|
Actualidade CIG-Comunicación-
A concentración tivo lugar durante máis dunha hora, na que os petardos, os bombos e bidóns e paus das traballadoras en folga non deixaron de soar. Os berros “A solución, equiparación”, “Igual traballo, igual salario” ou “ISS, queremos solucións!” non pararon en todo este tempo, mentres as traballadoras repartían panfletos explicando a súa situación e os motivos desta mobilización. Esta empresa, ISS Facility Services, chamou á Policía, que identificou a tres persoas da CIG presentes nesta concentración. ISS, empresa multinacional Sueca-Danesa, ofrece servizos de limpeza ao Concello de Compostela, ten a súa única sede no país neste emprazamento en Vigo polo que as traballadoras en folga acudiron até aquí para desenvolver unha nova medida máis de presión neste conflito. En Compostela son 30 traballadoras subcontratadas no Concello, o 95% ao tempo parcial, sempre mulleres. O que se reclama en todo este proceso mobilizador é a equiparación salarial cos traballadores/as do Concello, baixo a máxima sindical de “igual traballo, igual salario”, que cobren o mesmo e teñan os mesmos dereitos sociais que os traballadores/as do Concello. Xa van 19 días de folga, nos que a empresa se negou a negociar, alegando que ten que ser o Concello quen asuma esta equiparación, e ao mesmo tempo o Concello di que ten que ser un compromiso da empresa. O Concello negou este xoves a entrada das traballadoras no Pleno, e instalou un valado na entrada do mesmo para evitar a protesta das folguistas. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2007 |
|||||||||
|