|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Dende as humildes casas berrábanlles: “Váianse ao seu país”. Gabriel García Márquez escribiu no semanario caraqueño Momento un artigo co título “Adiós Venezuela”(1) en febreiro de 1958. Narraba as colas de estranxeiros no porto de La Guaira tomando os barcos de volta para Italia e Galiza despois da chegada da democracia (23 de xaneiro de 1958). Chegaron os estranxeiros da man da ditadura e marcharon da man da democracia. Conta García Márquez: “Os venezolanos que presenciaron o espectáculo (da fuxida), asumiron unha actitude discreta, salvo un negro xigantesco cuxo orgullo nacional se sentiu ferido fronte á alegría dos inmigrantes. —Se están contentos de irse, daquela non volvan nunca máis —berrou”.
A “cruel ditadura” chavista, a propia María Cristina Iglesias ofreceuse días despois a ir ao Teatro Rosalía de Castro da Irmandade Galega para explicar á comunidade galega (da cal forma parte) qué é a revolución bolivariana na que participa como ministra. A súa petición nunca foi atendida.
O final é triste. Dentro dos seus muros nun espazo reducido daban volta á piscina celebrando a caída de Chávez. Dende as humildes casa berrábanlles a estes vascos e venezolanos “branqueados”: “Váianse ao seu país”. Convido a todos a que lean “El temor a la expropiación acelera el regreso de gallegos de Venezuela”. En primeiro lugar, dicirlle á prensa “especializada” que Venezuela non está en Centroamérica. E despois analizar e achegar algo a ese “furacán de intelixentes ideas” dos xornalistas do medio de comunicación impreso máis vendido de Galiza (así nos vai). A emigración é un feito normal en calquera país libre. Os seus cidadáns teñen o dereito de marchar ou quedar. Os centos de milleiros de ecuatorianos, de arxentinos, de colombianos, de nicaraguanos que emigran non están fuxindo de ningunha revolución socialista. Por que La Voz de Galicia non compara esa situación cos venezolanos? Está mellor un emigrante galego na temida e socialista Venezuela ou na marabillosa Arxentina?
Hai situacións que pasan inadvertidas a xornalistas, pouco informados e preparados culturalmente, e á xente do común que vemos facendo cola ante o consulado español en Caracas. En primeiro lugar, dicir que grazas á Constitución bolivariana están no dereito de ter dúas nacionalidades ao mesmo tempo. A “democracia venezolana” da constitución de 1961 (en validez até a Constitución bolivariana de 1999) prohibía expresamente que os venezolanos (ou galegos naturalizados) tivesen dúas nacionalidades. Existía, ademais, unha serie de medidas para impedir que os estranxeiros ocupasen os postos directivos e de mando medio nas empresas, razón pola cal moitos cidadáns galegos, españois ou de calquera outra nacionalidade, foron obrigados a nacionalizarse venezolanos cos conseguintes problemas en materia de nacionalidade que teñen hoxe os seus fillos e netos, que non poden demostrar a nacionalidade española dos seus familiares no momento do nacemento, pois moitos morreron sen recuperar a orixinal. Ademais, debían facer renuncia expresa da nacionalidade de orixe e esta era asentada na súa partida de nacemento no Estado español.
A inmigración de Galiza, Portugal, Italia, España e Alemaña entrou a Venezuela grazas ás políticas de apertura do ditador Marcos Pérez Jiménez, deposto o 23 de xaneiro de 1958. A man de obra estranxeira vivía, na súa maior parte, da construción das obras públicas faraónicas deste pequeno sátrapa venezolano que rematou os seus días en Puerta de Hierro en Madrid cunha neta que ía de copas co príncipe Felipe de Borbón. Os venezolanos, os principais partidos democráticos da democracia do 58, chegaron a exercer campañas xenófobas, especialmente a URD de Jóvito Villalba, pois no imaxinario popular do venezolano existía unha estreita relación entre a ditadura e as comunidades estranxeiras que traballaban e se lucraban dela, feito patente na crónica de García Márquez.
As dúbidas sobre o futuro inmediato de Venezuela, que di o artigo, e “La deriva hacia el ‘socialismo del siglo XXI’” de Enrique Clemente (desde Madrid para máis profundidade na análise), podemos borralas achegándonos á historia máis recente da democracia venezolana dos derradeiros 20 anos. Son, agora, todas máis certezas que as “incertezas” do “mundo libre” que gobernou Venezuela até a chegada de Chávez.
Así, en Venezuela, non é algo fóra do normal nin as leis habilitantes, nin as nacionalizacións, nin o control de cambio. O socialcristián Luis Herrera Campíns, 1979-1984, no seu discurso de investidura asegura: “recibo un país hipotecado”, (do predecesor Carlos Andrés Pérez). Os altos prezos do petróleo fixeron que se triplicaran os ingresos e que o Estado se endebedase máis alá das súas posibilidades financeiras. En febreiro de 1982, o Banco de Venezuela declarouse insolvente, o que desatou unha das crises económicas e financeiras máis graves. O 18 de febreiro de 1983 decrétase a depreciación do bolívar, o que se chamou o “Viernes negro”.
A saída de divisas adquiriu unha media de venda diaria duns 200 millóns de dólares e, especificamente, o “Viernes negro”, 18 de febreiro de 1983, de 160 millóns de dólares. Masivas fuxidas de emigrantes galegos determinaron esta situación de capitalismo salvaxe porque Venezuela “xa non é o que era antes”, e o compromiso dos nosos emigrantes, non sempre, pasaba pola contribución ao país que os acollera. Esta actitude de falta de compromiso perpetúase nos descendentes de moitos galegos e galegas que rexeitan a súa condición de venezolanos e desenvolven a súa vida en guetos étnicos dentro do país, de costas á poboación ou á realidade social. Concedéronselles facultades extraordinarias a varios presidentes antes de Chávez, chegando a 6 habilitantes antes da chegada do presidente Hugo Chávez. A máis criticada foi a do ex-presidente prófugo da xustiza, Carlos Andrés Pérez, no seu primeiro goberno (1974-1979), porque o partido de goberno, Acción Democrática (AD), tiña maioría absoluta nas Cámaras (Congreso e Senado) e facía innecesaria esa delegación. O 29 de abril de 1974, o presidente, Carlos Andrés Pérez, solicitou ao Congreso Nacional poderes extraordinarios para tomar unha serie de medidas económicas e financeiras. Entre estas anunciou o seu propósito de nacionalizar a industria do ferro. Tamén a concesión de poderes lexislativos extraordinarios ao ex-presidente, prófugo tamén da xustiza, o alcólico Jaime Lusinchi (AD) (1984-1989), foi cuestionada polas mesmas razóns do caso Pérez. En decembro de 1982 xa a fuga de capitais marcaba un nivel de 9.213 millóns de dólares mensuais. A política económica do goberno de Jaime Lusinchi, ademais do pagamento teimudo da débeda externa -dentro do famoso “mellor refinanciamento do mundo”- e da caída dos prezos do petróleo, a entrega irracional de divisas preferenciais desde o control de cambio co nome de Recadi (Réxime de cambio diferencial) foi o outro elemento para que o presidente Carlos Andrés Pérez cando asume o goberno por segunda vez -no seu discurso de toma de posesión, o 2 de febreiro de 1989- declarara que colapsaran as reservas internacionais do país que hoxe, coa Bolivariana, son as máis altas de Latinoamérica.
A Rafael Caldera, no seu segundo goberno (1994-1999), concedéronselle facultades extraordinarias por a penas un mes, coa característica de que nesa oportunidade foi o mesmo Congreso venezolano quen tomou a iniciativa de dar poderes especiais. Durante o seu mandato os seus fillos lucráronse (roubando) e popularmente eran chamados os “pirixeis” pois estaban en todos os “guisos” (negocios). O escándalo era tan grande e visíbel que Andrés Caldera (fillo menor do presidente) tivo que renunciar, pero ninguén lle pediu contas nin a el nin ao seu pai. Durante o segundo goberno de Caldera tamén existiu control de cambio e ningún galego saiu con bandeiras á rúa. Esta emigración que fai cola á desesperada, e non por primeira vez, (en 1958, 1982, 1989, 2002, 2007) ante calquera problema, demostra unha sensibilidade e un grao de compromiso co país moi baixo. A súa estadía en Venezuela depende das cousas que poidan atesourar ou posuír? Entendo as razóns alegadas da inseguridade, pero... cando foi Venezuela un país seguro? En 1941? En 1942? Ou é que a mestura de inseguridade e ganancias serve para a nosa colectividade? A confiscación de bens non vén da man de Chávez, senón da democracia podre pasada. A Lei de Traballo que quitou a todos os traballadores a súa antigüidade e poder adquisitivo nun país cunha inflación xigantesca é obra de Rafael Caldera. Arturo Uslar Pietri foi axuizado e sentenciado por enriquecemento (cando era ministro de Educación) e fuxiu para Nova York en 1945. As constantes depreciacións que mingúan a capacidade adquisitiva dunha pequena clase media veñen sucedéndose dende o famoso “Viernes negro”. O presidente do Banco Latino, Gómez López, tiña nacionalidade española, así como Bouza Izquierdo do Banco Venezuela. Ningún dos responsábeis dos 13 bancos foi axuizado e moitos galegos perderon todo o que tiñan. Daquela o Partido Popular non pediu responsabilidades no Parlamento galego a ninguén. 10.000.000 millóns de dólares foi o prezo que tivo que pagar o Estado venezolano por esta crise, e a perda, sen restitución, dos aforros de decenas de milleiros de aforradores (moitos deles galegos, volvo repetir). Reducir todo ao campo económico é triste e perigoso... e Venezuela non está en Centroamérica. O Partido Popular non debe pedir contas ao Goberno da Xunta pola situación dos galegos en Venezuela senón, como ben o expresou Kennedy, pedir contas aos galegos de Venezuela de por que apoiaron publicamente na prensa galega un golpe de Estado ou canto investiron do que gañaron no país dos seus netos e fillos. Ben é verdade, seino moi ben, que a maior parte dos galegos son asalariados e non empresarios como gusta poñer aquí a prensa, por chamarlle dalgún xeito. Pero todo isto é fiar moi fino. Non esquezamos que foi o partido de Alberto Núñez Feijoo o principal colaborador (pre e pos golpe) do ditador Pedro Carmona Estanga(3). O embaixador español, Viturro de La Torre, foi o único, xunto ao estadounidense, en visitalo ao día seguinte... así que non entendo como un partido coma o Popular aínda pretende facer algunha pregunta sobre a situación en Venezuela, cando eles non responderon ningunha (das que foron cómplices) no Congreso español. Que se dediquen a preguntar se en Gaiás poderían meter algúns rodaballos. Está ao seu nivel a pregunta e así os medios impresos que lles dan cobertura e importancia as chiripitiflautadas deste Partido Popular poderían escribir e falar con coñecemento de algo: de rodaballos(4). |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Notas: (1) “Adiós Venezuela” pode ser consultado na escolma de artigos
venezolanos de García Márquez co título “Cuando era feliz e indocumentado” na súa edición
orixinal colombo-venezolana. A editorial Mondadori, no seu terceiro tomo da obra xornalística, “De Europa
y América Obra periodística 3 1955-1960, de García Márquez, recolle este artígo
na páxina 482. (3) Declaración conxunta de EUA e o Reino de España sobre a situación en Venezuela.
(4) Seica sexan orixinarios de Centroamérica. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/02/2007 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|