|
Actualidade / Artigo 1º de maio, entre o pacto e a loita Manuel Mera-
Pra que sexa deste xeito hai cando menos tres motivos fundamentais. O primeiro, que os traballadores e traballadoras ven que a economía vai ben, porén que eles non reciben ren destes beneficios, senón que pola contra na última década aumentaron os ritmos de traballo, a xornada laboral, a eventualidade na contratación, e diminuíu o salario real. Medrou a estratificación, e os empresarios fixéronse máis ricos, contando cunha lexislación cada vez máis favorábel e, cando non é así a Administración case que sempre deixa facer, actuando só en situacións moi extremas. A segunda razón é que desde a clase obreira, desde os sectores populares, vense as mudanzas nos executivos central e autonómico como un marco reivindicativo máis positivo, atendendo ás promesas de cando estaban na oposición e ao sabor amargo das medidas tomadas polos conservadores durante o seu governo. A terceira, tamén como dado positivo, é que, cando menos na Galiza, hai un maior peso do sindicalismo nacionalista nos sectores chave da economía e un rexuvenecemento do cadro de persoal nas empresas. Este contexto favorábel, obxectivo e subxectivo, pra clase traballadora contrasta coa actitude tomada por aqueles sindicatos de ámbito estatal, que teñen hoxe maioría na representación sindical, pactando limitacións aos aumentos salariais, recortes nas prestacións sociais e admitindo a privatización de servizos públicos ou de recursos, como é o caso do recente acordo sobre o Fundo de Reserva da Seguridade Social. Postura que ademais esta avalada pola maioría dos partidos políticos. Evidentemente resulta máis difícil avanzar en dereitos e unha distribución xusta da riqueza cando os atrancos veñen desde as mesmas filas das direcións sindicais e dos mal chamados partidos de esquerda, cando estas e estes fan seu o modelo da patronal, e renuncian a cambiar os alicerces dun sistema que se reproduce estratificando e marxinado tanto social como territorialmente. Temos un país potencialmente rico e hoxe cun alto nivel de productividade en certas actividades. Hai moita acumulación de riqueza, porén está mal distribuída, e unha parte dela pérdese en beneficio doutras zonas do Estado que medran a cotío, porque carecemos de competencias e a soberanía nacional necesaria. Somos unha nación e temos dereito á autodeterminación, a nos governar nós mesmos. Sen capacidade de planificar en función da nosa realidade, e sen partidos e sindicatos hexemónicos que defendan os nosos intereses colectivos nunca poderemos conseguir pleno desenvolvemento e xustiza social. Governos afastados da nosa realidade, faltos de sensibilidade e sobre os que non podemos incidir, por millor que xestionen, só fan máis levadeira a desfeita nesta etapa de globalización neoliberal, de super-explotación, competencia extrema e avaricia. A clase traballadora, que é maioría social, ten capacidade abondo pra mudar esta situación, pra acadar unha sociedade máis xusta e con emprego abondo. Pra eso é esencial que o nacionalismo de esquerdas sexa hexemónico, de tal xeito que ademais de conseguir avanzos sectoriais e locais mude radicalmente a situación da nación galega. Calquera outra andaina son parches, as veces necesarios e urxentes, porén nunca pasos con futuro, e mesmo poden afortalar conceicións na direción trabucada se non se contextualizan sempre. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/05/2007 |
||||
|