Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 20 de abril de 2007

DESDE O VENTRE DA BALEA
Bowling for Virginia: Sangue no imperio

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


O debate sobre o uso, enfermizo e indiscriminado, de armas nos EEUU non hai moitos anos que o reabrira o cineasta Michael Moore, co oscarizado documental “Bowling for Columbine”, onde se facía unha crítica feroz e despiedada á circulación sen control de armas nos EEUU, partindo dos tráxicos sucesos acontecidos nunha escola de Columbine, no estado de Colorado.



  Masacre no Virginia Tech, clic para aumentar
Non semella probábel que as mortes na Universidade de Virxina vaian servir para a necesaria reflexión da sociedade norteamericana acerca de si mesma e acerca do seu papel a escala planetaria. Se cadra o resumo máis atinado disto haberá que o ver nas palabras do dono da armaría onde o rapaz artífice do masacre seica mercou as armas. Palabras estúpidas e cegas coas que o armeiro pretendía explicar o acontecido aludindo a que se todos os estudantes estivesen armados no Virginia Tech non se chegaría aos extremos que se chegou.
 
Case cadrando cun dos días máis sanguentos nas rúas de Iraq, onde a invasión imperialista promovida polos EEUU está a provocar un inmenso drama humano, a costa leste dos Estados Unidos foi escenario dun deses sucesos que axiña dan a volta ao mundo: o masacre perpetrado por un mozo estadounidense, quen disparou indiscriminademente contra compañeiros seus, estudantes da Universidade de Virginia. O balanzo no Virginia Tech é estarrecedor: 32 mozos abatidos por un auténtico vendaval de balas.

As informacións que veñen chegando dos EEUU, tras a confusión inicial reinante, están a se centrar invariabelmente na conflitiva personalidade do mozo que orixinou o masacre. Algo que desde logo está fóra de toda dúbida e non debe deixar de ser tratado, mesmo desde a perspectiva de indagar porque ao final foi tan imprevisíbel un comportamento dunha persoa que debía ser tratada conveniente das súas doenzas mentais e non o foi. Así e todo, o que resulta abraiante é a incapacidade dos ‘mass media’ estadounidenses, e da propia sociedade en xeral, de abrir un debate a fondo sobre o uso das armas nos EEUU. Debate este que inevitabelmente aboca a un debate sobre o modelo social (de seguridade, institucional, etc) sobre o que asenta hoxe o actual imperio norteamericano. Un auténtico xigante como potencia mundial (‘manu militari’) con pés de arxila (unha democracia de baixísima intensidade).

Ademais, o debate sobre o uso, enfermizo e indiscriminado, de armas nos EEUU non hai moitos anos que o reabrira o cineasta Michael Moore, co oscarizado documental “Bowling for Columbine”, onde se facía unha crítica feroz e despiedada á circulación sen control de armas nos EEUU, partindo dos tráxicos sucesos acontecidos nunha escola de Columbine, no estado de Colorado. Dous mozos case adolescentes dispararon contra os seus compañeiros, matando a máis dunha ducia e ferindo a uns cantos máis, antes de suicidárense. Acontecemento que provocara unha auténtica conmoción social no país, ao igual que a película documental de Moore, pero do que non se pareceron extraer leccións de futuro.

Para entender isto, e a falta de capacidade de reacción dos poderes públicos norteamericanos ante sucesos así, hai que pensar no peso que posúen na sociedade dos EEUU ‘lobbies’ como a Asociación Nacional do Rifle e outras entidades similares, que teñen perfecto amparo e acomodo nos ideais do poder, e concretamente no propio Partido Republicano do actual presidente ianqui George W. Bush. É dicir, todo o chamado pensamento ‘neo-con’ que hoxe dirixe os destinos da nación que goberna o mundo pero que é incapaz de se gobernar a si mesma.

Non semella probábel que as mortes na Universidade de Virxina vaian servir para a necesaria reflexión da sociedade norteamericana acerca de si mesma e acerca do seu papel a escala planetaria. Se cadra o resumo máis atinado disto haberá que o ver nas palabras do dono da armaría onde o rapaz artífice do masacre seica mercou as armas. Palabras estúpidas e cegas coas que o armeiro pretendía explicar o acontecido aludindo a que se todos os estudantes estivesen armados no Virginia Tech non se chegaría aos extremos que se chegou.

Desde estoutra beira do atlántico só nos queda a perplexidade, e agardar que as forzas sociais e políticas de carácter progresista e transformador poidan axitar consciencias e ir varrendo o pouso reaccionario dos actuais dirixentes políticos, que impregna boa parte da súa propia sociedade. Doado non vai ser mais os vieiros actuais só conducen á barbarie, e iso é o que non pode valer.


Santiago de Compostela, 20 de abril de 2007.

 
 
  Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
(Máis artigos...)
  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta