|
Actualidade / Artigo
Vigo, 29 de marzo de 2007
A metamorfose
Dinamarca, o modelo que se debe imitar?
| |
 |
| Trátase, en definitiva, de trasladar
ao Estado os custes de permitir á patronal unha xestión aínda máis flexíbel
da man de obra. Estabelecéndose, pois, unha nova vía de financiamento indirecta para as empresas. (Foto: A CIG-Mocidade na manifestación de Vigo
do Primeiro de Maio de 2004, “Loita con nós, contra a precariedade laboral, resposta sindical”. ©galizacig.com). |
| |
Acabo de analizar, no meu anterior artigo,
o contido do Libro Verde “Modernizar o Dereito Laboral para afrontar os retos do século XXI”, elaborado
pola Comisión da UE. Cómpre lembrar que a nova receita máxica proposta é a “flexiseguridade”
que (salvando o eufemismo) vén sendo desregularizar os contratos clásicos, principalmente a protección
fronte ao despedimento, e por outro lado estabelecer unha “adecuada” protección fronte ao desemprego (que
non é concretada e que queda fóra da relación laboral).
Trátase, en definitiva, de trasladar ao
Estado os custes de permitir á patronal unha xestión aínda máis flexíbel da
man de obra. Estabelecéndose, pois, unha nova vía de financiamento indirecta para as empresas.
Estes neoliberais agardan a nosa aceptación
acrítica desta perda de dereitos da maior parte da poboación en beneficio duns poucos (os de sempre).
Ao parecer, o novo modelo que se debe imitar é
Dinamarca, fonte de inspiración dos gurús da Comisión. O modelo danés combina un mercado
laboral totalmente flexíbel no cal se contrata e se despide sen apenas restricións, cunhas importantes
prestacións sociais para as persoas desempregadas ao mesmo tempo que se potencian políticas activas
de emprego.
É ben sabido que facer comparacións
entre sistemas non é tarefa fácil. Non é posíbel extrapolar a realidade danesa a outros
lugares, pois cada territorio ten as súas propias especificidades. Porén, se o pensamento único
[unicelular] quere que imitemos a Dinamarca, a miña proposta é que antes de desregularizar a protección
fronte ao despedimento intentemos mimetizar as seguintes especificidades que configuran a realidade danesa:
- Política de emprego descentralizada.
- Afiliación sindical do 80%.
- Tasa de desemprego: 4%.
- Tasa de temporalidade: 11%.
- Xornada laboral de 37 horas semanais.
- Salario mínimo para os nacionais parados
con titulación superior de 3.810 € mensuais.
- Prestacións para o resto das persoas desempregadas
que alcanzan os 2.580 € mensuais durante un máximo de 4 anos.
- O tipo máximo de presión fiscal
para as rendas máis altas é do 59%.
- Cada traballador e traballadora ten cada ano
dúas semanas pagadas para formación continua.
- Un traballador ou traballadora cualificada recibe
de media doce pagas mensuais de 10.000 €.
- O salario medio das persoas con menor cualificación
é de 5.000 € ao mes.
- O permiso de maternidade esténdese a dúas
semanas antes do parto e outras 14 despois, ademáis de 32 semanas adicionais para repartir entre a nai e
o pai. É dicir, un total de un ano!
- O permiso paternal é de dúas semanas.
Se a cuestión é facer demagoxia
barata, eu non vou ser menos que a Comisión da UE.
|