Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 20 de setembro de 2006

Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT-CIG:
“De ser galego o convenio de Conservas de Peixe, os resultados terían sido substancialmente diferentes”

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Xosé Fernández Piñeiro, clic para aumentar
Xosé Fernández Piñeiro: “A decisión de non asinar obedeceu fundamentalmente á vontade maioritaria dos traballadores e traballadoras do sector, á marxe de que as condicións do convenio son impresentábeis tanto no económico como no social. Cabe lembrar que a nosa posición era a de defender unha redución da xornada actual, incrementos salariais por enriba do IPC real, que permitira a recuperación do poder adquisitivo, tendo en conta os modestos salarios deste convenio; a equiparación dos salarios do peón de Oficios Varios a auxiliar de fabricación e Oficial de 2ª, o abono do 100% nas baixas de IT, as saídas á consulta médica sen límites... e ao final o que se obtivo foi un convenio no que mesmo se asume a discriminación salarial de xénero, xa que os salarios máis baixos na mesma categoría e das mulleres que son o 90% deste sector”. (Foto: ©galizacig.com).
 
O 28 de xuño, CIG, CCOO e UGT rexeitaban a proposta patronal para o Convenio estatal de Conservas de Peixe e acordaban reanudar as negociacións no mes de setembro. Un mes despois, o 28 de xullo, CCOO e UGT asinaban un preacordo cos mesmos contidos que a proposta da patronal rexeitada co anterioridade. O secretario nacional da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transportes, Téxtil e Telecomunicacións da CIG, Xosé Fernández Piñeiro, explica nesta entrevista as causas que levaron aos sindicatos españois a asinar o convenio e as repercusións que terá para as traballadoras e traballadores do sector, canto a merma das súas condicións salariais e sociais.


Paula Castro:
A sinatura do convenio da conserva por parte de CCOO, UGT e a patronal supuxo rachar co anteproxecto unitario que se estaba defendendo. Por que cres que decidiron asinar coa patronal e descolgarse desa plataforma unitaria?

Xosé Fernández Piñeiro: O desmarque de CCOO e UGT do Anteproxecto Unitario viu provocado porque diante da dura posición da patronal durante o proceso de negociación, a CIG anunciou que sería preciso mobilizarse, algo ao que eles non estaban dispostos. Por iso se desmarcaron. O Anteproxecto unitario era ambicioso e recollía aqueles aspectos máis importantes para a CIG canto á demanda de salarios dignos, redución de xornada, emprego estábel, categorías... De ter conseguido a súa aprobación tería suposto un salto importante tanto nas condicións económicas como sociais das traballadoras e traballadores do sector. A CIG, no seu momento, advertiu que a unidade sindical na defensa do Anteproxecto debía ser exercitada na práctica sindical, na defensa dun convenio digno e, polo tanto, facer fronte común, con capacidade mobilizadora para acadar eses obxectivos. Nós tiñamos claro que non podiamos manter unha actitude pasiva neste proceso negociador, máis se a patronal continuaba a aparcar todas e cada unha das nosas reivindicacións, alén de querer introducir recortes ás poucas garantías que temos hoxe.

Paula Castro: Houbo consultas aos traballadores e traballadoras para coñecer a súa posición a respecto dos contidos do convenio por parte dos sindicatos estatais?

Xosé Fernández Piñeiro: CCOO e UGT non consultaron aos traballadores. A CIG foi o único sindicato que informou en todo o proceso negociador convocando asembleas ou repartindo panfletos. A vontade maioritaria das traballadoras e traballadores deste sector (moi importante na economía galega) era de rexeitar o preacordo por consideralo impresentábel e alleo ás demandas máis importantes deste sector. Por iso celebramos unha mobilización e iniciamos unha campaña de recollida de sinaturas, que adxuntamos e entregamos na delegación da Consellaría de Traballo xunto cos nomes das empresas e centros de traballo, como forma de certificar a vontade maioritaria das traballadoras e traballadores de rexeitar ese convenio.

Paula Castro: Este proceder por parte dos sindicatos estatais, supón un abandono da defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras do sector?

Xosé Fernández Piñeiro: Desde logo. O comportamento de CCOO e UGT mesmo poderiamos cualificalo de amarelo, tanto polo vergoñento dos contidos como polas formas empregadas, alleas a calquera cultura democrática nas relacións laborais.

Paula Castro: Resulta rechamante o peso porcentual que ten o sector no contexto estatal e que sexan maioritariamente traballadoras e traballadores galegos os afectados/as e que, porén, o convenio se asine a nivel estatal. De ser un convenio de ámbito galego tería sido igual o resultado?

Xosé Fernández Piñeiro: O feito de ser un convenio estatal limita profundamente o ámbito de actuación da CIG. De ser un Convenio galego os resultados (sociais e económicos) serían substancialmente diferentes. Por iso, tamén fixemos chegar á consellaría de traballo a nosa demanda de que se deran pasos para que sexa un convenio de ámbito galego e para que se dean pasos que leven a que na nosa nación exista un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias en materia de negociación colectiva.

Paula Castro: O convenio asínase por cinco anos. Que vai significar para as traballadoras e os traballadores canto a condicións laborais e salariais?

Xosé Fernández Piñeiro: Limitará gravemente a capacidade reivindicativa durante ese período, aínda que nós temos abertas algunhas posibilidades para intentar romper ese “corsé”. Resulta paradoxal que mentres se seguen manifestando por diferentes voceiros oficiais que a man de obra galega mantén un diferencial salarial e de pensións moi importante respecto a outras comunidades, as centrais españolas de CCOO e UGT asinen un convenio por 5 anos que, ademais, sitúa aos traballadores en peores condicións laborais durante ese período.

Paula Castro: A CIG optou por non asinar. Cales foron as razóns que provocaron esta decisión?

Xosé Fernández Piñeiro: A decisión de non asinar obedeceu fundamentalmente á vontade maioritaria dos traballadores e traballadoras do sector, á marxe de que as condicións do convenio son impresentábeis tanto no económico como no social. Cabe lembrar que a nosa posición era a de defender unha redución da xornada actual, incrementos salariais por enriba do IPC real, que permitira a recuperación do poder adquisitivo, tendo en conta os modestos salarios deste convenio; a equiparación dos salarios do peón de Oficios Varios a auxiliar de fabricación e Oficial de 2ª, o abono do 100% nas baixas de IT, as saídas á consulta médica sen límites... e ao final o que se obtivo foi un convenio no que mesmo se asume a discriminación salarial de xénero, xa que os salarios máis baixos na mesma categoría e das mulleres que son o 90% deste sector. Esta discriminación está camuflada por unha clasificación de categorías de nome diferente (oficios varios e fabricación). A modo de exemplo, un axudante de oficios varios (home), ten un salario superior a unha Encargada de Fabricación. Ante isto, na CIG reservámonos as medidas legais que podan levar a restaurar o dereito inalienábel de a iguais categorías iguais salarios, sexa home ou muller.

Paula Castro: Cantos traballadores e traballadoras están afectados por este convenio?

Xosé Fernández Piñeiro: As traballadoras e traballadores con contrato estábel, fixos e discontinuos son arredor de 6.000 na nosa nación. Este número vese incrementado nos meses de campaña con arredor de 4.000 máis, eventuais e ETTs.

Paula Castro: O pasado 5 de setembro houbo unha concentración de delegados e delegadas en Vigo, tivo algunha incidencia na decisión ratificada por esas cúpulas?

Xosé Fernández Piñeiro: Despois da concentración CCOO e UGT non variaron a súa decisión e asinaron o convenio. O descontento de moitas compañeiras e compañeiros de CCOO e UGT actualmente debemos aproveitalo para tratar de conseguir a maioría absoluta do sector nas próximas eleccións sindicais e formalizar un convenio galego.

 
 

Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.

  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/09/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta