|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
PRIMEIRO. Ter o don da oportunidade pero non ser xamais oportunista. SEGUNDO. Aproveitar o vento... e non esquecer o rumbo. TERCEIRO. Saber que unha revolución non é unha regata. CUARTO. Non chegar antes de tempo. QUINTO. Saber cando hai que obedecer e a quen. SEXTO. Se non hai vento, vogar. SÉTIMO. Saber que é mellor ser un bo cidadán que un mal político. OITAVO. O primeiro que ten que ser un político é cidadán exemplar, despois un home de imaxinación, por último un desbaratador da astucia. Contra astucia enxeño rápido. NOVENO. Saber que facerse un nome pode significar desfacerse. DÉCIMO. Antes de ter brillo cómpre ter metal, aínda que sexa sen brillo. ONCE. Non dar crédito aos garatuxeiros. XAMAIS! DOCE. Aledarse coa louvanza xusta, e recibila con inxenuo abraio, coma un agasallo. TRECE. Non deturpar o que se ten que dicir, obstinados en facerse ouvir. CATORCE. Non aldraxar a dignidade do teatro, a virtude da presenza, con exceso de acenos. QUINCE. Procurar tras o misterio combinado outro misterio sen combinacións: tras do teatro o drama. DEZASEIS. Non converter o patriotismo auténtico, o que se traduce, nun simulacro. DEZASETE. Non ser nunca máis febles que a propia énfase, pero non te fagas por nada do mundo unha énfase que che veña frouxa, máis ben un pouco estreita. DEZAOITO. Non te consideres bo cando só es un sentimental. DEZANOVE. Non te creas un sentimental por ter as bágoas a punto. VINTE. Non teñas vergoña de chorar, nin tampouco de non chorar. VINTE E UN. As mellores bágoas agroman na soidade e por sorpresa. VINTE E DOUS. Non procures insignias de bondade nin para lucilas nin para facer calar a conciencia. VINTE E TRES. O xuízo vén do cerne da altura e non debes intervilo. Deixa que te traspase. VINTE E CATRO. Non te despreces nunca. Calma as paixóns e agarda. VINTE E CINCO. O bo xuízo erguerate, agasallarache cun camiño. VINTE E SEIS. Non midas o camiño pola largura, nin che entreteña a equipaxe. Anda! VINTE E SETE. Non fagas da túa herdade a chave do dereito. VINTE E OITO. Non fagas do dereito a túa herdade. VINTE E NOVE. Derrubar os muros e tender os brazos. TRINTA. Non escravizarse por gula de mandar. TRINTA E UN. Ponte no teu sitio. TRINTA E DOUS. Ter présa, mais non ser apresurado. TRINTA E TRES. Ter seguridade, mais saber dubidar. TRINTA E CATRO. Non ser simpático a todo o mundo. Escorrentar a moita xente e non decatarse do que din os estúpidos. TRINTA E CINCO. Non ser cordeiro aspirante a pastor. TRINTA E SEIS. Non fomentar o cordeirismo dos demais co afán de pastorealos. TRINTA E SETE. Se algunha vez che toca mandar, intenta que sexa en homes. TRINTA E OITO. Eleva, dignifica, dá forza e sanidade aos que te rodean e non te deteña a idea de que poden superarte. TRINTA E NOVE. Mais non cometas nunca a torpeza de lles dar as armas aos inimigos da verdade, nin sequera verdades. Neste caso é mellor que non te entendan, mais se a pesar de todo as das, faino de xeito que queden desarmados. CORENTA. Ten moito coidado con esas verdades coma templos, pode que sexan simplezas do mesmo tamaño, erros que os demais desexan que digas... Non lles deas ese gusto. CORENTA E UN. Non malgastar en balbordos a forza imperativa. CORENTA E DOUS. Obediencia e mando, cando están traspasados pola mesma luz, teñen a mesma dignidade. CORENTA E TRES. Non confundir bárbaro con sinxelo, con inxenuo. A boa cortesía nace da máxima inxenuidade. CORENTA E CATRO. Non agardes nunca agradecemento, mais agradéceo. CORENTA E CINCO. Organizar primeiro, sumar despois. As almas enxoitas dedícanse a xuntar e dividir, a ostentar número e quebrantalo sen outro propósito que o de parecer xefes... ou evitar que outros o parezan. CORENTA E SEIS. Sempre foron louvados os combatentes ibéricos(*). Diante do perigo ao bordo da morte, lonxe da intriga, as máis secretas e firmes virtudes dos noso pobos móstranse plenamente. Honra aos nosos combatentes! CORENTA E SETE. DESPOIS DE TODO ISTO, A NOSA PAZ SERÁ TAN DIGNA COMA UNHA GUERRA SANTA. AGORA SÓ SOMOS UNHA MOREA DE POBOS SOMETIDOS. LIBERDADE E XUSTIZA OU MORTE!
(*) No orixinal aparece riscada a palabra “españois” sendo substituída a lapis por “ibéricos”. |
|||||||||||
|
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2007 |
|||||||||||
|