Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Vigo, 24 de novembro de 2006

Entrevista co secretario nacional do sector de Correos da CIG
Xosé Blanco: “En Correos estamos a vivir unha constante perda de dereitos”

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Xosé Blanco, clic para aumentar
Xosé Blanco: “Para outro colectivo importante que é o dos traballadores que traballan no rural que aportan vehículo ou moto, o convenio fixa o pago de quilómetro a 0,21 céntimos cando nas empresas da competencia están a ser pagados a 0,31 céntimos. A CIG case que en solitario reivindicou o incremento dos cartos destinados a combustible desde o ano 2003, e agora increméntase en outubro deste ano só 2 centimos cando o incremento dos carburantes durante este período foi de máis dun 50 por ciento. Este convenio que establece este tipo de cotas polo carburante terá vixencia até 2009 e non se estipula a posibilidade de ningunha revisión”. (Foto: ©galizacig.com 22/11/2006).
 
Falamos co secretario nacional do sector de Correos da CIG, Xosé Blanco, que nos conta cal é a situación na que se atopan os traballadores e traballadoras de Correos, tanto o persoal laboral como o funcionario neste novo paso no seu proceso de reconversión cara unha empresa privada e todas as consecuencias de perda de dereitos que ten para os traballadores.


Zélia García:
Cando e como comeza todo este proceso de reconversión en Correos?

Xosé Blanco: Correos comezou un proceso impulsado pola Unión Europea de reconversión. O primeiro paso foi na época socialista na que Correos pasou de ser unha Dirección Xeral do Ministerio de turno (Transporte ou Fomento) a un organismo autónomo. O seguinte paso foi na segunda lexislatura de Aznar que pasou a ser unha sociedade anónima con capital público, con Alberto Núñez Feijoo como presidente.

A directiva comunitaria de 1997 acordaba que Correos tiña que ser liberalizado. Neste proceso danse unha serie de cambios estruturais e de marco xurídico e na actualidade atopámonos agora con que Correos conta cun número de 40.000 funcionarios e en realidade formamos parte dunha empresa privada onde os funcionarios non teñen cabida. Correos converteuse nunha empresa privada con capital público e con funcionarios.

Zélia García: Que consecuencias fundamentais ten esta auténtica reconversión desta empresa?

Xosé Blanco: Desde a Presidencia de Correos téndese a aminorar os dereitos que tiñamos os traballadores cando formábamos parte da anterior Dirección Xeral. Por un lado, téntase unificar o mesmo sistema na súa globalidade, tanto no retributivo como noutros aspectos, e por outro lado mistúrase persoal e funcionario.

Neste contexto dase unha perda de dereitos ao mesmo tempo do persoal laboral e funcionario, coa total connivencia do CSIF e de CCOO que asinan acordos que nos deixan atados aos traballadores á hora de presentar reclamacións nos xulgados. Así, algunhas das reclamacións que foron presentadas ante a Xustiza pola CIG foron rexeitadas, xa que se lle da máis valor ao convenio asinado por CCOO e CSIF (que xuntos suman o 50%) que á propia lei e norma.

A política que se sigue desde a Dirección da empresa é a de xestionar, pero a directiva coa que contamos non son nin tan siquera iso, son tamén malos xestores.

Zélia García: E os traballadores como levan toda esta situación no día a día?

Xosé Blanco: Os traballadores vivimos a situación laboral baixo unha grandísima presión xa que temos unha reducción de dereitos de todo tipo. Por exemplo, non existe negociación colectiva real senon un auténtico “conchabeo” entre as organizacións que apoian a Correos (CSIF e CCOO) que teñen toda a información e aos que lles pagan os liberados, e que recibe todo tipo de bonificacións.

De feito, estas organizacións negociaron un convenio colectivo da sociedade anónimo que na maior parte negocia por abaixo das propias posibilidades do Estatuto dos Traballadores.

Por exemplo, o tema da mobilidade no convenio contempla todo tipo de mobilidade que pode aplicar a empresa como queira: intercentros, dentro da provincia e sen gratificación de ningún tipo. Tamén, no caso do persoal laboral que no caso de mobilidade lle supuña un cambio de categoría (que normalmente aos seis meses este cambio de categoría se consolidaría) non consolida nunca un ascenso deste tipo.

Salarialmente as subas son do 2 por cento, aínda que nin en moitos casos chega a iso; é no único no que somos funcionarios.

Zélia García: Hai colectivos especialmente perxudicados con este convenio asinado por CCOO e CSIF?

Xosé Blanco: Para outro colectivo importante que é o dos traballadores que traballan no rural que aportan vehículo ou moto, o convenio fixa o pago de quilómetro a 0,21 céntimos cando nas empresas da competencia están a ser pagados a 0,31 céntimos. A CIG case que en solitario reivindicou o incremento dos cartos destinados a combustible desde o ano 2003, e agora increméntase en outubro deste ano só 2 centimos cando o incremento dos carburantes durante este período foi de máis dun 50 por ciento. Este convenio que establece este tipo de cotas polo carburante terá vixencia até 2009 e non se estipula a posibilidade de ningunha revisión.

Zélia García: A CIG como pensa afrontar esta situación nova tras a sinatura do segundo convenio e con todo este proceso xa case que finalizado de reconversión?

Xosé Blanco: Desde a CIG estamos dispostos a dar a batalla para cambiar o rumo da empresa aínda que é dificil e estamos nun proceso moi complexo, que en realidade se trata dunha auténtica reconversión. Na dirección da empresa o único cambio que houbo foi o do presidente de Correos, que é un cargo político do goberno de turno. O resto son os mesmos xestores que estaban no goberno do PP e que tentan garantir certa paz social dentro da empresa ante esta reconversión e ten unha conta de resultados excelentes con moitos beneficios, grazas a nosa explotación.

Por iso desde a CIG consideramos que é fundamental mobilizar a xente, aínda que desde a propia dirección se está a crear un clima de medo e pánico, xa que agora o despido é moito máis barato e flexíbel para Correos.

Hai uns sindicatos que nesta situación están a actuar en plan sectario e que contribúen a crear este clima de medo e pánico entre a xente. Nós temos contactis cos outros cinco sindicatos que están en contra de todo este proceso, e que tentamos ao mesmo tempo a través das vías políticas e xudicial modificar o percorrido que quere levar a Dirección de Correos en contra dos dereitos dos traballadores e traballadoras, e pola defensa dos nosos dereitos continuaremos a pular día a día.

 
 

Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.

  Zélia García
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/11/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta