Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 18 de xaneiro de 2007

Dentro de dez anos Cuba non será un país rico nin capitalista
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Mural na Avenida Libertador en Caracas, clic para aumentar
Mural na Avenida Libertador en Caracas. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
Carro nas rúas de Bogotá, clic para aumentar
Carro nas rúas de Bogotá. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
Nenos da rúa nas revoltas na Arxentina, clic para aumentar
Nenos da rúa nas revoltas na Arxentina.
Democracia venezuelana de Carlos Andrés Pérez, clic para aumentar
A democracia venezuelana de Carlos Andrés Pérez en 1988.
Democracia construída sobre a inxustiza social, clic para aumentar
A democracia venezuelana e latinoamericana está chea de mortos e construída sobre a inxustiza social.
 
Manuel Molares do Val escribiu unha das súas “Crónicas bárbaras” propia dun bárbaro, entendendo a palabra bárbaro nos seus dous significados: estranxeiro e... non sei cal sería a segunda acepción.

A nota -agora chámanlles a estes escritos “opinión”- é unha “intelixente” predición do futuro cubano e do venezolano. Escrita o 13 de xaneiro de 2007 leva o suxerente titulo de “Socialismo o muerte”. Cheo de lugares comúns, Manuel Molares dinos que o gran logro da Revolución Cubana e o incremento das “jineteras” (prostitutas) para que algúns europeos (os estadounidenses non poden polo embargo) axuden coa súa utilización á economía da illa. Todos sabemos que a prostitución, o xogo e o gansterismo foi o gran negocio da Cuba de Batista, presidentes cocainómanos incluídos.

Segundo Eduardo Galeano “Había en Cuba, en 1958, máis prostitutas rexistradas que obreiros ou mineiros”. Moitos dan unha cifra, só en La Habana, de 11.500 prostitutas en 1958. A Revolución, como podemos ver, non rematou coa prostitución, máis hoxe podemos dicir que en Cuba non hai máis prostitutas que obreiros, mineiros, deportistas ou médicos. Iso é un logro.

“Dentro de dez años Cuba será un país caro e capitalista” di Molares. Non, dentro de dez anos Cuba podería ser un país capitalista... pero máis pobre que hoxe e ao mesmo nivel que os seus veciños de Latinoamérica. Non sei de onde saca esa relación Molares entre rico e capitalista.

Chávez, por moito que intenten moitos, entre eles Molares, non está cubanizando Venezuela, senón venezolanizando Venezuela. As nacionalizacións non son de Venezuela para Cuba, senón de Venezuela para Venezuela. O problema, ou dilema que non deixa durmir a Molares porque pensa que é un atentado á “liberdade”, non é que unha empresa privada coma a das telecomunicacións ou un xacemento petrolífero en territorio venezolano pasa a ser do Estado sendo privado. O problema é por que algo que sempre foi público, de todos os venezolanos, bolivianos, arxentinos ou ecuatorianos, de súpeto pertence a españois, estadounidenses, alemáns ou ingleses.

Existe unha escola de menciñeiros económicos (por non lles chamar doutro xeito) que permanentemente murmuran aos oídos, aos ollos e ás mentes das xentes en Latinoamérica que o Estado é un mal xestor, polo tanto todo o estatal, todo o público, ten que pasar a mans privadas. As mans privadas co seu “touch of flair” (toque de distinción) maximizan as ganancias afogando ás míseras masas bolivianas, venezolanas, arxentinas, cobrándolles polo que é deles. Quere exemplos Molares? Ou todo se reduce as “jineteras” cubanas? Os 500.000 ecuatorianos que viven no Estado español... de onde foxen? Son libres de ir ao país máis “libre do mundo”? Deixaríanos entrar? De cal réxime totalitario foxen os máis dun millón cincocentos mil nicaraguanos que tiveron que emigrar na Nicaragua que mellor cumpriu as receitas do Fondo Monetario Internacional? Non hai prostitutas en Nicaragua? Se cadra non pola falla de clientes (turistas con poder adquisitivo) e pola falta de Fidel ou Chávez.

Falamos de Latinoamérica país por país? Empezamos pola democrática e capitalista-privatizadora Arxentina do “corralito” ou polo marabilloso Perú co seu laureado de Harvard, o “cholo” Toledo. Dende cando se mide a felicidade dos pobos ou o seu desenvolvemento polo ingreso per cápita? Deberían, daquela, subir a súa tarifa as “jineteras” en Cuba?

Os horrores, unha vez instalado o capitalismo en Cuba, que mostrará o parque temático de Disney ao carón do mausoleo de Fidel, non serán os gulags comunistas, senón Guantánamo, que xa está instalado e é máis barato e dura (e durará) máis tempo.

Pero se de mostrar “horrores” en Cuba se trata, hoxe poderían mostrarlles aos nenos e adultos cubanos a vida dos nenos e adultos bolivianos, paraguaios, hondureños, arxentinos, brasileiros, ecuatorianos, colombianos... Poderían ver os nenos e adultos cubanos o prezo da “liberdade”, da libre competencia da “democracia” dos “partidos-empresa”. Poderían ver nese parque temático o valor da dignidade humana baixo a liberdade do capital.


Liberdade

O concepto capitalista da liberdade, ese que di que a liberdade dun remata onde comeza a liberdade do outro, non é máis que unha carta aberta para a destrución, o roubo, a aniquilación e o esmagamento do outro. Como a miña liberdade remata aquí, onde comeza a túa... toma bombas, toma IV Flota, toma embargo internacional, toma patentes, toma dereitos, toma aranceis para as túas exportacións do terceiro mundo, toma medidas protectoras para os meus produtos, toma subsidios e subvencións para os meus produtos agrícolas, toma medios de comunicación (miles) que defendan os meus intereses; e toma, ademais, insultos polos teus proxectos de nacionalización daquelas cousas que nunca deberon deixar de ser túas. Insultos e risos polo teu xersei, polos teus plans para dignificar a vida da túa xente, por enfadarte ante tanta inxustiza, por defender a paz e denunciar a guerra... iluso(s).

Os balseiros afogados que quere Molares que vexan os cubanos cando sexan libres, xa os vemos nós aquí, hai tempo, na comodidade dos nosos fogares. Coido, segundo entendo de Molares, que temos esa sorte porque somos “libres”. Están estes homes e mulleres africanos, asiáticos, de Europa de leste, afogados antes de montar ao caiuco, á patera, ao mercante pirata con bandeira de conveniencia. Afogados polas nosas condicións de liberdade que fan que estean mortos antes de nacer e pobres sen posibilidade de cambiar a súa situación. Ningún deles vén de tiranías venezolanas, comunistas nin cubanas. Veñen do mundo occidental, das até hai ben pouco colonias hispano-francesas-italianas de África.

Manuel Molares do Val, nesta “opinión”, desenterra o accidente de Camilo Cienfuegos, que segundo el, deixa de ser un accidente para ser un crime de Estado perpetrado por Fidel (díxollo un paxariño) e a conivencia entre a CIA e Fidel para enganar o Che e asasinalo en Bolivia (ten probas no bar de abaixo da súa casa). O fusilamento do xeneral Ochoa, que non era narcotraficante senón unha “Hermanita” da Caridade, fan que, agora si, cadremos coas pescudas de Molares do Val e a “paso de vencedores” cada vez esteamos máis convencidos das bondades das nosas marabillosas vidas e sistemas políticos.

Pero o investigador e escritor de “opinión” sabe que o “tirano” Castro non durará moito e sabe o que acontecerá coa súa mala imitación (en camiño de mellorarse) venezolana. Grazas á chegada de Chávez ao Goberno, as ganancias das exportacións petroleiras non irán nin ás axudas sociais dos venezolanos nin aos 400.000 latinoamericanos que puideron ser operados de cataratas, gratis, en hospitais cubanos con avións venezolanos. Estes números non son nada coa teima de Molares que cre, e quere que creamos, que toda esta política e “politiqueirada” chavista é para que españois e italianos manteñan relacións carnais a baixo prezo coas venezolanas ante a chegada do capitalismo en Cuba. Ademais de lles chamar putas ás venezolanas, como fixo antes coas cubanas, mete aos míster universo por se se anima algunha clienta deste primeiro mundo. Así, as putas son elas... os que van, segundo Molares, son “masas retozonas”.

Como entendo que Molares de historia de Venezuela sabe o mesmo que os documentos que ten abaixo no bar da casa que falan da trama Fidel-CIA-Bolivia-Che-asasinato, dicirlle que dicir que Chávez “xa tiña o petróleo” non é fiar moi fino. Chávez non ten o petróleo, como Zapatero non ten Iberia; o Estado venezolano é o propietario do petróleo, e a principal e única compañía estatal encargada da explotación, Petróleos de Venezuela S.A., estaba en mans dunha mafia que administraba a compañía de xeito tan “eficiente” que nada máis que repercutía nos seus petos. En 2006, Petróleos de Venezuela (Pdvsa) entregou ao fisco 8.316 millóns de dólares en imposto sobre a renda (ISLR), o que representa un 800% máis que o entregado no derradeiro ano da vella administración da compañía de petróleo estatal, 2002, cando só foron entregados 842 millóns de dólares.

Eu, na opinión de Molares, vexo unha teima no tema da prostitución. Segundo el: “a xente guapa (a fea tamén existe) empobrecida é arroxada á miseria jineteará”. Eu coido que non ten que agardar ese momento para ver que fai a xente ante esta situación. Ante a pobreza a xente non só se prostitúe, tamén emigra como os ecuatorianos, hondureños, cubanos e tantos outros. É este mundo dende o que discutimos e escribimos sobre a vida dos nenos da rúa venezolanos ou doutros sitios de Latinoamerica un dos principais alicerces desa miseria. Fidel intentou corrixila e Chávez tamén. Dicir, xa para rematar, que nin Cuba nin Venezuela son Alemaña ou o Estado español. Comparando a Cuba, cos seus iguais en Latinoamérica, “democracias” con anos e sistemas capitalistas, atopámonos coa triste realidade que, paradoxalmente, Cuba é o único país en Latinoamerica en que o ser humano ten dignidade en todas as súas etapas vitais, e esa realidade está alén da renda per cápita de calquera ano en calquera sitio, e só por iso, malia a pobreza, paga a pena defender esa, e calquera outra revolución.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/01/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta