Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


A Coruña, 23 de marzo de 2007

Mónica Díaz, vicepresidenta do Comité de Empresa de Atento en A Coruña e delegada da CIG:
“Familias enteiras viven do Telemárketing en A Coruña”

 

Antón Álvarez Sanz (CIG)-

antonalvarez@galizacig.net


  Mónica Díaz, clic para aumentar
Mónica Díaz: “Atento imparte cursos de formación continua aos seus traballadores. Estes cursos, nos que só temos que fichar á entrada, moitas veces non os rematamos porque nos avisan á media hora que temos que deixalos para pornos de inmediato a atender chamadas. Atento recibe fondos públicos por estes cursos”. (Foto: ©galizacig.com 21/03/2007).
 
A vicepresidenta do Comité de Empresa de Atento en A Coruña explica as claves deste conflito, cuxos albores se sitúan no verán pasado e que se agudizou nas últimas datas tralo despedimento de 179 compañeiros/as. Mónica Díaz foi unha das persoas agredidas pola policía española na manifestación do 15 de marzo. Como pano de fondo do conflito atópase a deslocalización dos servizos de telemárketing cara países de Latinoamérica.


Antón Álvarez:
Como xorde o conflito de Atento?

Mónica Díaz: Este verán comezaron cos despedimentos de cinco traballadores. Algúns deles estaban de baixa. O 12 de marzo saímos á rúa porque botaran 18 compañeiros máis, entre os que de novo había xente de baixa e entre os cales estaba unha traballadora cun embarazo de alto risco. Todos estes foron despedimentos improcedentes e sen ningún tipo de explicación. O 14 de marzo citounos a empresa aos membros do Comité para manter unha conversa telefónica. Comunicáronnos neste momento os 179 despedimentos dos compañeiros. Esixímoslle á empresa que nos dese explicacións e que nos entregase a documentación ao respecto, mais a súa resposta foi que llo solicitásemos por escrito. Mentres nós estábamos nun cuarto falando por teléfono con representantes de Atento, ao mesmo tempo xa comezaran a repartir as cartas de despedimento entre os nosos compañeiros/as. Aproveitaron que non había ningún representante sindical para entregar estas cartas. Moita xente negouse a asinalas, outros si o fixeron porque non sabían que facer, mais a maioría asinou “Non conforme”.

  Brutal carga da policía, clic para aumentar
Mónica Díaz: “Estamos nun período preelectoral. O día anterior (ao da carga) o alcalde presentara a súa candidatura. Ese mesmo día comunicáranse os 179 despedimentos e a xente xa se manifestara na rúa cortando o tráfico. Estorbámoslles na rúa. Tanto conflito laboral non lles convén e a xente ve o que nos está a ocorrer”. (Foto: ©galizacig.com 15/03/2007).
 
Antón Álvarez: Como cres que están a actuar as administracións públicas para achar unha solución á situación actual?

Mónica Díaz: As formas que empregan son boas. Cualifican a situación como grave mais non vemos que entren en detalles. Non nos concretaron se van dar por válidos estes 179 despedimentos ou se van considerar a situación como un expediente de regulación de emprego co conseguinte despedimento colectivo. Non sei se van chegar até aí. As altas cifras de persoas despedidas apuntan cara un despedimento colectivo. Se fose considerado así, a Consellaría de Traballo tería potestade para frear o proceso. Mais a delegada provincial de Traballo non valorou este suposto e o único compromiso que nos deu foi que vai pór todos os medios ao seu alcance para que a empresa se reúna connosco ou ben darnos información acerca das próximas xuntanzas que manterá cos representantes de Atento. Os xulgados son outra vía á que imos recorrer. As persoas despedidas teñen 20 días para demandar a empresa. As autoridades laborais transmitíronnos que non teñen moi claro que os compañeiros despedidos poidan voltar. A maior parte do tempo que falaron connosco enfocaron máis a situación cara o futuro e a permanencia de Atento en A Coruña.

  Mónica Díaz, clic para aumentar
Mónica Díaz: “Facemos un chamamento á cidadanía a que participe na manifestación do venres 23 de marzo. Moita xente en A Coruña depende do Telemárketing. Só no caso de Atento, é posíbel que pasasen pola empresa máis de 8.000 persoas. Nesta cidade, que ten pouca industria, a xente nova ten poucas opcións laborais”. (Foto: ©galizacig.com 21/03/2007).
 
Antón Álvarez: Tes constancia de que Atento se beneficiase de subvencións públicas?

Mónica Díaz: Atento imparte cursos de formación continua aos seus traballadores. Estes cursos, nos que só temos que fichar á entrada, moitas veces non os rematamos porque nos avisan á media hora que temos que deixalos para pornos de inmediato a atender chamadas. Atento recibe fondos públicos por estes cursos.

Antón Álvarez: Cal é a situación contractual predominante na empresa?

Mónica Díaz: Antes, había unha media do 25% de persoal indefinido, 25% de obra e 50% con contrato de circunstancias. Agora fan moitos contratos por interinidade, teoricamente de xente que substitúe a outra que se encontra de baixa. A realidade demostra que na actualidade hai unha grande cantidade de traballadores/as que se atopan nunha situación de interinidade mais que realmente non están a suplir a ninguén. Este tipo de contratos non computan para que te fagan indefinido.

Antón Álvarez: Sorprendeuche a carga policial na concentración do 15 de marzo?

Mónica Díaz: Estamos nun período preelectoral. O día anterior o alcalde presentara a súa candidatura. Ese mesmo día comunicáranse os 179 despedimentos e a xente xa se manifestara na rúa cortando o tráfico. Estorbámoslles na rúa. Tanto conflito laboral non lles convén e a xente ve o que nos está a ocorrer. Se non había orde da Subdelegación do Goberno para cargar, pois entón que proceda a sancionar as unidades que interviñeron. Mais isto non sucedeu porque seguimos vendo os policías que mallaron en nós. En canto ás lesións, presentei denuncia no xulgado, ao igual que outros compañeiros agredidos ese día. Os médicos que atenderon un rapaz cunha fisura nas costelas por mor dos porrazos ficaron escandalizados por estas lesións.

  Atento A Coruña, clic para aumentar
Mónica Díaz: “Mentres nós estábamos nun cuarto falando por teléfono con representantes de Atento, ao mesmo tempo xa comezaran a repartir as cartas de despedimento entre os nosos compañeiros/as. Aproveitaron que non había ningún representante sindical para entregar estas cartas”. (Foto: ©galizacig.com 19/03/2007).
 
Antón Álvarez: Como se pode concienciar a xente da gravidade do conflito laboral de Atento?

Mónica Díaz: Facemos un chamamento á cidadanía a que participe na manifestación do venres 23 de marzo. Moita xente en A Coruña depende do Telemárketing. Só no caso de Atento, é posíbel que pasasen pola empresa máis de 8.000 persoas. Nesta cidade, que ten pouca industria, a xente nova ten poucas opcións laborais. Nós non somos catro persoas que estamos nun local pequeno para chamar a xente para venderlle potas, non. Somos moitísimas persoas as que vivimos disto, no só xente nova, senón familias enteiras nas que todos os membros son teleoperadores/as, que teñen fillos e que deben pagar a vivenda. Foron despedidas parellas con fillos. Somos moitos e queremos que se saiba. Hai persoas de cincuenta anos, nais solteiras, non só estudantes ou xente nova. A media de idade non é precisamente de 25 anos.

 
 
  Antón Álvarez Sanz,
membro de CIG-Comunicación.
(Máis artigos/entrevistas...)
  Antón Álvarez Sanz
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/03/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta