Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 23 de marzo de 2007

Entrevista na clandestinidade en México ao comandante “Carlos” delegado itinerante do ELN
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Comandante 'Carlos'; clic para aumentar
Comandante Antonio García do ELN.
 
O Exército de Liberación Nacional (ELN) de Colombia, nacido en 1964, próximo a cumprir medio século de loita antiimperialista e antioligárquica, non se pertence a si mesmo, constitúe un patrimonio do pobo latinoamericano e de todos os loitadores anti capitalistas do mundo.

O Exército de Liberación Nacional de Colombia (ELN), os coñecidos popularmente en Latinoamérica como “elenos”, libra unha guerra heroica contra o Estado burgués e opresor colombiano que por medio das clases poderosas oligárquicas que se alternaron no poder manteñen á poboación na pobreza e na ignorancia. Dende o nacemento da República independente de Colombia as clases oligárquicas, da man de Santander, asasinaron o mariscal Sucre (heroe da batalla de Ayacucho) e mandaron ao exilio nada máis e nada menos que ao primeiro presidente da República de Colombia: Simón Bolívar.

Herdeiro dos máis altos valores revolucionarios e de xustiza, este exército mantén unha guerra aberta dende 1964 contra un Estado que oprime, aínda hoxe, o seu pobo. Falamos co comandante “Carlos”.


Xurxo Martínez Crespo: Cando nace e que é o Exercito de Liberación Nacional de Colombia?

Comandante “Carlos” (ELN): O Exército de Liberación Nacional nace en 1964 ao mesmo tempo que as Forzas Revolucionarias de Colombia (FARC). Nós nacemos no norte do país (Colombia), eles mais ben no sur do país.

O ELN nace dunha brigada de mozos internacionalistas que van a Cuba, formando unha brigada que despois adoptaría as cores vermella e negra, formándose o ELN o 4 de xullo de 1964 como dicía antes.

A concepción da formación do ELN era pola toma do poder en Colombia, a guerra de guerrillas, o “foquismo”; unha organización inspirada máis que nada pola xesta cubana, Che Guevara, á que se integra posteriormente Camilo (Torres).

  Bandeira ELN Colombia, clic para aumentar
Bandeira do ELN.
 
XMC: Que representa Camilo Torres, a súa incorporación, ao ELN?

Comandante “Carlos”: Resultando desta incorporación son o que despois se chamarían “cristiáns revolucionarios” ou “cristiáns marxistas”, porque no ELN non todo o mundo é cristián, pero si todo o mundo é marxista, non existindo unha contradición entre o marxismo e o cristianismo; pola contra, ambos entendémolos coma fortes complementos.

Camilo deixa un importante legado político dentro da organización, a súa concepción sempre foi moi participativa e democrática. A necesidade de xerar unha unidade alí onde existía unha diversidade sen hexemonismo, sen querer homoxeneizar o proceso, a idea de construír dende as bases cara á estrutura, a transformación dende abaixo cara a arriba, a mesma idea de poñer a cristiáns e marxistas a falar do proceso de transformación social, que é a revolución.

XMC: Sabes que en Europa é difícil entender a idea dun cura revolucionario (como era o caso de Camilo ou Manuel Pérez) e moito máis a opción da Igrexa polos máis pobres até chegar a empuñar unha arma.

Comandante “Carlos”: Camilo Torres adopta o concepto teolóxico cristián do amor ao próximo, e chega a unha conclusión lóxica, a unha conclusión segundo a cal o único xeito de chegar a realizar o amor ao próximo non é a través da caridade senón da transformación social. E de aquí xorde que o deber de todo cristián é ser revolucionario, e o deber de todo revolucionario é facer a revolución.

XMC: Cando morre Camilo, que camiño tomou o ELN coa súa ausencia?

Comandante “Carlos”: Camilo morre en 1966 en combate, deixando esa herdanza de “camilismo” dentro do ELN.

XMC: O ELN non pasa na actualidade polos seus mellores momentos. Son estes aínda peores que os de 1973 e a “Operación Anorí”?

Comandante “Carlos”: O ELN viviu períodos de crise. En 1973 quedou minguado nunha operación de agresión do Estado colombiano chamada “Operación Anorí”. No municipio de Anorí, departamento de Antioquía, foi case aniquilada unha columna de preto de cen combatentes. Nesa derrota sumáronse o descoñecemento do terreo e o escaso traballo político coa poboación desa zona.

Malia a derrota militar en Anorí, o exemplo de heroísmo dos que alí caeron influíu na mocidade e sementou nela sementes de loita radical, consecuencia, altruísmo, entrega e mística revolucionaria.

Coa caída en combate de Manuel e Antonio Vásquez, a deserción de Ricardo Lara e a saída do país do primeiro mando ocorreu o desvertebramento do Estado Maior do ELN, entre os anos 73 e 74. Agravou esta debilidade a perda de varios cadros valiosos, como Luís José Solano, Domingo Laín e Luís Carlos Hernández (Isidro), o que sumiu ao ELN nunha aguda crise, que propulsou un debate interno sobre as súas causas e sobre o mellor xeito para superala.

Os temas críticos do debate centráronse na harmonía entre a loita de masas e a loita guerrilleira, a democracia interna e a dirección colectiva.

XMC: Anorí representou un antes e un despois no ELN?

Comandante “Carlos”: En 40 anos de loita, as organizacións cambian, evolucionan. O ELN tivo internamente posturas intolerantes, pechadas. Posturas que sinalaban e sentenciaban a quen non estivese de acordo como “axente da CIA” e punto. Moitas cousas cambian ao longo destes 40 anos, non queda nos seus conceptos, cambia.

O ELN soubo evolucionar, mudar, cambiar. Por exemplo, descarta o concepto “vangarda” que cambia do significado que tiña inicialmente ao de “vangarda colectiva”, obra da arquitectura ideolóxica do comandante Manuel Pérez.

XMC: “Vangarda colectiva”?

Comandante “Carlos”: “Vangardas” somos moitas. A “vangarda” é aquela que está máis avanzada ideoloxicamente nun momento determinado. E pode estalo un movemento armado ou pode non estalo.

Así, temos hoxe en Colombia o grande avance que ten o movemento indíxena, eles exercen un papel de vangarda e descartan a práctica “foquista” porque finalmente o foquismo non permitía construír base social que era moi importante, establecer raíces nun movemento social.

XMC: Que outras achegas deu Manuel Pérez ao ELN ademais do de “vangarda”?

Comandante “Carlos”: Manuel Pérez ten unha concepción democratizadora, quere democratizar internamente a organización, realizándoo con moito éxito. Colectiviza moitos procesos. O centralismo democrático leninista aplícase no sentido da dirección colectiva; temos un Comando Central integrado por cinco comandantes. Establécese unha Dirección Nacional nos anos oitenta, ampla e colectiva; e os procesos da cultura interna “elena” comezan a colectivizarse moito. Discútese e analízase todo colectivamente. Moita crítica e moita autocrítica que adían o chegar a conclusións, todo isto é unha herdanza importante que nos deixa o comandante Manuel Pérez.

XMC: Sentou o ELN co Goberno colombiano a negociar?

Comandante “Carlos”: Nós, historicamente, nunca sentáramos na Mesa de Negociacións co Estado. Nin nos anos 80 nin nos 90. Como parte da Coordinadora Guerrilleira Simón Bolívar si nos tocou estar en determinadas relacións en Caracas, pero como organización nunca nos sentamos até o de agora, e por unha razón moi sinxela. Nós insistimos en que o que se negocia non é a guerrilla o Goberno. O que se negocia é o tema político e económico. Iso é o que estar sobre a mesa e non as condicións que queremos para desmobilizarnos.

XMC: Existe un mal precedente coa inserción na vida política do M-19 de Carlos Pizarro?

Comandante “Carlos”: Como dicía antes. O que se negocia é o tema político e económico e non as condicións para desmobilizarnos como se fixo con determinados grupos: bolsas, cesión de medios de subsistencia para os desmobilizados (empregos), tal como se fixo na entrega de armas do M-19. Vemos como estes procesos de paz fracasaron.

XMC: En Centroamérica tamén?

Comandante “Carlos”: O ELN fixo unha análise de todos os procesos de paz dos movementos insurxentes latinoamericanos e cremos (e vemos) que fracasaron. En Centroamérica recibimos unha gran lección, precisamente, do que non debemos facer.

XMC: Como loita na actualidade o ELN. Só coas armas?

Comandante “Carlos”: Dende a morte do comandante Manuel Pérez, en 1998, e seguindo o seu plan, o ELN loita en dous campos: na audacia política, da que collemos forza, e na audacia militar e propoñemos unha Convención Nacional.

XMC: Que é a Convención Nacional?

Comandante “Carlos”: O ELN cre que o proceso de paz, máis que un proceso de negociación é un proceso de construción social, tense que construír un país distinto para que exista a paz. E para iso, se o Goberno e a guerrilla sentan exclusivamente, a paz nunca se vai lograr.

Por iso a Convención Nacional é unha chamada a que toda a sociedade, múltiple e diversa, sente e redacte a nova carta do país, que sería ratificada por unha Asemblea Constituínte e estas serían as condicións para que en Colombia existise paz e sería a cartografía das transformacións sociais ou reformas radicais, segundo se queira ver.

XMC: O ELN mantén unha guerra contra Goliath? Como mantén está guerra contra o Estado colombiano despois de máis de 40 anos e con axuda estadounidense?

Comandante “Carlos”: Mira, nós estivemos historicamente case derrotados e sobrevivimos. Hoxe temos máis de 5.000 soldados sen contar a estrutura miliciana e obviamente sen contar a base social.

XMC: Esta illado internacionalmente o ELN?

Comandante “Carlos”: O ELN, historicamente, ten unha relación con Cuba e por razóns ideolóxicas con Venezuela.

XMC: Que ocorreu coa representación do Exército de Liberación Nacional de Colombia en México?

Comandante “Carlos”: Entre o anos de 1991 ao de 1993 tivemos unha representación oficial en Tlascala, mais nunca tivemos unha oficina como tiveron as FARC, por exemplo. O presidente Fox expulsounos, e agora non existen as condicións para ter o que tiñamos antes neste país. Só mantemos a oficina de representación en La Habana.

XMC: Se cadra a expulsión foi polo agromar do movemento zapatista en Chiapas?

Comandante “Carlos”: Con Fox entra en México un goberno de ultra dereita e lle fai o favor aos “gringos” (estadounidenses) que lle exixen a saída das FARC de México.

XMC: Mantivo o ELN conversacións de Paz cando as FARC falaban co Goberno colombiano no Caguán?

Comandante “Carlos”: Nós non entramos nesas conversas. Nós estábamos promovendo, inclusive, durante as Conversacións do Caguán, Andrés Pastrana dixo nun principio que se ía realizar unha Convención Nacional, así vimos que as FARC ían ter o seu proceso e nós o noso, chegando a converxer nalgún momento, porque ían ser procesos de reformas estruturais que ían coincidir nun 90%. A diferenza grande é que nós insistimos en que ten que existir unha ampla participación decisoria da sociedade e en particular dos movementos sociais e a xente máis desfavorecida do país; nisto diferenciámonos un chisco das FARC.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta