Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 1 de maio de 2007

O Primeiro de Maio vai 30 anos: Entre a ditadura
e a transición
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Eixo 1º Maio 1977, clic para aumentar
Eixo 1º Maio de 1977.
 
Un xornal, daquela progresista, titulaba a información encol do acontecido o Día Internacional da Clase Traballadora de 1977 do seguinte xeito “Máis de medio cento de detidos, manifestacións na rúa, mitins e festas”, adicándolle máis páxinas que ningún outro ao tema. O primeiro de maio dese ano foi domingo e os xornais do martes salientaban os principais feitos, por exemplo, que en Vigo houbo 8 detidos e numerosos mallados pola policía, mentres que na Coruña foron 30 as persoas que pasaron por comisaria e en Compostela houbo 8 detidos, entre eles Elvira Souto Presedo (secretaria xeral da UPG e que tivo un importante papel na formación dos xermolos sindicais) e Daniel López Bispo e Ánxel Corral Villar. En Ferrol serían 5 os que pasaron por comisaría. Tivemos que esperar até o ano 1978 pra poder conmemorar esta data con normalidade, con garantías de facer a marcha sen intervención policial.

Deteñámonos un chisco no contexto no que se celebraba a data pra o nacionalismo. O Sindicato Obreiro Galego dera un pulo aprobando desvincularse da ANPG, deixando polo tanto de ser unha fronte sectorial pra se converter no eixo dunha central sindical, a ING, que integraba todos os xermolos que se foran desenvolvendo desde 1974.


Legalización da ING

No mes de marzo nacía a Intersindical Nacional Galega, e o 5 de maio apresentábanse os estatutos pra legalización, ao abeiro do da Lei do 1 de abril de 1977 e do Real Decreto de 22 de abril de 1977. Estatutos que foron substituídos o 13 de maio do mesmo mes por outros de nova redación, ese mesmo día apresentáronse asemade os estatutos dos seguintes sindicatos de sector, foi necesario xa que era unha esixencia pra legalizar o SOG e a ING, que eran unha federación e unha confederación de sindicatos respectivamente. Apareceron publicadas no BOE do 20 de maio.

  • Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG), Xosé Moa Cerdeira e Pilar Allegue Aguete.
  • Sindicato Galego de Traballadores do Mar (SGTM), Xosé Bernardo Sánchez Miniño e Xosé Montenegro Villanueva. Apresentouse o 13 de maio.
  • Unión de Traballadores da Banca de Galicia (UTBG), Vicente Vázquez Diéguez e Xosé María González Salgado.
  • Unión de Traballadores da Sanidade de Galiza (UTSG), María Esther Cabanelas Ferrín e María Dolores Rodríguez Martínez.
  • Sindicato Obreiro Galego (SOG), Francisco Domingo García Montes e Xosé Manuel Fernández Vázquez.
  • Unión de Seguros e Reaseguros da Federación do SOG, Xosé Manuel Fernández Vázquez e Lino Castillo Santiago.
  • Unión do Metal do SOG, Francisco García Montes e Francisco Xavier Alonso Pérez.
  • Unión da Construción do SOG, Ánxel Mosteirín Turia e Secundino Gómez Pájaro.
  • Unión do Transporte do SOG, Esteban Fondo Leis e Ismael Otero Reboredo.
  • Unión do Comercio do SOG, Eladio Pérez González e Emilio García Crego.
  • Unión de Oficinas e Despachos do SOG, Francisco Lores Santacecilia e Antonio Dasilva Figueroa. (Púidose legalizar algún sindicato máis de sector, aínda que non atopei constancia documental de que así fora).

En todas estas solicitudes de legalización aparece como enderezo o local da ING en Monforte, xa que aínda a actividade sindical funcionaba en locais que foran alugados con outra finalidade, dada a ilegalidade das mesmas, por exemplo en Vigo na Asociación Cultural de Vigo. Aínda que a única lingua que se usaba na ING e en todas as organizacións do movemento nacional popular galego era exclusivamente o galego, non figura nos Estatutos que esta é a lingua oficial, habería que esperar ate 1979 pra que esta posibilidade fora legal.


  Bases da loia da ING, clic para aumentar
Tríptico ING Bases da loita.
 
Protestas e represión

No que atinxe ás convocatorias de manifestacións de conmemoración do 1º de Maio nos xornais do 22 de abril saía unha nota na que se dicía que en Vigo fora pedida unha manifestación pra ese día por CSUT, ING e CCOO ao Governo civil. No Ferrol as xestións pra facer unha marcha foron realizadas por CCOO e USO. Pola súa banda a ING nun comunicado dicía que centraba a campaña do 1º de Maio no desmantelamento do CSN (sindicato vertical) e na amnistía laboral e política; e que nesa data ía facer mitins en Lugo, Carballo, Carballiño, As Pontes e Vigo, aínda que non tiña garantidos os locais onde realizaría os mitins.

O 3 de maio os xornais facían mención aos actos e incidentes do Día Internacional da Clase Traballadora (lembremos que os luns non se publicaba máis que a “Hoja de los Lunes”).

En Vigo 300 persoas realizaban un salto xunto á Igrexa dos Picos, no Calvario, e despois no cruce da Dobrada e Urzaiz (daquela José Antonio). O xornal elevaba a mil os que estaban concentrados no lugar. A policía tiña alí numerosos efectivos, e cargou contra calquer intento de manifestación. Os incidentes no Calvario duraron unha hora, e repetíronse despois á altura da rúa Lepanto. Indica asemade “La Voz de Galicia” que á unha da tarde no Toural, en Teis, un comando da UPG colocou barricadas aproveitando materiais dunha obra en construción. Di, o mesmo xornal, que durante as varias mobilizacións foron retidos algúns manifestantes que eran conducidos aos jeeps da policía, mallados, e despois deixados en liberdade, mentres que outros foron levados á comisaría. Desta mobilización persoalmente lembro a dureza da represión, e que as distintas células do SOG estaban presentes nos saltos.

  La Voz de Galicia 3 de maio de 1977, clic para aumentar
La Voz de Galicia do 3 de maio de 1977.
 
En Ourense faise mención nos meios de comunicación a que houbo unha concentración de 30 persoas e que un vehículo da policía armada patrullou o lugar. En Lugo a data non tivo moito eco xa que só se instalaron dous puntos de venda de propaganda, un deles do SOG e o outro da “FE de las Jons autentica”. En Compostela os xornais estiman en máis de cen persoas os que se manifestaron na Praza do Toural convocados pola ING, no acto falou Xan Carballo. Interveu a policía e foron detidos varios dos participantes. Polo serán houbo novas manifestacións e saltos.

No Ferrol realizouse un intento de manifestación ao medio día. Mentres que en Pontevedra xuntáronse ás 12 da mañá unhas 200 persoas na Praza de Galicia, que despois iniciaban unha marcha polas rúas do centro da cidade; cargou a policía e os manifestantes fixeron unha nova concentración na Praza de Barcelos. Na Coruña a policía detivo a unhas 30 persoas durante as manifestacións; as doce da mañá fíxose nesta cidade unha marcha dunhas 300 persoas convocadas pola CSUT, UGT e CNT; houbo unha carga policial e unha nova concentración. Na información dos xornais faise mención que a primeiras horas da noite grupos de manifestantes pertencentes á ING e partidos nacionalistas mobilizáronse contra a detención de varios compañeiros.


En resumo

O 1º de Maio de 1977 foi unha data na que houbo manifestacións e actos na maioría das cidades galegas, e nas que participou a xente máis comprometida coa loita contra a ditadura. Todos os xornais destacan que os participantes eran sobre todo xente moza. Fíxose sentir a represión, tanto por que se quixo impedir toda protesta na rúa, non sendo acións marxinais, como polo número de detidos e a contundencia da policía. O nacionalismo fixo acto de presenza en todas as cidades, non só nas manifestacións senón na propaganda, aínda que non de xeito tan destacado como en anos posteriores.

Malia que morrera Franco, e o 22 de novembro e asumira Juan Carlos como rei e este impuxera a Suárez como presidente do Governo o 3 de xullo de 1976, legalizarase o PCE en abril de 1977, as manifestacións do 1º de maio de 1977 foron reprimidas decote e outro tanto aconteceu o 8 de maio coa protesta contra o roubo da praia de Baldaio, convocada pola Asembleia Nacional Popular Galega (ANPG). As liberdades democráticas mínimas serían conseguidas máis unha vez, como baixo o réxime franquista, coa mobilización, a loita das clases populares, e moi especialmente en Galiza pola mobilización e o atrevemento da clase obreira, aos que se lle sumaron os labregos e os estudantes. Non houbo cesións conseguidas por infiltrados, nen rebelión interna, como agora se pretende facer crer reescribindo a o pasado pra limpar a historia de figuras intimamente vencelladas á ditadura durante décadas. As diverxencias no réxime xurdiron cando viron que todo se desfacía, mesmo así sempre intentaron que as cesións foran as mínimas pra garantir a esencia do sistema capitalista e da hexemonía de Castela, o centralismo, agora baixo a roupaxe da España autonómica e plural.


pdfDocumentación anexa:

1. Panfleto da ING espallado o 1 de maio de 1977.

2. La Voz de Galicia, 3 de maio, páxinas 21, 45 e 47.

3. Eixo, mes maio, nº 10, voceiro da ING.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta