Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 9 de febreiro de 2007

Memorias do exilio, do desarraigo e da emigración
Carta inédita da derradeira viaxe do comandante Soutomaior a Galiza
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Comandante Jorge de Soutomaior, clic para aumentar
Comandante Soutomaior.
 
O comandante Soutomaior (A Pobra 1903, Mérida 1986) fixo a súa derradeira viaxe a Galiza en 1979. Derradeira e primeira viaxe dende que marchara en 1936 a loitar pola República. Estas notas, escritas en Londres, despois de visitar Galiza, son reflexo dun observador interesado na democracia nacente e na situación do seu país e as súas xentes despois de non visitalo durante máis de coarenta anos. Soutomaior, revolucionario internacionalista é unha desas figuras que temos que reivindicar e resgatar. Os seus erros, os seus xuízos, ás veces apresurados ou precipitados polo descoñecemento, en nada impiden ver un home entregado ás máis altas tarefas, internacionalista, solidario e revolucionario. Fundador do Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) e despois secretario xeral do mesmo. Chegou a ser representante da Tricontinental polo MIR venezolanao en Laos, Vietnam e China. Escritor prolífico, toda a súa obra permanece inédita. A seguinte é unha carta-ensaio escrita en galego orixinal.


“Eu falo de Galiza en calquera lugar onde me atopo. Non importa que fose na Rusia, na China no Vietnam ou en Laos. Aló estiven e falei da miña Terra; e se ben falei da nosa historia -no pouco que nós coma pobo coñecemos– fíxeno con amargura do meu espírito por canto os galegos de todos os tempos cometeran erro tras erro sen saber aproveitar algunhas ocasións para facérmonos valer como pobo diferenciado que compón unha nación indiscutíbel, innegábel. Pero sobre todo falei nun sentido político e social de pobo sometido a unha metrópole imperialista, de monarquías cesaristas que chegara até negarnos, pola forza, o uso oficial da nosa lingua e tamén o ensino dela nas escolas. E fixérano porque sabían que un pobo que perde a súa lingua histórica –é a nosa actual, pois unha vez tivemos outra que non coñecemos porque os romanos nola fixeran perder, vén do latín popular coma o francés, italiano, romanés, catalán, castelán- perde a súa identidade, pero aínda que moito fixeran, para logralo, non puideron cos nosos labregos e mariñeiros, coa nosa xente dos pequenos pobos e da maior parte das cidades.

  Manifesto de Londres, clic para aumentar
Manifesto de Londres, clic para aumentar
Manifesto de Londres de Soutomaior, 14 xuño de 1979. Páxinas 1 e 5. (Fotos: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Se ben é certo que cando cheguei á Coruña despois de corenta anos de diáspora polo mundo –froito da derrota que nos fixeran sufrir os alemáns e italianos feixistas aliados á negra reacción da meseta– topeime na rúa con nenos e mulleres da clase traballadora falando o idioma da metrópole, tamén é certo que no tren que me levaba a Vigo xa tiven a ocasión de falar galego con algúns rapaces que nel ían. Pero o que máis impregnou o meu espírito de ledicia foi toparme cos meus irmáns, os galegos de Vigo, falando todos a nosa lingua que, deixando de ser castrapo, recuperara a súa fermosura.

Pois ben, agora atópome en Londres, onde hai moitos galegos que non acaban de atoparse a eles mesmos; é dicir, que fican case pechados do ser individual, que case sempre nos diferenza como xente de coraxe, arriscada, traballadora. Mantendo esas virtudes, cando é necesario trasladalas nun sentido colectivo, como pobo e nación, perdemos a afouteza e deixamos ca metrópole faga connosco o que queira. E nin sequera ten en conta que somos de todos os pobos españois, o que mal ou ben, resolvemos os problemas que o seu sistema capitalista crea no ámbito do Estado e da sociedade.

Poñamos por exemplo “o paro forzoso”. Os galegos que vivimos o subdesenvolvemento industrial e unha economía agrícola precapitalista dende sempre, deixamos os nosos lares, a nosa Terra, para gañar o pan en países estranxeiros. E as divisas que mandamos á Terra son utilizadas polos bancos doutras rexións para financiar o seu desenvolvemento. E nós que? Nós ficamos calados e seguimos indo para fóra. Para fóra sempre! Como clonados pola diáspora xudía.

Cando lin en Venezuela as noticias da prensa falando dos resultados electorais e vin que a maioría dos galegos votaran a candidatos dos partidos centralistas, caeume a alma aos pés. Pregunteime daquela, por que tiña sido así. Á miña mente viñan moitas respostas hipotéticas.

Sería o caso dun sentido conservador da vida? Mais, conservar o que? A leira e as vacas o labrego? Pero quen ameaza a súa propiedade, os comunistas, os socialistas? Eu non podo crer que os marxistas galegos constitúan unha ameaza para os labregos e os mariñeiros, pois eles non poden facer o que os marxistas andaluces, casteláns e estremeños terían de facer por canto se alí existen os grandes latifundios semifeudais, na nosa terra non hai outra propiedade rural ca o minifundio, e a única solución real que se impón e librar a esta propiedade de tanto trabuco que sobre dela pesa e crear un sentido cooperativo e racional para obter unha meirande produción cun menor esforzo. E o mesmo diría –coas diferenzas do caso- dos mariñeiros. Onde está daquela o perigo de votar polos marxistas galeguistas? En verdade eu non o vexo por ningures. A máis diso non todos os galeguistas son marxistas. O que importa e arrincar a nosa Terra do asoballamento centralista e sementar o orgullo de sermos galegos partindo do que se poida hoxe por hoxe politicamente.

O día que nós sintamos a nosa patria con forza coma a senten os cataláns e os vascos, ese día cómpre dicir que seremos quen de entender axeitadamente os problemas agrícolas, mariñeiros e obreiros e de topar as súas xustas solucións no concepto particular galego, o que vale tanto como dicir humanos.

Daquela, Galicia falará por si mesma e farase respectar e sentirá o anhelo da solidariedade cos outros pobos irmáns da España para camiñaren xuntos sobre a verdadeira unidade ibérica que só pode edificarse nun Estado federal monárquico –se el quere- ou republicano –se non quere-. A outra unidade que é desunidade, son lerias reaccionarias –veñan de onde veñan- e feixistas.

O exemplo témolo nos cinco séculos de monarquías cesaristas estranxeiras, austríacas e borbónicas, que durante tantos anos nos tiveron asoballados e aldraxados no confín da nosa Fisterra como se fósemos unha raza espuria e desprezábel. Non está moi lonxe -e aínda queda algo- cando o dicir galego era tanto coma ser un home da última condición, canto levamos sufrido! Si, eu son galego! Debemos berrar. E non debemos nada a ninguén.

E pola nosa vontade e polos noso folgos, Galicia chegará a ser unha célula de universalidade nun mundo de paz de progreso e de cultura, e esta obra será feita polos galegos na loita conxunta de todos os pobos ibéricos. E se nela non triunfara -cousa imposíbel pois a historia non anda para atrás digan o que digan, senón ollade os anos da tiranía derradeira que non puido impedir o pulo que comezamos a dar- a España deixaría de ser España para ser calquera cousa menos un país libre, profundamente democrático e progresista.

Eu estou por dicir que acabamos de entrar nunha etapa irreversíbel, non importa cantos mares teñamos aínda que aguantar.


Londres, 14 de xuño de 1979. Comandante Jorge de Soutomaior”.

 
 
  Xurxo Martínez Crespo.
(Máis artigos...)
  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta