Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 8 de maio de 2007

Baldaio, a rebeldía teimosa dos labregos
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Moncho Valcárcel na manifestación de Carballo; clic para aumentar
O crego de Sésamo, Moncho Valcárcel, (con cazadora marrón xunto á persoa que fala por megáfono) no acto final da manifestación de Carballo o 8 de maio de 1977.
Manifestación en Carballo o 8 de maio de 1977; clic para aumentar
Manifestación en Carballo o 8 de maio de 1977. (Fotos: ©galizacig.com)
 
O día 27 de abril un xornal de A Coruña divulgaba a seguinte nota “Comisións Labregas, o Sindicato Labrego Galego, apoia a manifestación dos veciños de Lema (Baldaio), prevista pra o 8 de maio”. A mobilización tiña como finalidade conseguir arroupe social pra recuperar a praia e lagoa de Baldaio, un terreo comunal do que se apropiaran no ano 1948 un grupo de persoas coa finalidade de se adicar a extración de area. Os veciños nunca desistiron de recuperar o areal, malia os atrancos que supuña o réxime ditatorial de Franco.

A primeira etapa das extracións rematou no ano 1967 por orde da Comandancia, e xa formaba parte da sociedade Adolfo Ferreiro García, que sería o principal protagonista da parte empresarial no conflito de 1977. A segunda etapa de extracións enceta no ano 1971 dun xeito máis industrial. Hai gardas privados vixiando as instalacións, prohíbese aos veciños o paso e marisquear na zona. Houbo protestas dos afectados, fanse promesas de compensacións pola banda do alcalde de Carballo, que os veciños non aceptan xa que queren recuperar a lagoa e o areal, daquela engádese á proteción da empresa a Garda Civil.

A manifestación que se realizou o 8 de maio de 1977 foi apoiada fundamentalmente por todo o movemento nacional popular galego (o mnpg), ou sexa a ANPG, ING, CCLL, ERGA, etc. Sumouse ademais á protesta o MCG, que ao pouco de escomezar a marcha abandonouna “porque tiña un carácter partidista”. A mobilización remataría con carga da Garda Civil en Carballo, e unha nova carga e enfrontamentos corpo a corpo cos manifestantes nas gándaras e veigas que arrodean a lagoa polo serán. Houbo ao remate desta mobilización, que pretendía ser tranquila, unha morea de feridos e varios detidos, entre eles o crego de Sésamo, Moncho Valcárcel.


  Panorámica actual da praia e lagoa de Baldaio; clic para aumentar
Panorámica actual da praia e lagoa de Baldaio
Panorámica actual da praia e lagoa de Baldaio; clic para aumentar
Vista desde o monte Neme. (Fotos: ©galizacig.com)
 
Manifestación en Carballo

Os manifestantes viñeron de todo o país, moitos deles en autobuses contratados ao efecto, sendo a maioría afiliados e simpatizantes do movemento nacional popular galego, persoas mozas, como ben destacan os xornais máis en plan descualificador que recoñecendo o mérito. Unha mocidade arriscada e teimosa que se converteu na punta de lanza da loita pola democratización de Galiza e a defensa dos intereses populares.

Participaron na protesta feita en Carballo cinco mil persoas, que os xornais rebaixan a 1.500, e que percorreron en orde as rúas desta importante vila, capital de Bergantiños. Houbo algún pequeno incidente ao inicio da marcha con militantes do MCG que quixeron cortar ao medio a manifestación, o que lles foi impedido polo servizo de orde, aumentando as diverxencias con esta organización, que xa foran importantes na marcha antinuclear de Xove unhas semanas antes. Ao final da manifestación, cando se está cantando o himno galego, a Garda Civil carga contra os concentrados. Carreiras, golpes con mosquetóns, saltos neste recuncho e naquel outro, e feridos a esgalla.

No acto final houbo varias intervencións. A primeira foi dun veciño de Lema, pertencente ás Comisións Labregas. Despois falou o crego de Sésamo, Moncho Valcárcel, destacando que “a manifestación era contra o caciquismo e en defensa dos intereses do povo. Engadindo. Os galegos, labregos e mariñeiros, faremos unha Galiza ceibe e popular. Concluíndo que o Bloque Nacional Popular Galego está levando a cabo unha loita pra conquistar outra vez Galiza, contra a colonización”.

Durante a marcha e as intervencións soan berros de “Galiza ceibe, poder popular”, “Non ao roubo do areal”, “Non, non, á colonización”, “A praia é de Baldaio, caciques ao carallo”, “ANPG, o povo galego vencerá”, etc. Hai numerosas bandeiras da patria galega, que son mexidas por brazos fortes e inquedos, así como algunhas da UPG e ING, e mesmo unha anarquista e outra da CNT.


Enfrontamento en Baldaio

Pola tarde máis dun milleiro de persoas axúntanse diante da igrexa de Lema. Faise un acto de homenaxe na tumba dun mozo morto en 1976, Marcelo Rodríguez Verdes, “que o pillaran collendo berberecho (a Garda Civil), levárono andando a Caión, cargando cun saco, estaba como quen di sen un pulmón, alí déronlle unha pasada, durmiu mollado, e aos poucos días de volver pra aldea morreu”. Despois os concentrados baixan deica a praia, pra facer unha toma simbólica do areal. Alí xa hai un importante número de gardas civís, que se albiscan desde o alto, sobresaíndo da figura os mosquetóns.

Ao chegar á beira da praia comeza a carga da Garda Civil que bota contra os manifestantes botes de fume e balas de goma, caen os primeiros feridos, desde a banda dos que protestan guindan pedras, e hai enfrontamentos corpo a corpo, en primeira liña os veciños. Ao final fican máis de 30 persoas feridas, que outros elevan a medio cento, catro pola mañá e o resto pola tarde. O parte oficial fala de 9 manifestantes tratados no Hospital Juan Canalejo de A Coruña e 4 garda civís, ademais doutros dez gardas que seica sufriron diversas feridas.

Uns versos de Carlos “O Xestal” relatan o acontecido ese día.

O 8 de maio houbo guerra en Baldaio,
discursos en Lema e Feira en Carballo,
moscaron as bestas e mandou carallo.
Galiñas e ovos, queixos e patacas,
andaban a rolos debaixo das patas.
As vellas que estaban vendendo as cebolas,
coa presa partiron cuncas e cazolas.
Os gardas civís, por mor dos caciques,
mallaban na xente coma bolcheviques.
Que Deus nos arrede de tal asoballo,
¡Nunca tal se acorda na feira en Carballo!

O domingo pola noite serían detidos no hospital de A Coruña dous veciños, Francisco Felipez e José Esmoriz Fuentes, que se achegaron pra se interesar polo estado de Moncho Valcárcel. Foron conducidos ao cuartel da Garda Civil e postos a disposición militar acusados de manifestación ilegal con agresión a forza armada. O crego de Sésamo xa fora detido con antelación e tamén pasou á xurisdición militar.


Mantense a mobilización

As protestas dos veciños non remataron, contando sempre co apoio do mnpg, tal como xa manifestaban a ANPG e as CCLL nun comunicado publicado nos xornais o 11 de maio, condenando a represión. Ese mesmo día tamén facían mención os xornais a unha protesta que se realizou en Compostela pola carga en Baldaio.

Na comarca de Bergantiños do 23 ao 25 de setembro quince veciños de Lema e militantes das Comisións Labregas (SLG) pecháronse na igrexa de Carballo pra esixir unha resposta do Ministerio de Comercio á solicitude de que fora anulada a concesión do areal de Baldaio á empresa “Baldaio SL” por posesión ilegal. O domingo 25 remataba o peche sendo acollidos no adro co alento solidario de 300 veciños da bisbarra. Carlos “O Xestal” agradeceu “a solidariedade das clases populares, intervindo a continuación o compañeiro Nieto pra subliñar que a loita pola devolución da praia seguía en pé. Seguidamente o compañeiro Esmoris diría que este é un paso máis na loita pola liberación nacional de Galiza, liberación que só a alternativa do BNPG, coas súas Bases Constitucionais, pode efectivizar e non os Estatutos ofrecidos pola dereita e a esquerdas españolas”.

O 17 de decembro de 1977 un grupo de veciños de Lema achegáronse ás instalacións de Baldaio SL e o propio volven a facer o 13 de xaneiro de 1978, e o 23 do mesmo mes, polo que son acusados de incendio e danos nas instalacións. O xuíz de Primeira Instancia de Carballo pedirá fianzas de 22 millóns de pesetas (daquela moitos cartos) por posíbeis responsabilidades a unha ducia de acusados.


pdfDocumentación anexa en pdf:

Teima nº 13, marzo de 1977. Baldar Baldaio.

La Voz de Galicia, do 7 de maio de 1977.

La Voz de Galicia, do 10 de maio de 1977.

La Voz de Galicia, do 11 de maio de 1977.

Teima nº 22, de maio de 1977. O sangue chegou ao mar.

A Nosa Terra nº 65, de xuño de 1979. Agora a represión contase por millóns.

Terra e Tempo nº 79, novembro 1980. Baldaio organizase de novo.


Bibliografía consultada:

Teima nº 13, marzo de 1977.

Teima nº 17, abril de 1977.

La Voz de Galicia, do 17 de abril de 1977.

La Voz de Galicia, do 7 de maio de 1977.

La Voz de Galicia, do 10 de maio de 1977.

La Voz de Galicia, do 11 de maio de 1977.

Teima nº 22, de maio de 1977.

Terra e Tempo nº 47, agosto 1977.

Terra e Tempo nº 49, outubro de 1977.

A Nosa Terra nº 65, xuño de 1979.

Terra e Tempo nº 79, novembro 1980.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta