|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Coñezo a Sanguinetti da televisión. Das entrevistas que concedeu á televisión venezolana ao xornalista uruguaio Walter Martínez, que daquela aínda vivía en Venezuela e realizaba o programa Dossier. Lembro o verbo fácil é amábel de Sanguinetti e o baleiro do seu dicir e do seu facer. Encantador de serpes, o seu paso polo goberno do seu país foi desastroso para o pobo uruguaio. Pero estas liñas non son para axuizar a Sanguinetti, a quen a historia non absolverá da ruindade en que xente coma el mergullou o seu país, Uruguai. Comezar un artigo coa palabra “verborráxico” é un símil barato que emprega Sanguinetti para que traiamos á mente a voz “hemorráxico” no artigo de opinión que asina en El País.
Sanguinetti, ante a xente incauta, quere dar a ver que o antibushismo de Chávez é un capricho, unha impostura, unha teima ou un recurso fácil para a galería. Velaí a calculada ignorancia deste ex-presidente uruguaio de cellas poboadas e cabeza despoboada. Ben sabe que o sentimento antiestadounidense no pobo latinoamericano non é un invento de Fidel nin de Chávez. Milleiros de persoas enchen as rúas protestando pola visita de calquera presidente estadounidense a calquera país latinoamericano dende que existen as repúblicas en Latinoamérica e dende que a doutrina Monroe chegou a ser o credo estadounidense e se fixo carne na vida dos latinoamericanos.
Facendo exercicio de simplicidade teimuda, Sanguinetti, explica a visita de Bush a Latinoamérica así: “ultimamente , o propio presidente Bush mirou cara a Latinoamérica e a súa recente viaxe por cinco países semella ser o sinal dunha preocupación que crece”. Agora, o avogado-xornalista explica as viaxes de Chávez en Latinoamérica: “...detrás deste repentino interese norteamericano (inclúe a México e Canadá?) está a preocupación polas andanzas de Chávez (coma se fose un Quixote) que, coa carteira en man, trata de comprar vontades e exercer a súa influencia na rexión”. Resumamos. Bush viaxa, fai visitas de Estado e en lugar de andar coa carteira na man, son os outros os que lle pagan a el. Chávez non fai visitas de Estado. Fai “andanzas” porque é un Quixote con cartos. Merca vontades e non convence. Os estadios que enche é por forza dos billetes. A xente que o segue é porque lle pagan e os votos das oito consultas electorais que gañou limpamente foron todos pagados con petrodólares. Este tipo de razoamentos, propios da extrema dereita que se revolve polas rúas de Caracas, berrando, insultando e agredindo os que non son coma eles, son mostra do nivel intelectual de Sanguinetti, que se presenta como avogado e xornalista (o de ex-presidente non ten tanta importancia porque non hai máis que ver aos de Estados Unidos). Sanguinetti refocílase e despois deste entremés, xa por fin, chama ao goberno de Chávez “réxime autoritario” pola transferencia das facultades lexislativas do “seu” Congreso no que non hai ningún deputado da oposición. Tratar polo apelido, Sanguinetti, a un home que escribe estas burradas é darlle moita importancia. Julio María: en primeiro lugar, dicirche que a non existencia de ningún deputado da oposición no Congreso venezolano é porque decidiron, unilateralmente e recomendados polo amo do Norte, non presentarse ás eleccións lexislativas, co fin de, máis adiante, deslexitimar calquera acción do poder lexislativo pola súa ausencia, tal e como ti estás facendo agora mesmo.
O presidente Aznar, unilateralmente, e desoíndo o pobo que saíu á rúa para pedirlle e exixirlle que o Estado español non fose cómplice dunha guerra de agresión xenocida, colaborou co sátrapa estadounidense e os representantes das multinacionais que son os seus ministros. Estes dous últimos exemplos si son de “réximes autoritarios”, Julio María. Julio María despois ispe o que el denomina “falso liderado latinoamericano de Chávez” e o “socialismo do século XXI” que, polo momento, segundo Julio María, “non ofrece outra cousa que agresións á prensa, nacionalizacións de empresas e unha cansa retórica anti-norteamericana (eu diría anti-estadounidense)”. Aquí imos quitarche o María... porque é moito para o que acabas de escribir. Julio... escribes mal, argumentas mal, e mentes. Ninguén é líder a base de querer selo ou a través da carteira senón, Julio, o líder sería Bush, e non sería Fidel ou Chávez. Aquí o problema, grave problema para monicreques coma ti e os que exerceron o cargo de presidentes en Latinoamérica aliados de Estados Unidos, é que Fidel, sen querelo os seus homólogos anticomunistas de Latinoamérica coma ti, foi, sen diñeiro, o líder baseado na razón da historia, do presente o do futuro, do pobo humilde, analfabeto, subalimentado, ignorante e en réxime de semiescravitude que durante douscentos anos gobernou xente coma ti. Os falsos mesías están na Biblia, e en América os líderes cóntanse cos dedos das mans. Nese lugar da historia, da pequena historia do teu país, nunca estará o teu nome.
Con respecto ao socialismo do século XXI, pois teremos que ser retóricos contigo, Julio. Podemos empezar polos 450.000 latinoamericanos operados gratis de cataratas polos gobernos venezolano e cubano. Bush podería operar 1.000.000 co que custa unha semana de guerra. Por que non empeza por aí para liderar e “manter a chusma a raia”. As agresións á prensa... cales son? As de todos os xornais e canles de televisión venezolanos apoiando o golpe de Estado de abril de 2002? O silencio informativo de todas as canles mentres Chávez retomaba o poder? A montaxe con mortos do 11 de abril que realizou a canle privada Venevisión? O premio Rei de España que se lle concedeu ao xornalista que despois recoñeceu que as imaxes eran unha montaxe? Quen agride a quen? Aquí, a estas alturas chamarche Julio é moito. Ju-ju, que é o nome que usan os venezolanos para algo truculento, é xusto e necesario. Segundo Ju-ju, a revolución bolivariana “gastada reedición do vello populismo latinoamericano” inflúe en Bolivia, Nicaragua e Ecuador, mais... “ten enfronte un México forte, unha Colombia vigorosa, un Perú aguerrido e moi lonxe ao Chile moderno e aberto. Brasil é notorio que só o contemplou tratando de amansalo, e Arxentina –a sempre desconcertante Arxentina- é demasiado país para que marque o paso, máis alá de acenos e estampas publicitarias. Paraguai e Uruguai aceptan os regaliños mentres adoecen dun Mercosur deformado e ineficiente”.
Ju-ju pon como exemplo aos países con maiores problemas de Latinoamérica, nun exercicio de prestidixitación propia dun “trilero” da rúa Preciados: desaparece o malo... e o bo. México é unha polvoreira. Non só por Chiapas. A xente non ten nin para mercar as tortillas de millo que sustentan a súa vida debido á política enerxética de Bush e a transformación do millo en combustíbel. Un país con dous presidentes, dividido. Falamos da represión en Chiapas? Do muro vergoñento entre a fronteira de dous países “amigos” para que os mexicanos non entren aos Estados Unidos? Falamos das estupendas maquilas? Falamos da represión en Oaxaca? Ju-ju, en que mundo vives? Que xornais le un xornalista-avogado coma ti? Imos á “vigorosa” Colombia. O único que coñezo vigoroso en Colombia é a guerra de clases que por máis de corenta anos mantén á raia o oligárquico goberno de Bogotá contra o pobo armado das FARC e do ELN. Máis de 9 millóns de colombianos viven no estranxeiro por falta de oportunidades no seu país... vigorosa Colombia? Imos ao Perú “aguerrido” de Ju-ju. Un presidente prófugo da xustiza, ladrón, mentireiro e irresponsábel. Gañaría este García de verdade? Mellor non falamos de Toledo. Pero podemos falar da “sempre desconcertante Arxentina” que di Ju-ju, sobre todo para os seus habitantes cando sofren a miserábel vida que a súa clase política, elixida democraticamente e do agrado de Estados Unidos, lles ofrece. Non imos tocar temas económicos... tocamos os humanos, os de hai pouco tempo cos militares, coa colaboración estadounidense na represión e desaparición de cidadáns arxentinos, uruguaios, venezolanos, paraguaios, chilenos... Chamamos doutra volta a Gómez de Sáa, a Duhalde, a De la Rúa, a Menem, ao seu cuñado, a María Estela, a López Rega... ningún deles é semellante a Chávez e poden valer. E por último Chile. Ju-ju, le os xornais e pregúntalles aos chilenos que opinan do seu Goberno. Efectivamente, como ben dis no título do teu artigo, Chávez non é Fidel. Eu engadiría, despois de pensar e meditar moito, que Fidel non é Chávez. Pero o que si é triste, horríbel e desconcertante é que na realidade ti, Ju-ju, si fuches presidente dun país chamado oficialmente en español República Oriental del Uruguay. Homes e mulleres votaron por ti, e ti gobernáchelos. E agora, triste e horríbel tamén, pontificas e asinas como ex-presidente. Failles un favor aos teus paisanos. Nunca poñas o país do que fuches ex-presidente. |
|||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/04/2007 |
|||||||||||||||||||||||||||||||
|