Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 20 de outubro de 2006

Xesús María Pastoriza, responsábel da área de Transportes e Telecomunicacións da FGAMT-CIG:
“A subcontratación da xestión de aparcamentos e garaxes significa precariedade nos salarios e contratos”

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Xesús María Pastoriza, clic para aumentar
Xesús María Pastoriza: “Queremos que desde o propio convenio se prohiba a subcontratación da actividade principal da empresa. Non nos negamos a que se subcontrate a limpeza, a seguridade e o mantemento, pero o que é a xestión do aparcamento, si demandamos que non se poida subcontratar, pero a patronal tamén se negan. A subcontratación nas explotacións significa precariedade dos traballadores, tanto do punto de vista salarial como contractual porque as empresas coas que se subcontrata son empresas de seguridade ou de servizos que os contrata como coontroladores”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Salarios brutos duns 750 euros e xornadas de 12 horas, son as condicións laborais das que parten os traballadores e traballadoras afectados polo convenio de aparcamentos e garaxes. No actual proceso de negociación demandan un incremento salarial lineal de 130 euros e que se melloren as súas condicións laborais, algo que a patronal non está disposta a aceptar. Xesús María Pastoriza explica a situación na que se atopa a negociación do novo convenio e anuncia mobilizacións en Vigo, Santiago e A Coruña.


Paula Castro:
Por que está paralizada a negociación do novo convenio para este sector?

Xesús María Pastoriza: O problema é que houbo dúas xuntanzas coa patronal antes do verán e non se chegou a ningún tipo de acordo e agora a patronal non senta a negociar. Houbo despois asembleas de traballadores para explicar as propostas empresariais, que incluían flexibilización da xornada, ou desaparición da antigüidade, entre outras cousas e a plataforma conxunta elaborada polas centrais sindicais CIG, CCOO, UGT e CGT. A decisión das asembleas foi negociar sobre a nosa plataforma e rexeitar a proposta da patronal.

Paula Castro: En que consiste esa plataforma?

Xesús María Pastoriza: O máis urxente é o problema salarial, porque este é un convenio que desde outros puntos de vista non está mal pero que desde o punto de vista salarial non é que sexa baixo, senón que é ridículo. Estamos falando de salarios que, en bruto poden andar arredor dos 750 euros, é dicir, que en líquido quédanlles pouco máis de 600 euros.

Paula Castro: Que labor desenvolven estes traballadores?

Xesús María Pastoriza: Son os que xestionan o garaxe, cobran no aparcamento, repoñen tiquets nas máquinas, fan o mantemento básico... Este convenio tamén colle a zona azul, ou sexa, os traballadores da ORA. No seu caso, como tamén hai convenios provinciais que melloran as condicións do convenio galego, están en mellor situación.

Paula Castro: Cales son as reclamacións salariais?

Xesús María Pastoriza: Pedimos unha suba lineal de 130 euros en dous conceptos, 80 euros lineais en salario base e 50 en plus convenio. Ademais diso, o IPC real máis o 3% no resto dos conceptos económicos. Esa é unha das partes máis importantes. A respecto desta demanda a patronal só está disposta a aceptar o IPC previsto con revisión do IPC real.

Paula Castro: Outra das reclamacións da plataforma é a prohibición das subcontratas. Como inflúen nesa precariedade que padece o sector?

Xesús María Pastoriza: Queremos que desde o propio convenio se prohiba a subcontratación da actividade principal da empresa. Non nos negamos a que se subcontrate a limpeza, a seguridade e o mantemento, pero o que é a xestión do aparcamento, si demandamos que non se poida subcontratar, pero a patronal tamén se negan. A subcontratación nas explotacións significa precariedade dos traballadores, tanto do punto de vista salarial como contractual porque as empresas coas que se subcontrata son empresas de seguridade ou de servizos que os contrata como coontroladores. O problema é que a categoría de controlador non existe como tal no convenio de seguridade. Polo tanto páganlles o que considere a empresa oportuno. Mesmo as xornadas son de 12 horas na vez de oito como ten un traballador por convenio.

Paula Castro: Sobre este tema xa tedes presentado denuncia ante a Inspección. Houbo algunha resposta?

Xesús María Pastoriza: Presentamos denuncia na Inspección de Traballo de Vigo, porque é onde está fundamentalmente este problema. En Vigo hai unha ducia de aparcamentos e seis novos a piques de comezara funcionar.. Acabamos de recibir dúas actas da Inspección esmagadoras, unha de Pontevedra e outra de Vigo, dicindo que hai unha cesión ilegal de traballadores. Ou sexa, que polo momento, a Inspección xa nos dá a razón e empraza ás empresas a que contraten directamente os traballadores. Ao tempo sancionan ás empresas por faltas moi graves. Coa nova lexislación e coa resposta da Inspección os traballadores teñen dereito a escoller en que empresa se quedan: se prefiern continuar na empresa de seguridade en outro posto de traballo ou se queren quedar na empresa de aparcamentos na que están traballando co convenio que temos. En síntese, que aquí atopamos un problema de ilegalidade e de irregularidade.

Paula Castro: Estas concesións dependen dos concellos. Vaise demandar a súa mediación?

Xesús María Pastoriza: Estamos agardando a que cheguen as actas para logo solicitar entrevistas cos alcaldes para comunicarlles non o que dicimos nós senón o que di a Inspección para que actúen de forma que se garanta a legalidade. Hai un precedente xa en Ferrol onde hai uns días o concello quitou a concesión do aparcamento do Inferniño, primeiro porque o mantemento era moi malo e a xente queixábase e segundo por subcontratar a outra empresa. Habendo este precedente entendemos que os concellos terán que tirar por aí. En todo caso, se chegamos á folga tamén teriamos que buscar ben a súa mediación directa ou a través da FGAMP, ben a mediación da Consellaría de Traballo ou de Industria.É un tema do que teremos que falar as centrais sindicais.

Paula Castro: Ademais das demandas salariais, que outras cuestións figuran na plataforma conxunta?

Xesús María Pastoriza: En días de asuntos propios pedimos catro e a patronal non está disposta a aceptar ningún. Si estaría disposta a negociar dous pero non pagados, ou sexa, a conta do traballador. Pedimos tamén que os 20 minutos de descanso na xornada efectiva estean dentro da xornada. A patronal só manifestou a súa disposición a aceptar un ano de convenio con IPC previsto e revisión do IPC real, e non tocar ningunha outra cousa. A partir de aí levantáronse da mesa e agora néganse a sentar.

Paula Castro: Diante desta actitude, tedes convocado mobilizacións?

Xesús María Pastoriza: Si, houbo unha xuntanza das centrais sindicais CIG, CCOO, UGT e CGT nas que acordamos unha serie de mobilizacións. Primeiro roldas de prensa da mesa negociadora en Vigo Coruña e Santiago, para empezar polas cidades máis grandes e logo unhas concentracións dos traballadores nas mesmas cidades. En Vigo será o día 24 as 11:00 horas, na Estación de Ferrocarril; en Santiago o día 27 ás 11:00 horas na Alameda e en A Coruña será o día 30, tamén ás 11:00 horas, no Quiosco da Praza de Ourense. Acabadas as concentracións, hai un acordo de volver a reunirnos as centrais sindicais e analizar, se a patronal non se sentou, a posibilidade dunha folga sectorial.

Paula Castro: O problema engadido ao que vos enfrontades é que malia ser un convenio galego a patronal que negocia é de fóra. Por que se dá esta situación?

Xesús María Pastoriza: Efectivamente, porque a patronal galega non existe. A explicación é que a concesión para a xestión dos aparcamentos fórona collendo empresas de fóra de Galiza, entón a patronal que pinta algo galega é a de aparcamentos pequenos na zona de Vigo, o resto está fóra.

 
 

Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.

  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/10/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta