Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 9 de abril de 2007 (Publicado en La Región o 04/04/2007)

Os outros exilios
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Torre en Monforte de Lemos, clic para aumentar
Torre en Monforte de Lemos, propiedade dos Castro durante a guerra civil de Castela entre o Rei Pedro 1º e o seu fillo Henrique, conde de Trastamara. De lado do primeiro púxose a maioría da nobreza galega: os Castro, os Deza, Paio Rodríguez de Limia, os Tenorio, os Goday, Romay, Lobeira, Maldonado, Meira, Meléndez de Gondar, etc. De parte do conde de Trastamara, os Andrade, Biedma e Valcárcel. Este conflito alongarase no tempo en Galiza por dúas décadas.
 
Co gallo de se cumprir o pasado ano o 60 aniversario do Golpe de Estado militar contra a República e o inicio da Guerra Civil déuselle un gran pulo ao coñecemento de todo o acontecido, especialmente á represión e ao exilio de militantes de esquerda, republicans e galeguistas. Esta recuperación era necesaria. Agora ben, na nosa historia patria hai outros exilios políticos anteriores que son totalmente descoñecidos e que tiveron tamén unha gran incidencia sobre o desenvolver da nosa historia nacional.

O primeiro dáse co triunfo de Henrique de Trastamara sobre Pedro 1º, cando a parte máis forte da nobreza galega ponse do lado do segundo; a represión fai que fuxan a Portugal sendo substituída por nobres casteláns ou por familias galegas emigradas e castelanizadas. O segundo gran exilio, tamén na baixa Idade Media, será posterior as guerras irmandiñas, cando se impón polos Reis Católicos a “castración e doma do reino de Galiza”. Trátase neste caso dun exilio á Corte de toda a alta nobreza, e o inicio non só do control total do noso Reino por Castela senón a substitución idiomática e a aparición dunha clase estranxeirizante. Haberá que esperar tres séculos pra que a Revolución de 1846, na procura da liberdade e dignidade do país “pra que nos teman e nos respeten”, volva a poñer no orde do día a cuestión da soberanía e a democracia constitucional. A derrota militar, despois de varias batallas en Compostela e enfrontamentos en Ourense e Lugo, causa un novo exilio a Portugal.

  Mosteiro de San Martiño en Compostela, clic para aumentar
Mosteiro de San Martiño en Compostela, onde os revolucionarios de 1846 fixeron a última resistencia de importancia, o 23 de abril. Na batalla, que encetou en Cacheiras e continuou na cidade, houbo centos de mortos e feridos en ambos os bandos. Os xefes militares da revolta, comandada por Miguel Solís i Cuetos, foron fusilados aos poucos días en Carral. A revolución que comezou en Lugo e se estendeu axiña a Compostela, Pontevedra e Vigo, así como a numerosas vilas, formou Xuntas Revolucionarias, da que a Superior era a de Compostela presidida por Pío Rodríguez Terrazo e que tiña como secretario a Antolín Faraldo, o seu voceiro era o boletín Revolución.
 
Sobre o particular dinos o historiador Emilio González López “O fracaso da Revolución Galega de 1846 foi seguida dunha dura e extensa represión da que foron vitimas miles de militares, xefes e soldados, centenares de civís que axudaron ás Xuntas de Defensa, formadas en varias cidades galegas e causou o espallamento dunha xeneración universitaria galega, na que tiña posto moita esperanza o noso povo. Nunca na Idade Moderna había sufrido tanto o noso povo colectivamente (...) pra encontramos algo parecido temos que nos remontar á Idade Media, na época dos Trastamara, nas que se viron forzados a abandonar a Terra, emigrando a Portugal, centenares de cabaleiros anti-trastamaristas galegos; ou á época de Fernando IV e dos Reis Católicos, na que os cabaleiros galegos rebeldes á autoridade dos Reis de Castela foron obrigados a formar parte do exercito que loitaba contra os árabes na fronteira granadina”.

O seguinte exilio ten como protagonistas outros sectores sociais, xa que dáse como consecuencia do fracaso da insurreción de 1872 de Ferrol, onde participan mariñeiros e operarios do Arsenal, e está alentada polos republicans federais. As consecuencias serán, pola actitude contraria dos federais españois, o avanzo do anarquismo na Galiza e o xurdimento dun partido republican federal galego independente que, na Asembleia de Lugo de 1887, redacta un Proxecto de Constitución pra o Estado Galaico. “O principal prexudicado pola insurreción é o proletariado de Ferrol e, sobre todo, os traballadores do Arsenal que se ven reducidos ao paro polo peche temporal do establecemento (...) A forte represión guvernamental repercute tamén sobre os internacionalistas coruñeses que entran nun período de graves dificultades...” (A primeira Internacional en Galicia, Xan Moreno González). O exilio e a emigración volve a seren un recurso.

Sen dúbida o exilio máis importante na Galiza sempre foi o económico, a emigración, porén sería reducionista pensar que foi o único e, sobre todo, que os motivos pra emigrar só foron e son a falta de emprego e as malas condicións de traballo. A cuestión política fica en todo, a problemática nacional, a identidade colectiva... pra comprobalo abonda con saber algo da nosa historia.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta