|
Actualidade / Artigo A intromisión especulativa do cemento
no sector enerxético Abelardo Landeira-
Acciona entra na enerxía eólica (Endesa), en setembro de 2006, cremos que sorprendendo a máis de un, nun período no que estaba a eléctrica ocupada coas OPAS de Gas Natural e de E.ON e cos tribunais das bolsas do Estado español e da UE (Bruxelas). Vai alá máis dun ano, no que Endesa loita por que non lle leven ou rouben o control da empresa mediante dúas OPAS (Gas Natural, E.ON). A OPA de Gas Natural, de saír adiante, levaría aparellada na Galiza a división do cadro de persoal, en dúas ou tres empresas, e afectaría un dos grupos de gas na central de As Pontes e a viabilidade de Reganosa. ACS mete a cabeza en Fenosa e exerce un control na eléctrica (35%). Á parte ten un 10% sobre Iberdrola, que é a segunda eléctrica no Estado español (Endesa é a primeira). Que pasará no futuro? Vanse fusionar Fenosa/Iberdrola? Son as preguntas que se fan os traballadores/as directos e indirectos que tamén son un valor, pero que non están a ser considerados á hora de adoitar decisións. Sacyr, no mes de outubro de 2006, mercou un 10% de Repsol e continúa medrando na petroleira. Esta construtora solicitou un crédito de 5.175 millóns a cinco anos para financiarse e acadar o 20%. As construtoras estanse movendo, o relatado é só unha pequena escolma do que está acontecendo. Estas empresas non están nas mans de xente da construción, fican nas mans de banqueiros e de persoeiros que se moven nas grandes finanzas como os curmáns Alberto Cortina e Alberto Alcocer, en ACS. A construción xera ingresos e moitísimo fluxo de caixa (cash flow), aínda que pouca rendibilidade. O fluxo de caixa é o que se está a investir en negocios aínda máis enriquecedores como son o gas, o petróleo e a electricidade. A enerxía é un sector regulado, é unha actividade con menos risco. Outro factor que axudou ás fusións foi a enorme liquidez das empresas. O certo é que nunca tanto gañaron e tan pouco repartiron cos e cas que traballamos. É evidente o deterioro que padecemos nas liñas eléctricas do país, por falta de investimentos das empresas que, ademais, están a obter enormes beneficios coa explotación dos recursos naturais nacionais. As centrais de Meirama e As Pontes souberon resistir á fonda crise do sector dos anos setenta e abasteceron de enerxía a grande parte do Estado español. Agora vanse reconverter para consumir gas ou carbón importado. Mais, os traballadores das minas nacionais non reciben o mesmo trato que os seus compañeiros do resto do Estado, como os de Asturias, León ou Aragón. Novamente, os operarios das concas galegas son discriminados, principalmente os das subcontratas. Estes últimos non serán recolocados nin prexubilados, a diferenza do que acontece cos operarios das auxiliares doutros puntos do Estado. E todo isto co beneplácito dos sindicatos UGT e CCOO. Os traballadores/as temos a desconfianza asegurada das empresas e das institucións. Estas continuarán coa súa festa de compras e vendas. Neste contexto podemos asegurar que no ano que comeza o baile vai continuar. Non esquezamos que a OPA de Endesa fica sen resolver. A continuidade de ACS no negocio eléctrico vai depender de se o Goberno de Zapatero a autoriza a estar no Consello de Administración de Iberdrola mentres permaneza no da competidora Fenosa. Que vai ocorrer con Repsol e Sacyr? Unha construtora nunha petroleira que, a pesar de ser grande, non deixa de ser unha formiga no sector do petróleo. Cepsa tampouco está segura, pois a saída do Banco Santander provocou trocos nos accionistas e teñen que mirar como encaixan os novos socios coa francesa Total, que é quen a controla. As operacións non van deixar de producirse no 2007, e o mundo do traballo vai continuar precarizado e sen contar con ningún “Valedor ou Defensor” que mire polos intereses dos máis desfavorecidos, en todo caso desconfiando inclusive dun Goberno central que amosou intereses escuros nalgúns trocos de accións. Pola situación que se está vivindo a Federación QE-CIG vai continuar á expectativa, vixiando o mercado para que os traballadores e as traballadoras que dependen deste amplo abano de empresas e sectores non saiamos prexudicados. Desta maneira protexeremos os intereses da Galiza. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/01/2007 |
||||
|