|
Actualidade / Opinión Silvia Bermúdez Pérez-
O meu país ardía, non por fenómenos naturais, non por un descuido, era por unha acción intencionada. Os terroristas do lume están organizados, saben como e onde producir o maior dano e iso é o que fixeron de xeito deliberado. Non podo explicar doutro xeito as 77.000 hectáreas queimadas tan só en doce días. Mentres Galiza loita contra o lume a gaivota carroñeira ataca ao goberno, di que non hai medios, que non hai coordinación, di que aquí non manda ninguén. Pero non di que o operativo é o mesmo que o de anos anteriores, non di que foi mellorado pola creación dunha brigada especial e por unha selección seria de persoal cualificado para as brigadas, non di porque 33 concellos(1) (trinta gobernados polo PP) rexeitaron dotarse de brigadas.
Tal vez gaivota carroñeira o que tiñas que facer é explicar por que, tras dezaseis anos de desgoberno, convertiches a nosa terra nun polvorín, nunha bomba incendiaria; eucaliptos e piñeiros apilados como sardiñas, mato sen control, peche de explotacións agrarias, peche de explotacións gandeiras, desertización do rural, abandono do monte... Ou a túa cegueira selectiva te impide ver a realidade? Ti, gaivota carroñeira dis que non houbo condicións climáticas excepcionais. Non sentiches as altísimas temperaturas, o moi baixo grado de humidade, e os fortes ventos? O elemento estrutural de abandono do monte xunto ao elemento coxuntural dunhas condicións metereolóxicas excepcionais e inusuais, propiciaron aos terroristas du lume, o mellor dos escenarios posíbeis para o seu macabro plan. Quen plantou lume ao noso país sabía o que facía, e non o digo eu, o din os centos de profesionais que loitaron para apagalo. Un bombeiro de Andorra dicíame “están xogando con nós ao rato e ao gato, arde nun sitio e cando o temos controlado comeza a arder noutro e así sucesivamente”. Quen dirixía aos bombeiros de Aragón era da mesma opinión, “quen fai isto coñece moi bien o monte e sabe cando plantar lume, son profesionais, plantan xusto cando as condicións climatolóxicas son mellores, coñecen o lume tanto coma nós”. O Partido Popular ten a grandísima cara de dicir que non hai un modus operandi excepcional, entón como defines ti, gaivota carroñeira, as explosións que a xente escoita no monte, que o monte arda en catro sitios ao mesmo tempo, que se atente en zonas moi habitadas, que se prenda pola noite cando os medios aéreos non poden actuar, que se ataquen as vías de comunicación? Claro, ti unicamente ves “pequeños hilillos de plastilina en estiramiento vertical”, que “no se va a verter un sólo litro más” (21/11/02, Mariano Rajoy). So ti tes a verdade “no es en ningún caso una marea negra, se trata sólo de manchas localizadas” (23/11/02, Mariano Rajoy). Menos mal que existes para saber que “la situación está controlada” e que “ya pasó el peligro más grave” (15/11/02, Manuel Fraga)(2). Gaivota carroñeira, eres desleal e demagóxica. O teu problema non é como dis que en Galiza xa non mande ninguén, o problema é que xa non mandas ti, e iso non o podes aturar.
|
|||||||
|
|||||||
|
|
|||||||
|
Notas: (1) Concellos de Aranga, Abegondo, Cambre, Curtis, Barreiros, Láncara, Mondoñedo, O Incio, Paradela, O Páramo, Riotorto, Samos, A Teixeira, Borborás, Chandrexa de Queixa, Esgos, Laza, Lobeira, Manzaneda, Petín, Póvoa de Trives, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Trasmiras, Mancomunidade de O Carballiño, A Cañiza, A Lama, As Neves, Barro, Cruces, Dozón, Rodeiro e Valga. Todos, agás Cambre, Petín e San Xoán de río, gobernados pola gaivota carroñeira. (2) O 13 de novembro do 2002 o Prestige, buque afectado por un acusado escorameno, solicita evacuación. Ao día seguinte o buque comeza a ser remolcado, seguindo unha traxectoria errática e incompremsíbel. O 16 de novembro chegan as primeiras manchas de fuel á costa. O 19 de novembro o Prestige parte en dous e afunde a 270 km das Illas Cíes, neste momento escomeza unha nova e grande marea negra producida pola maior incompetencia e neglixencia política da historia. O 11 de marzo do 2003 aínda eran visíbeis, en fotos por satélite, manchas de fuel no mar. Mentres iso sucedía os poderes públicos censuraban a información e falseaban a verdade. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/08/2006 |
|||||||
|