Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 27 de abril de 2007

DESDE O VENTRE DA BALEA
Eleccións en Francia: o carteiro peta por segunda vez na porta

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Se hai cinco anos fora a líder da forza política de tendencia trotskista Lutte Ouvrière (LO), a xa curtida activista Arlette Laguiller, a que encabezara as preferencias dos franceses no que atinxe ás forzas da esquerda non integrada no sistema, desta volta foi un sorprendente Olivier Besancenot, da Ligue Communiste Révolutionnaire (LCR), tamén de inspiración trotskista, o que hexemoniza o liderado entre os candidatos destas organizacións da esquerda transformadora.



  Olivier Besancenot, clic para aumentar
O candidato da LCR (Olivier Besancenot) soubo seducir a un sector importante do electorado máis novo, ao que fixo apelos constantes durante a campaña das presidenciais, demandando un auténtico xiro social en políticas como a de vivenda, laborais, etc, e reivindicando loitas como a dos millares de mozas e mozas francesas que participaran en conflitos sociais do calado das mobilizacións contra o Contrato de Primeiro Emprego (CPE), medida do goberno francés, de marcado carácter neoliberal, que pretendía estender a precariedade laboral entre a mocidade.
 
A primeira volta das eleccións presidenciais en Francia deixou un escenario máis que previsíbel: o dereitista Nicolas Sarkozy (da UMP, Union pour un Mouvement Populaire) e a social-liberal Ségolène Royal (do PS, Parti Socialiste) serán os dous candidatos que disputen nas urnas a presidencia da República francesa. Máis abraio pode causar a alta participación nestes comicios, con case un 85% de electores dos máis de 43 millóns de cidadás e cidadáns franceses con dereito a voto.

Estas eleccións teñen lugar case dous anos despois do referendo sobre o Tratado Constitucional europeo, no que a maioría do pobo francés chamado ás urnas apostara polo NON ao devandito Tratado, sumindo o actual proxecto de construción europea definido polas forzas do capital nun ‘impasse’, do que non se enxerga unha saída cando menos próxima no tempo. De feito, na campaña electoral francesa os grandes partidos (UMP, PS e o ‘centrista’ UDF -con François Bayrou á fronte-) obviaron a mantenta referirse en extenso á cuestión europea. Asunto incómodo ante un electorado que maioritariamente baseara o seu NON nos déficits sociais do proxecto constitucional europeo.

Outra parte da sociedade francesa que se inclinara polo NON cómpre ter presente que o fixo así atendendo ao chamado da ultradereita francesa, con Le Pen e a súa Front National pour l'Unité Française (FN) como representante máis senlleiro deses sectores. Hai que lembrar que Le Pen no ano 2002, nos anteriores comicios presidenciais, acadara o segundo posto na primeira volta, con máis de 4.800.000 votos e unha nada desprezábel porcentaxe de case o 17% do electorado, polo que optou a disputarlle a presidencia da República ao aínda presidente francés, o dereitista Jacques Chirac. Nas eleccións do pasado 22 do abril, o líder ultradereitista perdeu case un millón de votos, e máis de seis puntos porcentuais, respecto a hai cinco anos, pasando de ser o segundo en discordia ao cuarto lugar nas preferencias dos franceses.

Nestes comicios presidenciais, estaba por ver o comportamento dos presidenciábeis das organizacións que se moven á esquerda do Partido Socialista. Ou sexa, organizacións do espectro político da esquerda real, a que non asume o capitalismo como único mundo posíbel e busca alternativas a este.

Aínda que houbera intentos por formalizar unha candidatura común, que abranguese as diferentes forzas políticas da esquerda transformadora (entre as que cabía incluír como novidade ao activista campesiño Jose Bové), finalmente foi un feito a presentación de varias candidaturas de maneira fragmentada, imposibilitando posibelmente recoller todo o descontento social existente en amplos sectores da sociedade francesa.

E se hai cinco anos fora a líder da forza política de tendencia trotskista Lutte Ouvrière (LO), a xa curtida activista Arlette Laguiller, a que encabezara as preferencias dos franceses no que atinxe ás forzas da esquerda non integrada no sistema, desta volta foi un sorprendente Olivier Besancenot, da Ligue Communiste Révolutionnaire (LCR), tamén de inspiración trotskista, o que hexemoniza o liderado entre os candidatos destas organizacións da esquerda transformadora. Aínda outra forza que bebe da ideoloxía trotskista presentaba candidato ás presidenciais francesas; trátase da candidatura de Gérard Schivardi, impulsada polo Parti des Travailleurs (PT), que apañou pouco máis de 120.000 votos. Por outra banda, a candidatura José Bové, un dos referentes alterglobalizadores en Europa, achegouse ao medio millón de electores, o que situou a devandita nunha discreta porcentaxe do 1,3%.

En canto a Olivier Besancenot, que actualmente conta con 33 anos, hai que lembrar que xa fora o presidenciábel da LCR en 2002, é dicir, cinco anos atrás, cando apenas tiña 28 primaveras. Daquela conseguira mobilizar máis de 1.200.000 votos, uns 400.000 menos que Arlette Laguiller, quen agora recibiu menos de 500.000 sufraxios, fronte ao case millón e medio de votos de Besancenot, quen -dito sexa de paso- é un licenciado en historia que percibe un modesto soldo traballando como carteiro na pequena cidade de Neuilly-sur-Seine, próxima á capital parisina.

O candidato da LCR soubo seducir a un sector importante do electorado máis novo, ao que fixo apelos constantes durante a campaña das presidenciais, demandando un auténtico xiro social en políticas como a de vivenda, laborais, etc, e reivindicando loitas como a dos millares de mozas e mozas francesas que participaran en conflitos sociais do calado das mobilizacións contra o Contrato de Primeiro Emprego (CPE), medida do goberno francés, de marcado carácter neoliberal, que pretendía estender a precariedade laboral entre a mocidade.

Neste espectro ideolóxico da esquerda real francesa, aínda cabe facer mención ao longo devalo en que está un partido como o Parti Communiste Français (PCF), organización política que outrora foi un partido de referencia na esquerda do continente e que hoxe se encontra en franca regresión. A súa candidata, Marie-George Buffet, apenas colleitou pouco máis de 700.000 votos, o que significa unha porcentaxe inferior ao 2% dos sufraxios.

Máis alá de como se resolvan finalmente estas eleccións presidenciais, será interesante ver o que acontece nos comicios lexislativos do vindeiro mes de xuño, sobre todo no referente á esquerda transformadora. Co actual sistema de elección de representantes, nos anteriores comicios de 2002 só o PCF -de entre estas forzas- foi quen de acceder á Asemblea Nacional Francesa, onde conta con 21 escanos e unha porcentaxe inferior ao 4%.

Haberá que ver, entón, se se produce algún movemento de reagrupación das tendencias da esquerda rupturista francesa de cara ás eleccións lexislativas, que faga posíbel que esta colla un maior peso institucional na Asemblea Nacional, que contribúa a reforzar as diferentes loitas sociais abertas no país.


Santiago de Compostela, 27 de abril de 2007.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta