Actualidade / ArtigoVolver


Vigo, 25 de abril de 2007 (Publicado en La Región o 24/04/2007)

Encol da baixa taxa de natalidade
 

Manuel Mera-

fs@galizacig.net


  Nenas e nenos na Praza da Ferrería de Pontevedra, clic para aumentar
A solución ao problema demográfico na Galiza é doada, como en todos os países do noso entorno, só fai falla vontade política, amor ao país, e menos avaricia. Pra elo compre encetar por garantir contratos fixos (hoxe un 63% dos menores de trinta anos teñen un contrato eventual), salarios dignos, xornadas de convenio, ritmos de traballo soportábeis, aceso á vivenda, e achegas suficientes por ter un fillo ou filla así como todos os servizos públicos necesarios. (Foto: ©galizacig.com).
 
A cotío podemos ler en xornais, ou escoitar nos medios audiovisuais, diversas opinións encol da gravidade do problema demográfico na Galiza por mor da baixa taxa de natalidade, xa que morre moito máis xente que nace. Poucos entran no miolo da cuestión, xa que no millor dos casos dan como solución aumentar o tempo de baixa por maternidade, as achegas e licencias, o número de garderías públicas, etc. Son medidas todas elas positivas, porén parciais, xa que esquecen o fundamental: os fillos e fillas son hoxe un custe extra pra familia moi difícil de asumir cando non hai traballo fixo, esta mal pago, e asemade, por mor da especulación, mercar un piso resulta practicamente imposíbel sen hipotecar a maior parte da vida. A emigración de miles de mozos agrava o problema.

Fai vinte anos, nunha sociedade menos avanzada en capacidade productiva, no meio urbán galego, traballando o home chegaba pra vivir unha familia de catro, hoxe ten que traballar a parella e cústalle manter un fillo ou filla, esta é a situación laboral e social da maioría das familias da clase obreira!, este é o principal atranco que compre solucionar xa! Mais, por que pasa esto?, moi sinxelo, porque medrou a estratificación social, a riqueza acumúlase nuns poucos, nun tercio da povoación e sobre todo nun 3% de millonarios, mentres que á maioría da xente cústalle chegar a final de mes, tal como indican as estatísticas, mesmo limitando o número de membros da familia. Neste contexto, onde se superpoñen e complementan en grave contradición avanzos científicos e técnicos e precariedade, utilízase cinicamente o argumento da competitividade exterior pra deteriorar arreo as condicións laborais internas, cando se trata das clases populares, porén pola contra non se di ren sobre os grandes beneficios empresariais e os altos salarios dos executivos.

A solución ao problema demográfico na Galiza é doada, como en todos os países do noso entorno, só fai falla vontade política, amor ao país, e menos avaricia. Pra elo compre encetar por garantir contratos fixos (hoxe un 63% dos menores de trinta anos teñen un contrato eventual), salarios dignos, xornadas de convenio, ritmos de traballo soportábeis, aceso á vivenda, e achegas suficientes por ter un fillo ou filla así como todos os servizos públicos necesarios. Ademais, non podemos esquecer que ter fillos aínda que sexa unha decisión individual ten consecuencias que favorecen a toda a sociedade a medio e longo prazo.

Esta vella nación non é unha finca, onde todo se reduce ao traballo e aos lucros empresariais e individuais, sen importar cultura, historia, meio ambiente e condicións sociais... Hai unha obrigación coleitiva e individual en relación cos que eiqui moramos e coas herdanzas do pasado e as xeracións posteriores, e de solidariedade co xénero humán.

 
 
  Manuel Mera,
secretario confederal de Formación Sindical e
Comunicación da CIG.
(Máis artigos...)
  Manuel Mera
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/04/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta