.
· Teima nº 15.
· Eixo nº 10, maio, “eixo nas obras”.

Paro do transporte de Pontevedra
· Voz de Galicia do 22 de marzo de 1977, páxina 47.
· Voz de Galicia do 23, páxina 31.
· Voz de Galicia do 26, páxina 30.
· Voz de Galicia do 30, páxina 31.
· Teima nº 16.

Folga na madeira de Ourense
· Voz de Galicia do 17 de maio de 1977, páxina 50.
· Voz de Galicia 28, páxina 36.



Bibliografía consultada:

Eixo, voceiro do SOG, da ING e da INTG.

Teima, revista.

La Voz de Galicia.

O sindicalismo nacionalista galego 1972-1982, de Bernardo Máiz Vázquez e Bieito Alonso, colección Ter Razóns, A Nosa Terra e CIG.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta