|
Actualidade CIG-Comunicación-
A primeira hora da mañá tivo lugar unha reunión coa Inspección de Traballo para denunciar a situación do persoal despedido. Malia que as cartas xa foron entregadas ao persoal, os despedimentos teñen data do día 20 de marzo. Onte, día 15, a empresa comunicou a estas persoas que non era necesario que volveran pola empresa, tentando así evitar as mobilizacións á saída de cada quenda. O persoal decidiu seguir o chamamento sindical e presentouse no posto de traballo, procedendo a empresa a manter a estas persoas pechadas nunca sala durante toda a xornada laboral sen darlles traballo efectivo. Por outra banda, tiveron lugar as primeiras asembleas que continuarán mañá sábado, nas que o persoal apoiou as mobilizacións e as diferentes accións postas en marcha dende o Comité de Empresa. Ás 12 da mañá unha representación do Comité de Empresa reuniuse co alcalde de A Coruña. Nesta xuntanza, lle explicaron a situación da empresa e criticaron a actuación da subdelegada do Goberno en relación á carga policial do día anterior. O alcalde contestou con enfado desligándose da intervención policial, malia que a subdelegada do Goberno forma parte da candidatura do PSOE cara as vindeiras eleccións municipais. Agárdase que o luns poda ter lugar o primeiro contacto coa delegada da Consellería de Traballo para expoñerlle a necesidade de abrir unha mesa negociadora que garanta o mantemento do emprego na plataforma de Atento-A Coruña. Hai que destacar que dende primeira hora da mañá e malia que hoxe non estaba convocada ningunha concentración, numerosos efectivos policiais mantiñan tomada a entrada da empresa, nun intento de intimidar ao persoal. Xa pola tarde as persoas lesionadas nas mobilizacións do día anterior presentaron unha denuncia nos Xulgados pola actuación policial do xoves 15. Neste mesmo senso, a petición da CIG, o deputado do BNG Francisco Rodríguez presentou unha pregunta no Parlamento español na que pide explicacións pola desmesurada e desproporcionada carga policial contra os traballadores e traballadoras de Atento, así como se por parte do goberno se abrirá algún tipo de investigación e se se pedirán responsabilidades. Na pregunta tamén solicita información ao Goberno sobre se vai a inspeccionar e controlar os 179 despedimentos. |
||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/03/2007 |
||||||||||
|