Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 4 de abril de 2007

Entrevista a Roberto Alonso, secretario comarcal de CIG-Servizos e Milagros Salgado, delegada e traballadora de ISS Facility Services
A folga de limpeza do Concello de Santiago: un exemplo de dignidade e solidariedade

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Roberto Alonso, clic para aumentar
Roberto Alonso: “Canto ao de manter durante tanto tempo esas mobilizacións hai que ter claro que cando estas mulleres se meten neste conflito saben o que están facendo: realmente son conscientes do inxustas que son as súas condicións de traballo, de que tiñan unha compañeira ao lado que por estar contratada directamente polo Concello gozaba dunhas condicións moitísimo mellores e elas, en todo momento, son consciente de que a xustiza e a razón estaba da súa parte e por iso estaban alí. Crían no que estaban facendo”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Foron necesarios 58 días de folga e constantes mobilizacións diante do Concello de Santiago para chegar a un acordo entre a empresa concesionaria dos servizos de limpeza municipais e as traballadoras. Roberto Alonso, secretario comarcal da Federación de Servizos de Compostela, e Milagros Salgado, traballadora de ISS Facility Services e delegada sindical da CIG explican os pormenores do conflito.


Paula Castro:
Como xurde o conflito?

Roberto Alonso: Xurde logo de celebrarse varias asembleas das traballadores nas que comezan a valorar o tema da equiparación, porque tiñan oído que en outras casos, na administración ou nos hospitais se conseguira. Así é que deciden comezar a falar coa empresa para conseguila. Porén, tras varios intentos de sentar á empresa para tratar do tema da equiparación non houbo ningunha contestación. Entón solicítase por escrito ao Concello unha xuntanza para intentar mellorar as condicións laborais destas traballadoras e tampouco hai contestación. Diante desta situación, e por desgraza, o 29 de xaneiro acordan ir á folga, que finalmente durou 58 días.

Paula Castro: Que era basicamente o que se demandaba?

Roberto Alonso: O tema da equiparación, pero non só en materia económica senón tamén social. É máis, neste aspecto faise especial fincapé, porque comparando a situación destas traballadoras coa que tiñan as do Concello, que disfrutan dun convenio dos mellores de Galiza no sector de limpeza, xornada de 35 horas, garderías, pluses por xornada partida, automoción propia para desprazarse dun centro a outro... Unha serie de melloras que nos parecían estupendas pero ás que elas non tiñan dereito. Daí a súa demanda.

Paula Castro: As mobilizacións foron moi “sonoras”. Durante 58 días, chovera ou non estaban diante do Concello facendo ruído. Como aguanta o ánimo durante tanto tempo?

Roberto Alonso: O motivo de facer ruído é porque estamos falando dun colectivo de 30 mulleres, que realmente é un colectivo pequeno se comparamos co resto do persoal do Concello ou de outras contratas. Evidentemente, se non chegan a facer ruído pasarían desapercibidas. Se chegan a estar alí en silencio ninguén se fixaría nelas, nin os medios de comunicación, nin o Concello nin a propia empresa. Por desgracia hai que patalear e neste caso fíxose cun ruído moi “sonado”. Somos conscientes de que foi moi molesto pero tamén hai que solidarizarse. Canto ao de manter durante tanto tempo esas mobilizacións hai que ter claro que cando estas mulleres se meten neste conflito saben o que están facendo: realmente son conscientes do inxustas que son as súas condicións de traballo, de que tiñan unha compañeira ao lado que por estar contratada directamente polo Concello gozaba dunhas condicións moitísimo mellores e elas, en todo momento, son consciente de que a xustiza e a razón estaba da súa parte e por iso estaban alí. Crían no que estaban facendo.

  Folga limpeza Concello de Santiago, clic para aumentar
Para aguantar 58 días de folga, “primeiro hai que crer firmemente no que está a facer e en que as túas reivindicacións son de xustiza. A folga víñase preparando desde había tempo e elas foron aforrando un pouco para dispor de cartos. Obviamente, o fundamental foi a caixa de resistencia da CIG que se puxo en funcionamento este ano. Hai que dicir tamén que estas mulleres son un exemplo de solidariedade. Algunhas delas non estaba afiliada á CIG e polo tanto non podía acceder á caixa de resistencia. Malia todo as afiliadas acordaron repartir os cartos entre todas”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Paula Castro: A CIG apoiou en todo o momento as reivindicacións das traballadoras.

Roberto Alonso: Foi a CIG en solitario quen apoiou a estas traballadoras e quen creu nelas. Detectamos desde o principio do conflito que tanto a empresa como o Concello non deron importancia as súas demandas primeiro por ser mulleres, segundo por ter unha media de idade de 50 anos e, sobre todo, por proceder do rural. Coido que xogou un papel importante a mentalidade machista e clasista da outra parte que pensaron que por proceder do rural e por ser mulleres non ían ter o valor suficiente para aguantar. Pero non se decataran de que precisamente polo feito de ser mulleres o seu compromiso era moito máis firme. Nós temos detectado que neste tipo de conflitos as mulleres son, ao principio, moi reticentes, pero cando entran nun conflito no dan o brazo a torcer...

Paula Castro: Houbo algún intento de mediación por parte do Concello?

Roberto Alonso: Nun primeiro momento a súa actitude foi totalmente evasiva dicindo que como administración non tiñan nada que ver, que era un problema coa empresa. Porén, si foi o Concello quen decretou os servizos mínimos claramente abusivos de forma obrigatoria. Este, de feito, foi un dos motivos que provocou que o conflito se prolongara aínda máis no tempo. De feito, tras 58 días de folga non houbo necesidade de pechar ningunha instalación por falta de hixiene ou de limpeza. Se de verdade pasaran 58 días de folga sen limpar sería un caos. Aínda por riba, aos 30 días do conflito o Concello sacou un decreto obrigando ás súas propias limpadoras a realizar o traballo destas mulleres converténdoas en esquiroles, facendo horas extra.

Paula Castro: As administracións adoitan eludir a súa responsabilidade en caso de conflito laboral nas empresas concesionarias.

Roberto Alonso: Entendemos que as administracións están adoptando, no caso das contratas unha postura moi cómoda porque o que fan é buscar empresas moi baratas que saquen beneficios a conta das traballadoras e traballadores e cando hai algún tipo de problema pásanlle a pelota á empresa dicindo que non teñen nada que ver malia desenvolver, como neste caso, o traballo directamente para a administración. Estas traballadoras non facían limpeza nunha fábrica, non, estaban limpando nas instalacións do Concello. Tamén chamou moitísimo a atención, e mesmo cabreou moito ao persoal, as declaracións de Bugallo mentindo descaradamente, afirmando que o que pretendían as traballadoras era ter unha paga a maiores, que se pagara a folga, que nunca se conseguira a equiparación nunha administración, cando elas sabían que se tiñan dado casos na universidade, na Xunta, en hospitais... Foi unha xogada moi sucia porque aproveitou para saír aos medios como alcalde para desvirtuar publicamente as demandas destas traballadoras. Mesmo os despedimentos foron intentos de amedrentar ás traballadoras para que deixaran as mobilizacións e aturaran coas condicións que tiñan. Mesmo puxo un valado na praza do Obradoiro rodeando o Concello para impedir que as traballadoras “molestaran”.

  Folga limpeza Concello de Santiago, clic para aumentar
“Foi a CIG en solitario quen apoiou a estas traballadoras e quen creu nelas. Detectamos desde o principio do conflito que tanto a empresa como o Concello non deron importancia as súas demandas primeiro por ser mulleres, segundo por ter unha media de idade de 50 anos e, sobre todo, por proceder do rural”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Paula Castro: Como se aguanta 58 días en folga?

Roberto Alonso: Primeiro hai que crer firmemente no que está a facer e en que as túas reivindicacións son de xustiza. A folga víñase preparando desde había tempo e elas foron aforrando un pouco para dispor de cartos. Obviamente, o fundamental foi a caixa de resistencia da CIG que se puxo en funcionamento este ano. Hai que dicir tamén que estas mulleres son un exemplo de solidariedade. Algunhas delas non estaba afiliada á CIG e polo tanto non podía acceder á caixa de resistencia. Malia todo as afiliadas acordaron repartir os cartos entre todas. Houbo mulleres que non tiñan servizos mínimos e outras que si tiñan e repartiron os cartos que cobraban entre todas. Fixeron un fondo para iso. Tamén chamou moito a atención e o propio empresario comentouno tras da sinatura do acordo, que unha traballadora collera unha baixa duns tres, catro días e que el pensaba que acabaría por pasar toda a folga nesa situación pero o cuarto día colleu a alta para seguir en folga. Mesmo o propio empresario recoñeceu, cando a sinatura, que pensaba que o da Caixa de Resistencia era un mito, pero que logo comprobou que era verdade porque evidentemente cando aguantaron tanto tiña que ser certo. Un exemplo de solidariedade entre elas e que había algunha das traballadoras a piques de xubilarse e malia todo, malia non ir disfrutar destas melloras, estiveron alí á fronte das mobilizacións no Obradoiro mollándose como a que máis.

Paula Castro: Houbo intentos de presionar ás traballadoras para que abandonaran a folga?

Roberto Alonso: En todos estes conflitos funcionaba moito o de despedir á xente para crear un efecto dominó de medo para amedrentar á xente e que abandone as súas reivindicacións. Neste caso tamén foi así pero foron todas readmitidas e están traballando. Todos os despedimentos, sancións e demais quedaron pechados e sen efecto. Tamén sufriron presións para desanimalas desde o propio persoal do Concello, dicíndolles que non ían conseguir absolutamente nada pero logo da capacidade de resistencia que demostraron, ao final xa lles dicían, agora aguantade, aguantade. Foi un intento de minalas a nivel persoal para que foran fraqueando as forzas. Chegaron a dicirlles que estaban sendo utilizadas politicamente pola CIG.

Paula Castro: Como se avalía o acordo?

Roberto Alonso: Desde a CIG o que fixemos en todo momento foi trasladar ás traballadoras aquelas ofertas que nos facían chegar para que foran elas que avaliaran as propostas e decidiran. Esta última proposta aproximábase bastante ao que pedían e elas aprobarona en asemblea. É un acordo por tres anos que abre un camiño para futuras negociacións e as traballadoras quedaron contentas. Non só é importante o que se consigue a nivel económico e social. O realmente importante é a unidade que se conseguiu e a dignidade. Hai que ter en conta que son traballadoras que estaban en diferentes instalacións e que case non se coñecían antes do conflito. Llogo destes 58 días chegaron a ter unha relación moi forte e de cara ao futuro vailles servir para moito. Non son só as melloras senón o prestixio que adquiren de cara a esta empresa e ao propio Concello. Sabemos que se logo de tres anos volvemos a negociar a actitude das partes implicadas non vai ser a mesma e non haberá que chegar á folga. Son de valorar as melloras económicas e tamén canto a xornada, días de asuntos propios, cobertura en caso de enfermidade común...


  Milagros Salgado, clic para aumentar
Milagros Salgado: “As veces o inimigo está na casa e na maior parte dos casos aos homes non lles gusta que as mulleres se involucren nestes temas porque resta tempo precisamente ao servizo da casa. Foi fundamental a comprensión entre nós e, sobre todo algo que nos sobra ás mulleres: organización, constancia e forza. Tamén foi fundamental a axuda dos compañeiros que nos viñan acompañar á praza. Iso motivábanos moito”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Paula Castro: Como comeza este conflito?

Milagros Salgado: No 2003, cando saín como delegada sindical, comezamos a celebrar unha serie de asembleas nas que tratamos sobre as diferenzas entre as traballadoras e o xeito de acadalas, comezando as reivindicacións dentro da propia empresa desde aquela até xaneiro deste ano. Nese momento decidimos que a única solución posíbel era comezar a folga.

Paula Castro: Como se aguantou 58 días en folga?

Milagros Salgado: Polo convencemento de que era xusto e necesario despois de 11 anos. Tendo as mesmas responsabilidades que os outros traballadores pero distintos dereitos. Chegou un momento no que nos fartamos de baixar a orella e decidimos que “xa chegamos até aquí, non máis” e decidimos manternos coa unidade e malia as situacións que a nivel familiar cada unha soportaba individualmente. As veces o inimigo está na casa e na maior parte dos casos aos homes non lles gusta que as mulleres se involucren nestes temas porque resta tempo precisamente ao servizo da casa. Foi fundamental a comprensión entre nós e, sobre todo algo que nos sobra ás mulleres: organización, constancia e forza. Tamén foi fundamental a axuda dos compañeiros que nos viñan acompañar á praza. Iso motivábanos moito.

Paula Castro: Houbo intentos para desanimarvos nas vosas demandas.

Milagros Salgado: Houbo de todo de todos, tanto por parte dos políticos como por parte do persoal laboral e do funcionariado, da empresa. Para axudar ninguén, para fastidiar sobraba xente. Aínda hoxe, despois de asinar o acordo seguen botando merda enriba do mesmo.

Paula Castro: Como avaliades o acordo acadado?

Milagros Salgado: Ben, pero só como o principio dun camiño que imos seguir empedrando co tempo até acadar a plena equiparación co persoal do Concello que realiza as mesmas tarefas ca nós.

 
 
  Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)
  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta