Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 28 de outubro de 2006

Opinión non é información
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Eneko, clic para aumentar
Eneko, clic para aumentar
Eneko, clic para aumentar
Eneko, clic para aumentar
 
Cando lemos en todas as partes verbo a crise de veracidade da prensa escrita ou non escrita, semella que para os principais xornais, canles de televisión, emisoras de radio e calquera outro medio, a crise é cos outros, cos que non son eles, cos demais, eles nin menten, nin manipulan, nin opinan... “informan”.

Dicía o pedagogo brasileiro Paulo Freire, o autor da “Pedagogia do oprimido”, que o ser humano é subxectivo porque é suxeito e non pode ser obxectivo porque non é obxecto. Sirva esta xusta e intelixente definición de Freire para restar dramatismo ao feito de que os medios de comunicación representen unha determinada idea política ou social, que entra dentro da lóxica. O problema vén cando para representar as súas ideas e facer que estas predominen sobre as demais esmagan e menten nas ideas doutros ou deturpan e crean imaxes distorsionadas alí onde antes non existían.

Este actuar non tería maior problema se o opoñente posuíse os mesmos medios de comunicación que esmagan e menten, pero o opoñente non é Chávez, nin Fidel, nin Evo Morales, nin Batasuna, nin a “insurxencia iraquí” senón que somos todas e todos nós, que a fin de contas somos os receptores da mentira (ou da media verdade) e somos constantemente esmagados cada vez que a recibimos nun xornal, na radio ou na televisión.

Os “defensores” do lector, do oínte ou do televidente son empregados destas canles e serven para xustificar (daquela maneira) a “imparcialidade”, lapsus ou erro involuntario da noticia. Serven, ademais, para colocar correccións ao número de quilómetros cadrados de Alaska, ao nome da desembocadura dun río ou para xustificar o inxustificábel, pero os erros en quilómetros cadrados ou en nomes de vilas ou cidades non deturpan a realidade como facer da opinión unha información.

Entre as diversas formas de encubrimento e de moldeado de ideas e perversións que utiliza a prensa, en calquera das súas formas, está a de que non ten responsábeis. O xornalista que escribe unha burrada culpa o editor de que cortou ou mudou o sentido orixinal da súa crónica. O editor di que non é así, e a noticia, que nunca será escrita por unha cabeceira (nome do xornal) senón por unha persoa, será vista por máis de 600.000 persoas ou por máis de dous millóns.

Detrás dunha cabeceira como El País, El Mundo, The New York Times, El Nuevo Herald hai mulleres e homes que inflúen cos seus pensamentos e cos seus xuízos sobre millóns de persoas, e nós non sabemos a que intereses pertencen ou defenden estes homes e mulleres. É tan grande o grao de descoñecemento que incluso os mesmos traballadores dos medios descoñecen a quen están suxeitos ou a que obedecen.

A deturpación da realidade, perigosa porque non deixa de ser unha mentira, non ten maior repercusión na prensa. Lembremos a The New York Times cando escribiu en xuño de 2004 aos seus lectores unha nota pedindo desculpas pola falsidade das informacións da campaña de armas de destrución masiva de Iraq. Unha vez recoñecida a inexistencia das armas, a publicación dunha desculpa é abondo? Que fixeron os lectores? Pasaron de páxina? Compraron outra vez The New York Times ao seguinte día? Desculparon as familias afgás ou iraquís ao The New York Times? Esta última pregunta é innecesaria, pois o xornal neoiorquino pediu desculpas aos seus lectores e non aos afgáns ou iraquís.

Caso similar aconteceu en Caracas, Venezuela, co xornal El Nacional, que publicara unha páxina enteira en 2002 cunha entrevista a Ramonet na que este dicia que “Chávez o defraudara”. Este entre aspas foi, naturalmente o que colocou o xornal como titular. A mentira non durou máis de 10 horas porque Ramonet dixo que nunca fora entrevistado e El Nacional recoñeceu que eles (ou el?) tampouco fixeran a entrevista, malia mercala a unha persoa á que non “verificaron” a súa procedencia ou a veracidade da entrevista. Esta “excusa” non aminorou a artillaría barata de El Nacional (e otros xornais e canles) que perderon hai moito tempo a vergoña e a credibilidade.

Coñecemos milleiros de casos coma estes. A opinión dos medios converteuse en información, pero o problema é cada día maior cando empezamos a coñecer quen son os propietarios dos medios, a calidade dos seus xornalistas e os principios que defenden.

Dende o mentireiro e deprimente titular da prensa española do 1 de setembro de 1939 “Polonia ataca Alemaña” até chegar a casos coma os de hoxe nos que os protagonistas son Chávez, Morales, Castro, Kim Zong Il, Mahmud Ahmadinejad e unha longa fila de indesexados e pestilentes “líderes terceiromundistas” que tanto xornais de “centro” ou de “esquerdas” colocaron entre os seus obxectivos.

Unha reportaxe inocente, para quen non estea adestrado nestas mentiras pode ser un bo exemplo. O uso da linguaxe cando se refiren ás persoas anteriormente citadas. As reportaxes fotográficas son outra materia para ter en conta cando de manipulación falamos. Poñamos un exemplo:


El Nuevo Herald de Miami

Na portada do xornal de Miami hai unha reportaxe fotográfica dos dous candidatos á presidencia venezolana nas eleccións do 3 de decembro: Manuel Rosales e Hugo Chávez. A reportaxe, aínda que leva o mesmo título “Candidatos en Campaña”, mostra fotos totalmente opostas pero non ao chou, senón friamente calculadas.

Na reportaxe dedicada a Chávez vemos primeiros planos, fotos de Chávez só, fotos de persoas soas, grupos de tres ou catro. Isto indica pouca cantidade de xente que apoia a Chávez. Só a primeira foto, a do camión, representa un grupo grande.

En contraposición a esta reportaxe de grupos de tres a cinco persoas seguidoras de Chávez, temos outra dedicada ao candidato opositor Manuel Rosales. Nesta reportaxe vemos fotos de decenas de miles de persoas. Tomas aéreas, e incluso se especifica nas fotos que “milleiros de persoas apoian o candidato Manuel Rosales”, mentres que na reportaxe de Chávez non aparece nunca a palabra “milleiros”. Unha das fotos de Chávez é inaugurando un centro de Alcohólicos Anónimos, mentres que na reportaxe de Rosales a actriz cubano-venezuelana María Conchita Alonso dá o seu apoio dende Washington ao presidente (a reportaxe non era da campaña en Venezuela?).

Pero o mellor é que debaixo destas dúas reportaxes fotográficas aparece unha reportaxe co nome de Independent Venezuelan American Citizens (Cidadáns Venezuelano-americanos independentes). O termo independente é coma un carimbo de pedigree de “imparcialidade” que tamén é usado moito por medios de comunicación para demostrar “obxectividade”. A reportaxe non é máis que o apoio dos venezuelanos de Miami ao candidato opositor Manuel Rosales. Por que esa teima en poñer independente cando se está na oposición?

O feito é sinxelo. Medios de comunicación alternativos, non independentes, dependentes de verdades que son as que lexitiman os medios. Pulcritude no tratamento dos temas, con coñecemento e profundidade. Non caer nos lugares comúns da prensa “fast food” como a que tenta dominar o mundo. Moitos dos xornalistas (oportunistas) defenden a súa imparcialidade dentro de medios de comunicación que son coma a cociña dun restaurante e o cociñeiro dirixíndose aos animais: Con que salsa queren que os cociñe hoxe?

Nós non queremos ser cociñados en ningunha salsa.




Nota:

Os debuxos que acompañan este texto son do artista gráfico vasco-venezuelano Eneko Las Heras para unha exposición colectiva que se desenvolveu en Caracas co título “NO es una exposición”.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/10/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta