ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 6 de outubro de 2006

O venres 6 de outubro haberá xuntanza coa empresa e concentración na Once
Entrevista con Lago Portela sobre o conflito de Garevol

 

Zélia García-

zelia@galizacig.net


  Concentración Garevol Traballo Vigo, clic para aumentar
Álex Lago Portela: “O noso obxectivo é obrigar á parte empresarial a se achegar a negociar um convenio digno. Nós estamos a reclamar pasar de 626 euros, que é o noso salario base, a 700 euros. Aínda que pareza unha suba salarial importante, do 10%, a metade deste salario está a ser pago pola Xunta”.
Concentración Garevol Traballo Vigo, clic para aumentar
Concentración Garevol Traballo Vigo, clic para aumentar
O xoves 5 de outubro, cuarto día de folga no centro especial de emprego Garevol, houbo unha concentración fronte á Consellaría de Traballo. (Fotos: ©galizacig.com 05/10/2006).
 
O xoves 5 de outubro, cuarto día de folga no centro especial de emprego Garevol, houbo unha concentración fronte á Consellaría de Traballo. Nesta mobilización o delegado provincial informou de que o venres a empresa Garevol volverá ás negociacións cos traballadores.

O Comité de Folga anunciou que acudirá a esta xuntanza coa firme vontade de non renunciar á súa táboa de reivindicacións. A continuación reproducimos unha entrevista realizada o xoves ao secretario do Comité de Empresa e delegado da CIG, Álex Lago Portela.


Zélia García: Como xorde o conflito laboral em Garevol?

Álex Lago Portela: As raigames veñen xa desde hai 10 anos cando nace Garevol como unha empresa de discapacitados, onde realmente a política era integrar á xente discapacitada no mundo laboral ordinario. O que en principio era unha boa idea derivou en que este tipo de empresas convértense nun ghetto. Non serven para integrarse no mundo laboral senón para converternos en man de obra barata.

O noso salario é o SMI, onde o 40% deste salario está a ser pago pola Xunta. O custo salarial destes traballadores non chega aos 400 euros.

Zélia García: No cuarto día de folga estanse a cumprir os obxectivos que vos marcastes?

Álex Lago Portela: O noso obxectivo é obrigar á parte empresarial a se achegar a negociar um convenio digno. Nós estamos a reclamar pasar de 626 euros, que é o noso salario base, a 700 euros. Aínda que pareza unha suba salarial importante, do 10%, a metade deste salario está a ser pago pola Xunta.

Xa que a Xunta paga o 42% do noso salario, queremos que non sexa só árbitro deste conflito senón parte na mesa negociadora. É fundamental que a Xunta sexa o valedor das subvencións, porque é moi cómodo dar os cartos e que non se faga um seguimento das mesmas.

Estamos a reivindicar algo tan sinxelo como um convenio para a nosa empresa. O noso convenio renóvase cada catro anos e a suba salarial foi por debaixo do IPC.

Zélia García: Outro dos pontos fortes que denunciades nesta folga é o problema dos enclaves laborais. Cóntanos um pouco cal é a situación coa que vos encontrades.

Álex Lago Portela: Os enclaves laborais están facilitados por unha lei da última etapa do PP. Coller traballadores que están nun centro especial de emprego e mandalos a unha empresa ordinaria, as condicións de traballo son no mesmo ritmo produtivo que na empresa ordinaria pero legalmente se lles vai pagar como no SMI, iso é precarizar os postos de traballo, iso é, aínda máis, que aos traballadores con discapacidade se lles recorte a súa liberdade como traballadores, e a nosa central sindical non pode permitir estas actuacións sindicais

Zélia García: Que papel mantivo a CIG durante todo este proceso?

Álex Lago Portela: A CIG está a levar a organización deste conflito, UXT e CCOO o único que fan é traer bandeiras. A CIG está a poñer tanto medios humanos como materiais para levar a cabo este conflito e cumprir os obxectivos que temos marcado. Tamén está a aplicar o principio de solidariedade entre traballadores, contando co apoio de compañeiros da CIG doutras empresa e federacións nas nosas concentracións.

Zélia García: Que papel xogan dentro do conflito os outros accionistas de Garevol?

Álex Lago Portela: Máis do 51% é da Once. A Once é um clúster económico que está a vender integración, pero de feito realmente colabora a precarizar a vida do traballador discapacitado.

Dalphimetal, que é socio e principal cliente, beneficiouse xa que paga a hora produtiva a 5,40 euros, ademais nós somos man de obra barata porque estamos subvencionados, e esa subvención non repercute á hora de pecibir um mellor salario, o que están é beneficiando e explotando a nosa condición.

Zélia García: E por último, esta é a primeira vez que se convoca unha folga na vosa empresa. Como ten sido a experiencia para os traballadores?

Álex Lago Portela: Esta central sindical sempre atopou un problema importante á hora de mobilizar este colectivo que ten unha moi difícil integración no mundo laboral. É difícil tamén coa situación económica tan precaria que temos nesta empresa tentar mobilizar os traballadores. Iso si, despois de 10 anos de precariedade chegou un momento en que a xente xa se sensilbilizou e decatouse de que a única maneira de conquerir melloras salariais e melloras no posto de traballo é pola mobilización activa. A CIG en Garevol tentou concienciar de que a loita era o único camiño. É importantísima esta folga, que por vez primeira o 100% do cadro de persoal se mobiliza por uns salarios xustos e por unha situación laboral, igual que unha empresa ordinaria.

 
 

Zélia García,
membro de CIG-Comunicación.

  Zélia García
 
 
Informacións relacionadas
04/10/2006 Este mércores 4 ás 11:30 mobilizaranse na Cogami
Os traballadores e traballadoras de Garevol en folga concéntranse fronte á ONCE en Vigo
03/10/2006 O delegado provincial investigará o uso das subvencións deste centro especial de emprego para minusválidos
Máis de 200 persoas concéntranse diante da Consellaría de Traballo na primeira xornada de folga en Garevol
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/10/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta