|
Actualidade CIG-Comunicación-
CIG-Servizos denuncia que a medida que avanza a folga avanzan tamén os valados, que neste intre dividen a Praza do Obradoiro en dous impedindo mesmo que os turistas poidan sacar fotos da catedral. Paulo Rubido, secretario nacional da Federación de Servizos da CIG, explica que o Concello de Santiago, “na vez de mediar para que a empresa (Facility Services) sente de inmediato a negociar para buscar unha saída ao conflito, o que fai é adoptar medidas para evitar que as traballadoras e traballadores molesten”. O MpDC denuncia ademais que a Policía local de Compostela negou esta mañá a entrada ao Pleno a varias persoas, ante a sospeita de que fosen traballadoras da subcontrata do Concello, Facility Services. Desde o MpDC engaden que “se ben nun primeiro momento alegouse falta de espazo, unha escusa xa utilizada noutras ocasións semellantes, a continuación a Policía recoñeceu que non existía ese problema e que, polo contrario tiñan ordes directas de ‘impedir’ o acceso por se entraban manifestantes”. O MpDC entende que o Concello de Santiago usa a lexislación “á carta” e “vulnera” o dereito dos cidadáns a participar nos asuntos públicos cando molesta o seu exercicio “ante a simple sospeita de que se tratase de traballadoras que quixeran denunciar publicamente a súa situación, o que no xustifica unha indefendíbel actitude preventiva”. Considera ademais que o Concello de Santiago está a incumprir a Lei Reguladora de Bases do Réxime Local (7/1985, artigo 70) que estipula que as sesións dos plenos das corporacións locais son públicas. Esta vulneración contaría ademais coa agravante de proceder dunha Administración pública que, en teoría, debe dar cumprimento á legalidade vixente e velar polos dereitos dos cidadáns. “Evidentemente”, indica o MpDC, “este tampouco é o camiño para solucionar os conflitos sociais e laborais”. As traballadoras da subcontrata Facility Services demandan a equiparación salarial co persoal do propio Concello e unha mellora das súas condicións laborais. A maior parte delas teñen contratos a tempo parcial e en diferentes centros de traballo, non se lles computa o tempo de desprazamento que utilizan en ir a cada un e, na maioría das ocasións, perden máis tempo no desprazamento que o que dedican á propia actividade. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2007 |
||||||
|