|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Mentres aínda continúan os labores de desentullo na zona afectada, véñense sucedendo as consabidas reaccións de condena dos feitos e de solidariedade cos afectados, xunto con declaracións políticas que parecen querer perpetuar os discursos, as posicións e os xeitos de actuar sen maiores novidades. Por parte do Goberno e do PSOE dáse por “liquidado” o chamado ‘proceso de paz’, aínda que tampouco se avanza polo de agora cales son as vías que se van seguir para rematar coa violencia armada en Euscadi, sexan estas puramente xurídico-policiais ou tamén políticas. O PP, pola súa banda, parece relamberse ante a posibilidade de que, tras o seu constante acoso ao Goberno do Estado por poñer en marcha o ‘proceso de paz’, a situación creada lle reporte os anhelados réditos electorais, que busca incansabelmente desde a perda do poder político en marzo de 2004. Na esquerda abertzale, que se expresou a través dos voceiros habituais de Batasuna (forza política ilegalizada por decisión conxunta de PP e PSOE a través da ‘Lei de Partidos’), parece percibirse que o atentado de ETA en Madrid provocou unha importante conmoción, que a leva a reiterar a necesidade de que non rache o ‘proceso de paz’ aberto aínda cos seus déficits. O acontecido pode interpretarse tamén como un duro golpe á proposta feita en Anoeta pola esquerda abertzale, en novembro de 2004, na que sinalaba con rotundidade a súa aposta pola vía política para a consecución dos dereitos políticos de Euskal Herria. Déase ou non se dea por rematado o ‘proceso de paz’, por uns e outros, todo indica que se chegou a un punto de dificultade extrema para resolución do chamado contencioso vasco nos termos en que comezara coa proclamación do cesamento do fogo por parte de ETA e a consecuente declaración do Parlamento español para que o Goberno do PSOE iniciase contactos coa organización armada. Principia agora un tempo de reproches mutuos, que aínda sendo esperábel seguramente non axude a reencamiñar un proceso que verdadeiramente conduza á solución de corenta anos de conflito armado entre ETA e o Estado, co pano de fondo da vontade política do pobo vasco e o seu dereito a decidir sobre o seu destino colectivo. Nesta lóxica do reproche e das responsabilidades, parece previsíbel que ETA como tal se pronuncie nos vindeiros días, incidindo na falta de vontade negociadora do Goberno de Zapatero e na inaplicación de determinados compromisos adquiridos (creación da mesa de partidos, legalización de Batasuna, cesamento do acoso xudicial, medidas penitenciarias, etcétera, etcétera). Á súa vez, o Goberno insistirá en sinalar a responsabilidade ‘única’ da organización armada na ruptura do cesamento do fogo. Con toda probabilidade, intensificarase o acoso político-xudicial sobre a esquerda abertzale, buscando mesmo a cabeza de Arnoldo Otegi, curiosamente un dos máximos valedores da alternativa posta en marcha en Anoeta en 2004. Canto antes, os diferentes actores que interveñen no conflito deberían implicarse nun escenario de distensión, que poida posibilitar retomar o ‘proceso de paz’ ou abrir un novo, con garantías sólidas de converterse en definitivo. Os que tensionan dun lado e mais do outro deberían superar os seus medos atávicos e o seu inmobilismo, co fin de lle dar unha oportunidade real á solución do conflito, conflito que segue xerando vítimas, dor, sufrimento e resentimento tanto no seo da sociedade vasca como da española. Unha nova oportunidade á esperanza que nunca se debe deixar de reclamar, e menos cando esta semella estar outra vez lonxe. Unha oportunidade sincera ao diálogo e á negociación. Unha oportuna oportunidade á palabra.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/01/2007 |
||||
|