Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 2 de abril de 2007 (Publicado en La Región o 28/03/2007)

Retorno e solidariedade
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Centro Galego de Bos Aires, clic para aumentar
Os fillos e netos de galegos e galegas no exterior son arxentinos, uruguaios, brasileiros ou venezolanos, que, no millor dos casos, queren á Terra dos seus maiores. Agora ben, tamén hainos, e non poucos, que non distinguen Galiza de España con todos os seus tópicos, moi afortalados desde o Governo central. Sendo así resulta mesmo ofensivo pra eles e os habitantes deses países que se vaia alí a fomentar a emigración, con todas as súas traxedias de desarraigo e abandono do entorno familiar. (Foto: Edificio do Centro Galego de Bos Aires, as súas principais actividades son hospitalarias, unha residencia de anciáns e as culturais. ©galizacig.com).
 
Membros do principal partido no executivo da Xunta de Galiza percorren América Latina ofrecendo emprego aos fillos e netos de emigrantes galegos, como vai uns poucos anos fixo o anterior governo. A finalidade desta actitude ten evidentes fins eleitorais, e anoxa aos conservadores porque xa non poden facer o mesmo desde as institucións, non son quen de argumentar outros motivos alén dos que implican en gastos por desprazamentos ou en materia de prioridades. Agora ben, o que abraia e debía provocar cabreo, é que tanto antes como agora se ofreza traballo fora cando falta pra os que viven no país. Algo que recoñecen todos cando se pon como obxectivo principal desta lexislatura un acordo en materia de emprego entre Xunta, patronal e sindicatos. E que se reflicte con todo dramatismo nas vinte mil persoas que emigran cada ano, das que máis da metade estaban no desemprego cando tomaron a decisión de expatriarse.

Sei que se pode argumentar que hai miles de postos de traballo non cubertos, aínda que a demanda de emprego é maior ca oferta, porén trátase de traballos mal pagos, temporais, ou en condicións penosas, que só se aceptarían en moi último extremo, por exemplo: por inmigrantes que cheguen enganados e con moi poucos recursos económicos... pra ledicia dos especuladores. Outro obxectivo, socialmente indefendíbel, podería seren aumentar a man de obra de reserva pra baixar máis os salarios e condicións laborais.

Hai quen inocentemente, como as veces se fai desde o Executivo, dirá que temos unha taxa de paro moi baixa segundo a EPA, mais todos sabemos que os dados da EPA son unha trapallada xa que teñen unha diferencia abismal co desemprego realmente rexistrado nas oficinas de colocación, máis de 160.000 persoas (con nomes e apelidos), un 12% da povoación activa, mesmo coas restricións que se fixaron pra ser considerado desempregado ou desempregada. Os dados da EPA, respeito do desemprego en Galiza son un erro ou un fraude, que se debía corrixir axiña. Polo tanto, é de senso común, que o que falta na casa non se pode ofrecer fora.

Por outra banda, os fillos e netos de galegos e galegas no exterior son arxentinos, uruguaios, brasileiros ou venezolanos, que, no millor dos casos, queren á Terra dos seus maiores. Agora ben, tamén hainos, e non poucos, que non distinguen Galiza de España con todos os seus tópicos, moi afortalados desde o Governo central. Sendo así resulta mesmo ofensivo pra eles e os habitantes deses países que se vaia alí a fomentar a emigración, con todas as súas traxedias de desarraigo e abandono do entorno familiar. Pensemos en como reacionamos nós cando se fai esto na nosa nación. A solidariedade neste caso débese basear en apoiar o desenvolvemento deses países, que nas verbas todos consideramos irmaus, e loitar contra as políticas que dan pulo á dependencia e o neocolonialismo. A relación debe ser de apoio mutuo e recrear o moito que de común hai na historia e cultura.

O governo galego, sexa o actual ou o anterior, ante todo, ten que se preocupar: por evitar a fuxida de mozos e mozas por falta de emprego ou porque se lles ofrece en condicións indignas; por conseguir que retornen aqueles que fai moi pouco emigraron, con niveis de formación e integración na nosa sociedade moi altos; e, por último, garantir que aqueles inmigrantes que cheguen ao noso país, porque así o decidiron libremente, o fagan coa garantía de conseguir condicións laborais dignas, e que desde o respeito á sua cultura de orixe acepten e se integren na cultura que Galiza construíu durante séculos, e que nos dá identidade colectiva e formas de actuación socialmente consensuadas.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta