|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Esta é unha das marabillosas virtualidades da vaga de privatizacións de servizos públicos das últimas décadas, vaga privatizadora á que o Concello da capital de Galiza non é nin moito menos alleo. Aínda que, iso si, na linguaxe do politicamente correcto estas privatizacións coñécense co nome de ‘externalización de servizos’, o que serve de coartada a estas políticas neoliberais que tanto abenzoan a dereita conservadora como a socialdemocracia reconvertida ao social-liberalismo. Durante 58 días un pequeno grupo de empregadas, co apoio da central sindical nacionalista CIG, levou adiante unha folga, na que mantiveron un alto nivel mobilizador, con accións a diario nas que denunciaban a súa situación e reclamaban os seus lexítimos intereses como traballadoras. Se cadra, tanto a dirección da empresa ISS como os altos responsábeis gobernativos do Concello de Santiago non foron quen de calibrar a capacidade de resistencia e de loita destas traballadoras, polo que parecía que agardaban que o conflito laboral se fose desinflando a medida que no ánimo das devanditas traballadores pesase de máis tanto o cansazo ou a desmoralización como o propio afogo na súa minguada economía doméstica. Pero nada máis lonxe da realidade. As traballadoras en folga deron unha lección de dignidade, e durante algo máis de oito semanas secundaron o seu propio chamamento e fixeron da folga o mellor instrumento para avanzar nas súas conquistas laborais. De feito, a dirección da empresa, cando comprobou a teimosía no accionar mobilizador das traballadoras, así como o innegábel respaldo que recibían dun sindicato coa sona de combatividade como a que posúe a CIG, axiña comprendeu que debía sentar a negociar coas traballadoras, oír as súas demandas e tentar asumilas convenientemente. Entrementres, non se pode deixar de facer notar a actitude do propio alcalde da cidade, o ‘socialista’ Sánchez Bugallo, quen pretendía non se dar por enteirado coma se realmente non fose con el, e co concello que representa, o conflito laboral en que estaban envoltas as traballadores da empresa concesionaria do servizo de limpeza do Concello de Santiago. Por se isto fose pouco, a actitude do rexedor compostelán aínda foi a peor, cando o conflito xa estaba en vías de solución, xa que a dirección da empresa asumía na práctica as reivindicacións das traballadoras e só faltaba o compromiso das responsábeis do Concello para poder poñer o remate á longuísima folga levada adiante polas traballadores de ISS en Compostela. Aí foi cando as propias traballadoras tomaron consciencia da importancia de lle meter presión ao alcalde santiagués, facendo e mesmo improvisando mobilizacións en todo canto lugar ía aparecendo Sánchez Bugallo, chegando mesmo a montarlle un ruidoso ‘comité de benvida’ no aeroporto de Lavacolla o día en que este tomaba terra despois dunha viaxe duns días por terras da Arxentina. Coa persistencia e a perseveranza na loita, e dous meses despois, as traballadoras de ISS de Compostela decidiron levantar a folga, asumindo en asemblea como bo un acordo coa empresa que mellora significativamente as súas condicións laborais. A súa volta ao traballo fano cheas de razón, coa dignidade intacta e se cadra coa cabeza un pouco máis alta. Foi unha desas loitas que, aínda pequena, a clase traballadora leva adiante no noso país para orgullo propio e exemplo de todos e todas nós.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/03/2007 |
||||
|